0 Gardados para despois

O Sergas contradí os doentes de cancro e nega que vete medicamentos para aforrar

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A alerta saltaba o pasado agosto e, novamente, de man dos pacientes. Poucos días despois de que o Goberno de España fixese un verdadeiro alarde de medios sanitarios para atender o misioneiro infectado por ébola, Miguel Pajares, a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do Clínico de Santiago (AUSO CHUS) puña o foco sobre o que consideraban unha flagrante "diferenza de trato". "Dende hai tempo existen trabas por razóns económicas para acceder a tratamentos recomendados polos especialistas", aseguraba en Praza Pública a voceira da asociación, Montse Recalde. Agora, Sanidade nega que as protestas dos doentes e de quen os representa teñan base real.

A preocupación de AUSO CHUS centrábase especialmente en medicamentos novidosos, de recente aparición, que "aínda non foron comercializados ou incorporados ao catálogo do Sergas". Nestes casos, explicaba Recalde, "a dirección médica do hospital debe dar a súa conformidade" para que sexan dispensados e é aquí onde entra a valoración económica. "Paradoxalmente -advertía- nas situacións médicas máis graves e delicadas, como as que afectan a enfermos de cancro avanzado, a última palabra non a emite un profesional sanitario, senón un xestor nomeado a dedo, máis permeable ás presións políticas". Algunha destas esperas, advertía, xa tivo resultado de morte. 

Este é o contexto no que chega a resposta a unha batería de preguntas escritas na que o PSdeG cuestionaba a Xunta sobre se os pacientes do Sergas "teñen acceso ás últimas novidades terapéuticas presentadas nos congresos de Oncoloxía internacionais", a respecto dos "criterios" aplicados para autorizar ou non cada medicamento e, sobre todo, sobre se cada hospital "decide como aplica os criterios economicistas a estes tratamentos. Asemade, os socialistas solicitaban saber tamén se "se están aplicando os tratamentos de quimioterapia en todos os centros hospitalarios públicos da rede do Sergas, incluídos os comarcais".

A asociación de doentes de cancro do CHUS denuncia "trabas por razóns económicas" a certos medicamentos; segundo o Sergas "a prestación farmacéutica está garantida"

Na súa resposta o departamento que dirixe Rocío Mosquera comeza por explicar que dende 2010 existe a denominada Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapéutica, "órgano de asesoramento que ten, entre outras funcións, realizar o seguimento da utilización dos recursos farmacoterapéuticos" e propoñer "estratexias de xestión eficientes". Esa comisión, sinala, "regula e harmoniza" os criterios de utilización dos medicamentos "de especial impacto sanitario, social e/ou económico que son solicitados polos profesionais sanitarios". 

Neste contexto, e fronte aos testemuños dos pacientes, Sanidade asegura que "a prestación farmacéutica está garantida, xa que ademais están habilitados procedementos para dar cobertura a situacións clínicas excepcionais de urxencia e/ou en ausencia de alternativas terapéuticas que requiran dun medicamento non avaliado por dita comisión". Fronte ao panorama debuxado pola Consellería dende AUSO CHUS explican que, só en Compostela, "coñecemos media ducia de casos de enfermos aos que se negaron os tratamentos solicitados". "Imaxínese as persoas que non coñecemos e que poden estar nesa situación mesmo sen elas sabéreno", reflexiona Recalde.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.