A Plataforma polo Dereito ao Aborto mantén a "alerta" até a retirada oficial da contrarreforma

Faixa principal da manifestación celebrada en Vigo en xuño pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto Dominio Público @aljo_farias

Á vista de todos os indicios, o Goberno tería decidido aparcar definitivamente a súa polémica e regresiva reforma da lei do aborto, que limitaba considerablemente este dereito e que situaba España como un dos países europeos menos garantistas cos dereitos das mulleres. Así o publicou El Mundo este sábado, e aínda que non se produciu unha confirmación oficial por parte do Executivo nin do Partido Popular, a paralización dáse por suposta en todos os ámbitos. A razón, por riba de calquera outra, está no cálculo electoral, na unánime posición social crítica coa reforma, mesmo entre a maior parte dos votantes populares, que ameazaba os resultados do PP nos comicios locais e autonómicos de maio. 

En boa medida pódese atribuír a retirada do proxecto á mobilización sostida polas plataformas e organizacións que dende hai máis dun ano se veñen manifestando en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre os seus corpos, comezando pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. Unha das súas voceiras, Pilar Estévez, amósase cauta, pero esperanzada en que a retirada do proxecto se confirme: "parece que queren aparcalo", pero sinala que a Plataforma manterá a "alerta" até contar cunha confirmación oficial".

Destaca a importancia do traballo realizado pola plataforma neste último ano e medio, no que as súas accións contribuíron a "crear opinión pública", incrementando a "contestación social". Cre que o Partido Popular acabou por convencerse de que "neste tema teñen en contra a maioría da sociedade", algo que "nun momento es que se están movendo as maiorías políticas e no que estamos tan cerca das eleccións" podería ter consecuencias importantes para eles.

Valora igualmente a presión que neste proceso exerceu "a parte máis reaccionaria do PP”, á que semellaba querer contentar o Goberno, pero que en realidade “parecía que era moito máis o que perdía que o que gañaba con esa posición tan extremista”. De feito, este mesmo luns La Razón publica que Rajoy recibirá a Gallardón para expicarlle as razóns da paralización do proxecto, nun intento de contentar estes sectores ultra que nos últimos día xa comezaron a anunciar mobilizacións en contra do aborto.

A mobilización feminista continúa con vista á conmemoración, o 28 de setembro, do Día Internacional polo dereito ao aborto, data na que a Plataforma prepara unha serie de accións a nivel comarcal

A mobilización feminista continúa, en calquera caso, con vista á conmemoración, o 28 de setembro, do Día Internacional polo dereito ao aborto, data na que a Plataforma prepara unha serie de accións "cunha gran forza simbólica" a nivel comarcal. "É importante seguir mantendo a presión, non coa mesma intensidade, pero hai moitos temas que reivindicar", declara Estévez. "Queremos denunciar que a contrarreforma do aborto non é o único problema, senón toda a política pública que afecta á sexualidade e á saúde das mulleres: xinecoloxía, mamografía, planificación familiar... A situación é un desastre. Hai moito que denunciar", engade.

Faixa principal da manifestación celebrada en Vigo en xuño pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto Dominio Público @aljo_farias
Alberto Ruiz Gallardón, ministro de Xustiza © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.