0 Gardados para despois

"Pedir un protocolo contra o ébola en Lugo é ridículo e racista"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un protocolo para actuar ante posibles casos de ébola en Lugo e, mais concretamente, durante as festas do San Froilán? Esta proposta, por rechamante que semelle, vén de xurdir dende un sector da Policía Local lucense, o representado a través do sindicato CSI-F que, ante a proximidade das festas patronais da cidade, nas que un ano máis se prevé a chegada dun número abondoso de vendedores ambulantes de orixe africana, deron en reclamar do Concello "un protocolo de actuación da Policía Local ante posibles casos de ébola ou de calquera outra enfermidade infecto-contaxiosa", segundo recolle a prensa local. A controvertida petición só atopou xustificación na cúpula do sindicato, que se uniu aos seus compañeiros de Lugo obviando os protocolos oficiais e a opinión dos expertos, que a ven "ridícula".

O CSI-F, especialmente belixerante contra os vulgarmente coñecidos como "manteiros", pide que o consistorio lucense dote os axentes municipais de "equipos básicos de prevención e actuación ante posibles casos de aparición de ditas enfermidades" por mor da presenza de persoas de orixe africana na cidade durante as festas. Mentres, a través das redes sociais, á organización sindical lle chovían as acusacións de "racismo" e "ignorancia" a través da súa conta oficial de Twitter atribuían a polémica a un "titular desafortunado". "A Policía -afirman- reclama medios e protocolos da OMS" e "obviamente, non é cuestión de razas". "Actualmente estanse abordando os protocolos en todos os ámbitos de prevención das comunidades autónomas e Concellos". A súa inefable reclamación en Lugo non responde ao "temor", senón ao "rigor".

O sindicato CSI-F pediu un protocolo "ante posibles casos de ébola" en vendedores ambulantes por seren orixinarios de África

As afirmacións da CSI-F chegan mentres a OMS vén resaltando que "os países con sistemas e servizos de saúde ben constituídos teñen poucas probabilidades, por non dicir ningunha, de que un caso importado redunde na transmisión inexorable da enfermidade". Mesmo en países con "condicións extremadamente difíciles", como Nixeria ou Senegal, "os instrumentos de loita convencionais" estanse revelando como "moi eficaces ao comezo dun brote", explica a Organización. Nun ámbito máis próximo dende a Consellería de Sanidade a súa titular, Rocío Mosquera, resaltou hai escasos días que non se prevé "que poida haber ningún caso de ébola en Galicia" e apelou a "ter total tranquilidade e non crear un problema onde non o hai".

Sanidade apela á "total tranquilidade" e o Concello non "vai poñer en entredito as autoridades sanitarias" para "xerar alarma inxustificada

Dende o Concello lucense fontes municipais consultadas por este diario remítense aos "protocolos" de, precisamente, Sanidade e especifican que, polo demais, o dispositivo do San Froilán é "o de todos os anos". O goberno local, din, "respecta o papel que teñen encomendado os sindicatos" e "non lles vai dicir como facer o seu traballo" pero, en todo caso, tamén é "unha Administración responsable" que "non vai poñer en entredito o que digan as autoridades sanitarias, menos nunha cuestión que podería chegar a xerar unha alarma inxustificada nun tema tan sensible".

"Descoñecemento" e "tintes racistas"

A alerta dese sector da Policía luguesa non atopa sustento nas medidas das administracións nin tampouco na visión das organizacións que traballan acotío coas persoas migrantes, agrupadas no país no Foro Galego da Inmigración. O seu voceiro, Miguel Fernández, ve "absolutamente impresentable" que dende a representación dun corpo policial poida xurdir semellante reclamación. "É tremendo -di, en conversa con Praza Pública- porque significa de novo cargar sobre o colectivo de persoas migrantes situacións coas que non teñen nada que ver", entre outras cousas porque "a maior parte da poboación migrante son persoas que levan vivindo aquí moitos anos, máis aínda os vendedores ambulantes", que adoitan ser "grupos, a maioría procedentes de Senegal".

"Estas persoas teñen tanto perigo sanitario como calquera outra", di o Foro Galego da Inmigración, que insta a Policía a "preocuparse máis" da "reforma sanitaria"

Tendo en conta "como é o virus" do ébola, profunda Fernández, é "practicamente imposible" que afecte a un colectivo como os migrantes en xeral e estes vendedores en particular, porque "os desprazamentos migratorios non son unha viaxe de negocios dun día para a outro", ilustra. Antes de chegar a Europa, e máis aínda a Galicia, estas persoas viaxan durante "meses", con "procesos longos" e a través de países que "teñen os seus controis" de enfermidades aos que se suman "os dos propios Estados europeos". "É practicamente imposible que haxa ningún caso" nun ámbito como o das festas de Lugo e "dicilo é desproporcionado".

Neste contexto, para o Foro a alerta da CSI-F ten a súa orixe no "descoñecemento absoluto da realidade" e amosa "un tinte racista" ao considerar "que este tipo de situacións se van transmitir en Lugo en concreto e nesas datas, como se fose unha especie de invasión". "A maior parte" destes vendedores "poden ter tantos perigos sanitarios como calquera outra persoa" e, en todo caso, suxire, "á Policía Local de Lugo debería preocuparlle máis" a vixente reforma sanitaria do Goberno central, que "deixou fóra da atención sanitaria normalizada" as persoas "en situación irregular", que agora teñen serias dificultades para seren atendidas de xeito ordinario se padecen "enfermidades moito máis comúns que o ébola".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.