As denuncias a cazadores multiplicáronse por 6 dende o 2008

Denuncias por infraccións relacionadas coa caza Dominio Público Memoria da Policía Autonómica de Galicia

O pasado 19 de outubro iniciouse a tempada de caza en Galicia, que se estenderá até o vindeiro 6 de xaneiro, sendo días habilitados para a caza os xoves, domingos e festivos entre estas dúas datas. Son varias as entidades ambientalistas e animalistas que todos os anos reiteran as súas advertencias sobre o perigo que supón a actividade dos cazadores. Para montañeiros, ciclistas ou calquera persoa que pasee polo monte, e para eles mesmos. En 2012 dúas persoas morreron en Galicia (en Vila de Cruces e Vilalba) por disparos relacionados coa caza. E en 2013 rexistráronse outras dúas vítimas mortais (en Rubiá e Ribas de Miño, neste caso un rapaz de 17 anos que participaba nunha batida).

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alertaba o pasado ano, en relación con estes e outros accidentes, de que aos riscos inherentes ao uso de armas de fogo engadíanse novos perigos por mor das malas prácticas ou da ausencia de control e de medidas de seguridade. A SGHN pedíalle á Xunta unha correcta sinalización desta actividade e que "non autorice a realización de batidas con munición de bala os días de maior afluencia de cidadáns aos montes: festivos e fins de semana". De igual xeito, demandaba que se "comece a realizar de inmediato controis de alcolemia e sustancias psicotrópicas entre todos os cazadores".

O que si é certo é que dende o 2008 o número de denuncias presentadas contra os cazadores se multiplicaron por seis, segundo os datos recollidos na memoria de actividade da Policía Autonómica de Galicia. As denuncias relacionadas con infraccións en materia de caza pasaron de 48 en 2008 até 346 en 2013, unha mostra dunha maior concienciación cidadá e tamén dun mellor funcionamento do corpo de axentes medioambientais. Houbo, ademais, 3396 identificacións, 1547 inspeccións (572 en 2008) e 5 detidos ou imputados.

  2008 2009 2010 2011 2012 2013
Inspecccións 572 547 877 525 763 1547
Denuncias 48 48 68 90 135 346

Por fortuna, no que levamos de tempada de caza aínda non se produciron mortes. Porén, si que nas últimas semanas asistimos xa a sucesos dunha gran perigosidade que poderían ter provocado unha desgraza irreparable. Esta mesma fin de semana un ciclista que circulaba por un camiño agrícola en Ávila foi ferido polo disparo dun cazador. En paralelo pola preocupación por estes sucesos puntuais crece o debate sobre o dereito que os cazadores teñen a monopolizar coa súa actividade o uso do monte, unha primacía que nalgúns casos se está asentando pola vía lexislativa. En Castela-A Mancha vén de aprobarse o anteproxecto da nova Lei da Caza. Esta lei incorpora un artigo que podería prohibir nos tecores calquera actividade distinta da caza, dende o sendeirismo, o ciclismo ou a recollida de setas. O artigo 27 prohibiría "calquera acción que pretenda espantar a caza existente en terrenos alleos, así como aquelas que provoquen a fuxida ou alteren as querenzas naturais, nos días de caza ou previos a estes".

Rubén Pérez, voceiro de Libera, denunciaba en entrevista con Praza que a actividade dos cazadores "conculca os dereitos das persoas non cazadoras" pois "máis do 90% do territorio galego son tecores, son terreos ordenados cinexeticamente" e que "durante as tempadas de caza maior e menor todo o monte está tomado". Pérez concluía que “estamos un pouco cansos de que cada vez que hai un accidente se fala de balas rebotadas e de infortunios, parece que deixamos todo ao azar, cando falamos dunha actividade na que hai armas de fogo e fogo real".

Manifestación contra a caza © Libera

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.