0 Gardados para despois

O Movemento 15M convida outros colectivos a unírense nas manifestacións do 12 de maio

Redacción | @prazapublica

O sábado 12 de maio terá lugar unha gran manifestación cidadá, coincidindo co primeiro aniversario do chamado Movemento 15M, que xa está a argallarse en numerosas cidades do Estado español e en todo o planeta.

Os organizadores denuncian que "durante os últimos meses, vimos recortados moitos dos nosos dereitos máis básicos baixo a escusa dunha crise da que non somos os responsables, pero si as vítimas que sofren as peores consecuencias" e engaden que "Esgrimindo a situación económica coma unha arma, a pouca soberanía que tiñamos está sendo negada e eliminada".

"Esgrimindo a situación económica coma unha arma, a pouca soberanía que tiñamos está sendo negada e eliminada"

En consecuencia, as persoas e colectivos vinculados a Democracia Real Xa-Compostela e Acampada Obradoiro decidiron que as reivindicacións centrais da manifestación que o 12 de maio partirá da Alameda de Santiago de Compostela ás seis da tarde (e que sen dúbida serán moi semellantes nas restantes cidades) serán:

  • Democracia directa, participativa e asemblearia
  • A oposición a que o Estado achegue máis cartos á banca
  • Educación, sanidade e servizos sociais públicos, gratuítos, de calidade e laicos
  • Reparto do traballo, salario digno e retirada da reforma laboral
  • Dereito a unha vivenda digna, dación en pago retroactiva, parque público de vivendas en alugueiro social.
  • Reforma fiscal que redistribúa a riqueza que producimos entre todas e todos; que as necesidades básicas estean garantidas de xeito universal.

Ademais, os organizadores convidan a persoas, colectivos e entidades a participar de forma igualitaria nas xuntanzas nas que se están definindo as mobilizacións, e que o fagan de igual xeito nas propias manifestacións, para que as súas loitas sexan tamén visibles durante o 12M.

 

Concerto en Compostela

Acampada Obradoiro está a organizar un concerto para sufragar os custes de organización da manifestación. Celebrarase o vindeiro martes 8 de maio na sala Moon, a partir das dez da noite, coa participación de Na Brétema Fénix, Gendebeat e Sally the Arachnophobic & Giant Electric Spiders. A entrada custará 3€, que irán integramente ao fondo da organización destinado a financiar a mobilización.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.