O impacto ao patrimonio, ignorado pola Xunta, forza a paralización das obras en Sarria

Unha das pontes sobre o río Sarria Dominio Público Plataforma Sarriana polo Río

O Xulgado de Sarria decretou o pasado venres a paralización cautelar das obras que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil leva a cabo na Ponte Ribeira como parte da execución do proxecto de encanamento do río Sarria. O auto sinala que a Ponte Ribeira, de indubidable valor histórico, artístico, cultural e monumental, forma parte do Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño Francés a Santiago e aparece identificada expresamente como “elemento patrimonial vinculado ao Camiño de Santiago dentro do ámbito do BIC” no Decreto 227/2011 de delimitación do Camiño Francés a Santiago.

A Plataforma critica que as denuncias que agora fai súas o xulgado foron ignoradas unha e outra vez pola Dirección Xeral de Patrimonio, "á que corresponde a protección do patrimonio cultural de Galicia"

A Plataforma Sarriana polo Río celebrou a decisión, lembrando que o auto recolle os argumentos que a entidade vén reiterando dende hai meses sobre o impacto das obras sobre este e outros elementos patrimoniais. A Plataforma critica que as denuncias que agora fai súas o xulgado foron ignoradas unha e outra vez non só pola Confederación Hidrográfica, senón tamén polo polo Concello e mesmo a Consellaría de Cultura e, dentro dela, na Dirección Xeral de Patrimonio, "á que corresponde a protección do patrimonio cultural de Galicia".

"A día de hoxe o Conselleiro de Cultura segue sen adoptar ningunha medida para dar resposta á denuncia de graves e múltiples infraccións da normativa de protección do Camiño de Santiago formulada en marzo pasado", subliña a Plataforma, que destaca que "estamos ante un presunto delito contra o patrimonio histórico" e que "a continuación das obras na ponte podería supoñer a destrucción irreversible do valor histórico e cultural do mesmo".

A plataforma lembra que a inacción da Xunta, posteriormente corrixida pola xustiza, tamén se produciu o pasado mes de marzo, coa tala do bosque de amieiros, "un dano irreversible, evitado in extremis" polo Xulgado.

A plataforma lembra que a inacción da Xunta, posteriormente corrixida pola xustiza, tamén se produciu o pasado mes de marzo, coa tala do bosque de amieiros, "un dano irreversible, evitado in extremis" polo Xulgado

As obras que o Xulgado vén de paralizar "non só son presuntamente constitutivas de delito contra o patrimonio senón que, dende que se iniciaron, trouxeron o caos e un sinfín de molestias para os veciños de Sarria", denuncia a Plataforma, que incide na súa denuncia da "incomprensible planificación das devanditas obras que, ao cortar simultaneamente tres das pontes que cruzan o río obrigaron a cambiar os horarios escolares e  trastornan seriamente o tráfico de toda a zona, cos subseguintes prexuizos para os comercios e negocios de Sarria".

Este auto xudicial vén unirse ao informe feito público a semana pasada polo Consello da Cultura, que cualificou o bosque de ribeira de ameneiros e olmos ameazado polo proxecto como de "conservación prioritaria" e os seus elementos "insubstituíbles". O documento, moi crítico, tamén facía referencia á necesidade de preservación dos elementos patrimoniais máis senlleiros, coma os restos antigos da Ponte da Ribeira. E criticaba actuacións "que non teñen ningunha relación coa prevención de enchentes", como a substitución da actual varanda por unha de vidro "descontextualizante". Finlmente, o Consello da Cultura recomendáballes ás administracións que usen a vía do diálogo e favorezan o consenso, ofrecéndose para mediar neste conflito.

Unha das pontes sobre o río Sarria Dominio Público Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.