Os danos de Cosmos na Cova Eirós chegan á Fiscalía

Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

Os danos irreparables que está a sufrir a Cova Eirós polos polémicos e discutidos traballos da cementeira Cosmos acaban na Fiscalía. A asociación ecoloxista Adega leva as actuacións da empresa, do Concello e da Xunta á Fiscalía de Medio Ambiente e Patrimonio do TSXG polo que considera un "gravísimo atentado contra un valioso patrimonio histórico e arqueolóxico" provocado pola compañía mineira, que leva tempo no punto de mira polas afectacións que provoca nesta zona de Triacastela e que nas últimas semanas foi denunciada por estar a traballar xusto enriba destas pinturas rupestres.

Adega solicita a paralización cautelar das obras e o traslado do caso ao xulgado por un presunto delito contra o patrimonio

"Solicitamos ao fiscal que logo de instar á paralización cautelar das obras, dea traslado do caso ao xulgado pola presunta comisión dun delito contra o patrimonio histórico e a posíbel prevaricación na que incorrerían as administracións, como cooperadoras necesarias desta desfeita", di a asociación ecoloxista.

Tal e como lembra Adega, "en calquera outro lugar" un xacemento como a Cova Eirós "estaría fortemente protexido e sería foco de atención científica e reclamo turístico, ao mesmo nível que as covas de Altamira". Non obstante, a actividade mineira da empresa Cosmos "chegou até a mesma planta da cova, malia a protección que lle confire ser un Ben de Interese Cultural (BIC).

Tal e como advirte a asociación ecoloxista e coma antes fixeran outros colectivos sociais e veciñais, como consecuencia da eliminación da capa de solo e do material xeolóxico que protexía a planta da cova, "a infiltración de augas superficiais aumentou considerabelmente producindo a entrada de auga que escorrega polas paredes da cova, co risco de destrución das pinturas e gravados rupestres do seu interior".

Os traballos están a provocar a filtración de augas que pode destruír as pinturas e gravados rupestres

Así, o risco de deterioración do BIC vese tamén agravado pola utilización de maquinaria pesada na vertical da cova e as vibracións xeradas por esta maquinaria e as voaduras da explotación.

Ante esta situación, Adega cre que a Fiscalía debe instar a "inmediata paralización das obras e depurar responsabilidades". O recorrer a ela débese á "urxencia e gravidade da situación actual" e ante a posibilidade de que as choivas deste outono e a desprotección da cova fronte á filtración de auga "acaben por danar irremisiibelmente as valiosas pinturas".

Adega explica que actuacións como as de Cosmos na contorna da Cova "non só non poden estar amparadas por licenzas ou autorizacións mineiros, senón que son nulas de pleno dereito". "Non nos consta que a empresa Cosmos teña cumprimentado diversas condicións impostas por Patrimonio, como a presentación dun plano de protección e conservación da cova, a elaboración dun protocolo de seguridade ou o seguemento e control dos traballos, entre outras.

Adega acusa o Concello de permitir as polémicas obras e á Xunta de "pasividade"

Pero os traballos continúan grazas a unha licenza municipal do Concello de Triacastela e ante a "pasividade da Xunta". Por iso, Adega acode á Fiscalía para "facer cumprir a lei e impedir a deterioración dun ben senlleiro e irremprazabel do noso patrimonio cultural".

Zona dos traballos de Cosmos, sobre a Cova Eirós © Adega
Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.