A Asociación Veciñal de Teis ignora o ultimato do Concello e seguirá no Centro Cívico

Mobilización dos e das veciñas de Teis ante o Concello © AA.VV. de Teis

Nos primeiros días de setembro a Concellaría de Participación Cidadá do Concello de Vigo remitiulle á Asociación Veciñal de Teis un escrito no que lle pide que entregue as chaves da oficina que a entidade utiliza dende hai anos no Centro Cívico de Teis, así coma a retirada do equipamento e documentación propiedade da asociación, e todo isto nun prazo non superior de dez días, un prazo que remata esta fin de semana. Este requerimento sería o derradeiro paso dun proceso iniciado hai meses coa negativa do goberno municipal vigués a renovar o convenio de xestión do Centro Cívico, que pasaría a ser responsabilidade dunha concesionaria privada, e que continuou con sucesivos cortes da conexión a Internet e mesmo da luz.

Os responsables da asociación veciñal xa anunciaron que omitirán este requerimento e que seguirán utilizando as instalacións do centro cívico

Porén, os responsables da asociación veciñal, que levan meses denunciando este plan do equipo de goberno liderado por Abel Caballero, xa anunciaron que omitirán este requerimento e que seguirán utilizando as instalacións do centro cívico, un edificio municipal no que a entidade está presente dende a súa apertura, "sendo promotores da súa instalación no noso barrio, e participando na súa xestión e dinamización". Esta decisión foi adoptada por unanimidade pola xunta directiva da asociación.

A asociación denuncia así mesmo que "nestes meses de mobilizacións e denuncia, Abel Caballero, para xustificar a súa decisión inxusta, caciquil e contraria a participación veciñal e aos intereses do barrio de Teis, acudiu á calumnia e a inxuria pública contra a xunta directiva desta Asociación, o que provocou que presentaramos o pasado mes de xullo unha demanda de conciliación contra Abel Caballero, previa a presentación dunha querela".

Acusan o rexedor socialista de "reducir o investimento sociocultural no barrio" e de favorecer coa súa decisión a unha empresa que xestionará os catro centros cívicos existentes en Vigo

"Nós usamos, nós xestionamos" foi xunto con "O Cívico é de Teis" o lema máis repetido nas numerosas mobilizacións convocadas, unhas protestas que os veciños e veciñas mesmo levaron até o pleno e algúns actos oficiais do alcalde Abel Caballero. Acusan o rexedor socialista de "reducir o investimento sociocultural no barrio" e de favorecer coa súa decisión a unha empresa que xestionará os catro centros cívicos existentes en Vigo. Ademais, cren que con esta medida busca "castigar" a actitude crítica e reivindicativa levada a cabo pola asociación. A Asociación conclúe que a medida reponde "ao afán represor e persecutorio do alcalde ao movemento veciñal e asociativo da cidade que se mostra crítico coa sua xestión".

Mobilización dos e das veciñas de Teis ante o Concello © AA.VV. de Teis
Centro cívico de Teis © AA.VV. de Teis

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.