O feminismo segue na rúa e non baixa a garda

Manifestación polo dereito ao aborto en Vigo © PGDA

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA) volveu saír este domingo á rúa con motivo do Dia Internacional dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos. Fíxoo en varias cidades galegas "tomando as prazas" con accións reivindicativas nas que cantaron cancións e fixeron un baile comunitario para celebrar a retirada do anteproxecto da lei do aborto que preparaba o Goberno e que provocou a dimisión do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón.

"Non todo está gañado", advirte a plataforma, que cre que o PP "segue atacando a liberdade e a dignidade das mulleres"

"Aborto, legal, seguro e gratuíto", reclamaron en varias prazas do país ducias de mulleres, que reivindicaron os seus dereitos pero tamén volveron pedir fomentar a súa autonomía e advertiron de que "non todo está gañado", xa que o PP "segue atacando a liberdade e a dignidade das mulleres, coma no caso das adolescentes menors de 18 anos, que verán limitados os seus dereitos por decisión dos seus pais".

"Non baixamos a garda; gañamos unha batalla máis pero a loita feminista continúa"

Na Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Lugo e Compostela, a PGDA manifestou para deixar claro que "segue en pé de guerra" e "observando os movementos do Goberno con lupa". "Non baixamos a garda; gañamos unha batalla máis pero a loita feminista continúa. Queremos que o aborto estea fóra do Código Penal, queremos un aborto seguro e na sanidade pública", aseguran tras unhas marchas moi festivas pero tamén reivindicativas. Entre elas, solicitouse ademais a retirada do recurso que o PP preentou ante o Tribunal Constitucional da actual lei do aborto, que foi aprobada na anterior lexislatura.

Entre os cánticos, moitos contra a Conferencia Episcopal, contra a sociedade "machista e patriarcal" e a prol do aborto libre e gratuíto. "Somos mulleres, non incubadoras", puido escoitarse por exemplo en Compostela.

"Estamos fartas desta loucura política e queremos ser soberanas dos nosos corpos e do noso dereito a decidir por nós mesmas. Nin o Estado, nin a Igrexa teñen a nosa aprobación, nin o noso dereito a decidir (por moito que queiran roubalo), Só nós podemos decidir sobre a maternidade!", reivindicou a plataforma antes dunhas marchas que tamén se desenvolveron en numerosos outros puntos do Estado.

Manifestación polo aborto gratuíto en Vigo Dominio Público @XCGaliza
Manifestción polo dereito ao aborto en Ourense Dominio Público @BNGOurense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.