0 Gardados para despois

Tres mil persoas piden a fin das touradas na Coruña

Redacción | @prazapublica

Un berro unánime pola abolición das touradas percorreu este domingo A Coruña. Ao redor de tres mil persoas (dúas mil segundo a policía) participaron na manifestación convocada por Galicia, mellor sen touradas, para protestar contra a pervivencia deste espectáculo de tortura animal na cidade e das subvencións que recibe por parte do Concello. A marcha partiu do Obelisco e rematou na Praza de María Pita, despois de percorrer a Rúa Real.

Rubén Pérez, un dos portavoces da plataforma, destacou o apoio crecente a esta reivindicación. É o cuarto ano consecutivo que A Coruña acolle esta manifestación, gañando en cada ocasión asistentes e entidades apoiantes, 46 nesta ocasión, dende forzas políticas, asociacións ecoloxistas, entidades protectoras de animais e asociacións estudiantís. Pérez lembrou que a feira taurina que nesta fin de semana se celebra no Coliseo recibiu un ano máis ao redor de 100.000 euros por parte do Concello en forma de axudas indirectas.

Este sabado, a primeira das corridas que compoñen a improvisada feira taurina das festas do Rosario celebrouse cunha moi pobre asistencia de público, que só encheu un terzo do aforo do recinto. De feito, un dos comentarios máis repetidos na manifestación deste domingo é que había no Obelisco máis xente que no Coliseo a tarde anterior.

Na marcha, presidida por un ambiente festivo e na que participaron colectivos como Igualdad Animal ou Touradas fóra de Pontevedra, viuse igualmente a numerosos representantes políticos, coma os deputados de AGE Yolanda Díaz e Antón Sánchez, a euroreputada de AGEe Lidia Senra, ou os deputados do BNG Francisco Jorquera e Carme Adán, ademais de concelleiros de BNG, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE. Rubén Pérez destacou a importancia de que "cargos institucionais" participen na manifestación, pois o seu apoio é necesario para que "o Concello deixe de financiar esta tortura", lembrando os precedentes de comunidades autónomas como Cataluña ou Canarias, que aprobaron a prohibición deste espectáculo. En declaracións aos medios, Jorquera avogou pola abolición das touradas no noso país dado que se trata dun “espectáculo cruel baseado na tortura e no maltrato animal e que non forman parte da nosa tradición cultural”

Lidia Senra sinalou a este respecto que no próximo pleno do Parlamento Europeo, apoiará a iniciativa do eurodeputado holandes, Bas Eickhout, para que non se destinen fondos da PAC para criar touros destinados as corridas e proporá "que se condicione ao goberno español para que destine eses fondos ás pequenas explotacions con modos de produción ecolóxico e comercializacion sustentábel".

O manifesto chamou a acabar coas touradas e a botar do goberno municipal ao Partido Popular

O manifesto lido en María Pita, despois de lembrar tanto a falta de apoio social na cidade a este tipo de espectáculos de maltrato social, coma tamén a "teima" do Goberno local en manter -a través de subvencións indirectas- a súa celebración, lembrou a frase de Víctor Hugo de "non hay nada tan poderoso coma unha idea á que lle chega o seu momento" e chamou a acabar coas touradas e a botar do goberno municipal ao Partido Popular.

 

Críticas dos protaurinos

Este mesmo domingo a plataforma La Economía del Toro difundiu un comunicado destinado a responder a Galicia, mellor sen touradas. No texto defendeu que "si existe interese" polas corridas de touros na Coruña, argumentando que as dúas xornadas da Feira Taurina reuniron "máis de 5.000 espectadores". A plataforma nega que a feira estea "subvencionada", a pesar de que o Concello mantén unha subvención indirecta de case 100.000 euros anuais, a través dos custes do aluguer do Coliseo, a montaxe do recinto e outros conceptos. 

O comunicado salienta así mesmo que "as formacións políticas que colaboran con estas protestas apenas acadaron o 18% dos votos nas últimas municipais", aínda que nas eleccións europeas esa porcentaxe incrementouse até o 35% La Economía del Toro conclúe pedíndolle a Galicia, mellor sen touradas que "aprenda a respectar as minorías culturais".

Manifestación antitouradas na Coruña

CC BY-NC-SA GalizaContrainfo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.