0 Gardados para despois

Caballero recorre a sentenza que ordena derrubar a cruz franquista do Castro

Redacción | @prazapublica

A Asociación pola Memoria Histórica do 36 exixe ao Concello a derruba da Cruz do Castro en Vigo, o monumento de exaltación fascista que debe ser suprimida segundo o xulgado do contencioso-administrativo número 2 da cidade, que hai uns días deu razón a este colectivo e condenou o goberno local a proceder "de maneira inmediata" a retirala por ser "unha humillación para os vencidos". Pero non opina o mesmo o alcalde, Abel Caballero, que vén de anunciar que a administración local recorreu a sentenza e, xa que logo, intentará evitar o derrubamento deste símbolo da ditadura franquista.

Caballero anunciou que o Concello recorrerá a sentenza ante o TSXG para evitar o derrubamento da Cruz do Castro

A sentenza feita pública a pasada semana supuxo o éxito da mobilización e a loita social que numerosos colectivos lideraron pola retirada deste símbolo franquista inaugurado en 1961 polas autoridades da ditadura para homenaxear os "caídos", os sublevados fascistas que loitaron contra a legalidade republicana. Pero o ditame non é firme e o Concello de Vigo ten un prazo de quince días para recorrer ante o TSXG. E o alcalde socialista Abel Caballero xa anunciou a presentación dun recurso ao ditame xudicial. Os seus argumentos son que o Concello sempre recorre e que o monumento xa non é un símbolo franquista senón relixioso. "Faremos igual que con todos os procedementos xudiciais e este non é unha excepción", asegurou ante os medios.

Porque aínda que o goberno local, e en aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007, eliminou varios escudos ou emblemas franquistas na cidade, a Cruz do Castro continuou en pé. Foi precisamente unha resolución da xunta de goberno local de marzo de 2013 a que deu inicio a este proceso xudicial que agora culmina. Daquela rexeitouse a retirada da cruz ao considerarse tamén que desde que se retiraran as alusións á ditadura no monumento, este xa non era un símbolo franquista, senón unicamente relixioso. Pero houbo máis. Hai agora un ano, o pleno tamén dixo non a unha proposta do BNG que nunha moción instou á súa derruba. O PSOE daquela abstivérase e o PP votara en contra.

A Asociación pola Memoria Histórica do 36 culpa a Caballero de que "este monumento fascista" non fose derrubado aínda

Este mesmo luns, a Asociación pola Memoria Histórica do 36, celebrou unha sentenza que restitúe, “preto de 80 anos despois” a memoria dos que defenderon a legalidade da República fronte ao golpe de estado franquista. Manuel Reinoso, un dos voceiros, sinalou directamente o alcalde como culpable de que “este monumento fascista, o símbolo máis visible da ditadura na cidade” non fose derrubado aínda e lembrou que Caballero "ignorounos" como se fosen "escoria".

“Coa súa prepotencia antidemocrática non fixo caso ningún das nosas peticións” nin de as mocións presentadas no pleno, polo que non tiveron máis alternativa que acudir á xustiza. "Recorrer é a peor das opcións", aseguraron desde o colectivo.

Ademais, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou este luns que o Bloque "non entendería que o goberno local recorrese a sentenza". "Reclamamos que a derrube o antes posible porque é unha cuestión de xustiza en todos os sentidos”, destacou, lembrando que a Cruz do Castro simboliza a vitoria dun dos bandos, en concreto o bando nacional.

“Cando o BNG tivo responsabilidades de goberno, foi coherente e eliminou a simboloxía franquista da Casa das Artes”, destacou a voceira nacionalista en relación á retirada do escudo e as inscricións franquistas do frontispicio deste edificio, a finais de 2010, sendo tenente de alcalde Santi Domínguez.

"Parece que o alcalde prefire a lei da amnesia histórica", asegura o BNG, que pide que se acate a sentenza

“Parece que o alcalde prefire a lei da amnesia histórica”, comentou Veloso, que cre que "ademais de existir unha reclamación política e cidadá, hai tamén unha unha reclamación xudicial", polo que reclama "unha demolición inmediata e que o goberno non recorra a sentenza”.

Por outra banda, o coordinador local de EU, Rubén Pérez, discutía a escusa do custo da derruba e apostaba por cumprir a sentenza. “O custo de retirar a Cruz do Castro pode ser cero euros. Que pidan voluntarios que imos ser un feixe que aparezamos co pico e marreta”, dixo nunha mensaxe nas redes sociais.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.