A feira ecolóxica de Arzúa tómalle o pulso a un sector en alza

Manuel Roxo, coordinador da feira Dominio Público Praza Pública

Arzúa acolle esta fin de semana a undécima edición da súa Feira Ecolóxica, que un ano máis, organizada e financiada polo Concello de Arzúa e xestionada pola cooperativa Culturactiva, converterá esta vila no grande escaparate galego do sector verde. A feira crece en número de propostas e expositores, reunindo un total de 65 expositores de produtores, distribuidores, cooperativas, entidades e artesáns. E tamén incrementa as súas actividades paralelas, ofrecendo concertos, representacións teatrais, obradoiros, actividades infantís, gastronomía ou debates.

Destaca, sobre todo, o concerto que o sábado ás 20.30 horas ofrecerán Pandeiromus -o primeiro grupo masculino de pandeireta de Galicia-, que presentarán en exclusiva durante a feira o seu novo disco Teño días. xusto antes, ás 19 horas, o grupo de música para todos os públicos Mamá Cabrá porá en escensa o seu espectáculo Corocorico. Xa o domingo, a partir das 19.30 horas, os Sete Magníficos máis Un representarán o seu espectáculo Bivalvos como galegos!, unha obra protagonizada polos clowns Fran Rei e Pedro Brandariz, que amosan neste novo espectáculo unha continuación natural ás súas actuacións televisivas no programa Luar.

Ademais dos habituais produtos ecolóxicos de alimentación ou as diferentes terapias alternativas que se amosen, poderemos atopar unha serie de novidades que van dende os materiais de construción biodegradable até aceites elaborados a partir de oliveiras autóctonas do país, pasando por técnicas para a educación natural das crianzas ou a fabricación de licores e marmeladas aproveitando todo do sabugueiro.

"As modas e as crises son relativas cando hai unha convicción real de traballar deste xeito", afirma Manuel Roxo

Este mércores o concelleiro de Medioambiente de Arzúa, Xosé Luis Fernández Segade, e o coordinador da Feira, Manuel Roxo, presentaron a programación completa do encontro. Roxo destaca o bo momento do sector verde en Galicia e o crecemento dos produtores e empresas que traballan con filosofías de respecto ao medio e de produción ecolóxica, sen fertilizantes ou baseados no consumo e comercio locais. "Hai cada vez máis xente traballando neste sector, dende este punto de vista a crise económica non se aprecia tanto", di. "O mundo da ecoloxía e do respecto ao medio está por riba de modas, porque na decisión de consumir estes produtos está sobre todo a satisfacción de estar máis cerca da natureza. As modas e as crises son relativas cando hai unha convicción real de traballar deste xeito", engade.

"A xente quere atoparse, quere verse, quere tomar o pulso a como está o sector. Ao final estas cousas crean unha rede, hai produtores e distribuidores, e polo tanto a feira é importante para todos"

Roxo lembra que "hai uns anos, cando a Deputación da Coruña retirou o seu apoio, estivo no aire a continuidade da feira", pero destaca que "nese momento xurdiu un movemento entre moitas das persoas que viñan todos os anos á feira, que propuxeron continuar co evento porque entendían que era necesario". “Se non hai outros apoios, pois montámolo nós, e se non hai stands, pois facémolo en mesas, e se non hai recinto, pois facémolo ao aire libre, como se facían antes as feiras”, dicían. "Había esa necesidade; a xente quere atoparse, quere verse, quere tomar o pulso a como está o sector. Ao final estas cousas crean unha rede, e hai produtores e hai distribuidores, e polo tanto a feira é importante para todos, para trabar relacións que son importantes para os seus negocios", salienta Roxo.

"Aquí a xente está moi apegada á terra, á gandaría, a procesos naturais e aos produtos de tempada. Ademais é moi de feiras, as feiras en Arzúa teñen moita tradición"

Manuel Roxo subliña, así mesmo, que "ten moito sentido, ademais, facela en Arzúa", onde a feira xa callou entre a veciñanza e entre os e as produtoras locais. "Aquí a xente está moi apegada á terra, á gandaría, a procesos naturais e aos produtos de tempada. Ademais é moi de feiras, as feiras en Arzúa teñen moita tradición. Así que con Terractiva produciuse un aliñamento de planetas moi especial. Agora a feira ecolóxica xa é propia da zona, xa a consideran súa e iso é o que explica o seu éxito", sinala. Roxo lembra que os produtores e produtoras de Arzúa teñen un espazo propio "porque o discurso da Feira Ecolóxica non é certificar que o que alí se vende sexa ecolóxico".

"Para nós, ecoloxía é algo ben amplo. Para nós a produción local e sen intermediarios é ecoloxía", engade Manuel Roxo

"Para nós, ecoloxía é algo ben amplo. Para nós a produción local e sen intermediarios é ecoloxía", engade. Comenta que "houbo xente que viña de moi lonxe con queixos ou produtos de horta con certificación ecolóxica, que se queixaba de que había produtores locais que tamén os vendían alí sen certificación". "A nós gústanos que se cree este debate, e a nosa resposta é 'pois si, iso tamén e ecoloxía, e podemos debater que é máis ecolóxico, porque ti tiveches que traer os teus produtos en coche dende 100 quilómetros de distancia'”, di. "Para nós o concepto de ecoloxía é moi amplo, non é só aquilo que leva unha etiqueta, cremos que hai moita xente en Galicia que, sen certificación, está facendo ecoloxía cada día", conclúe.

 

Novidades e actividades paralelas

Unha das novidades da Feira Ecolóxica de Arzúa é que por vez primeira terá un horario continuado, de xeito que estará aberta dende as 11.00 horas até o peche, pola noite. Ao mediodía, o encontro disporá dun servizo de cafetería ecolóxica e varios serán os postos de alimentación que oferecerán a posibilidade de probar os seus produtos baixo a sección de Especial Xantar!

Outro dos puntos fortes da fin de semana será o debate aberto que manterán os voceiros medioambientais das catro principais forzas políticas galegas con representanción parlamentaria

Outro dos puntos fortes da fin de semana será o debate aberto que manterán os voceiros medioambientais das catro principais forzas políticas galegas con representanción parlamentaria -PPdeG, PSdeG, AGE e BNG- e representantes de movementos sociais e dalgunha das mareas cidadás, ao redor das súas propostas en política verde e ecoloxía. Haberá, ademais, un total de seis obradoiros -sobre cociña saudable, elaboración de untos, cueiros labables ou aromaterapia- e oito demostracións –talla en madeira, ganchillo, moldeado de cristais ou pinturas naturais-.

Xosé Luís Fernández Segade e Manuel Roxo na presentación da feira, este mércores Dominio Público Feira Ecolóxica de Arzúa
Imaxe dunha das edicións anteriores de Terractiva © Terractiva
A feira inclúe todos os anos varias actividades complementarias, como actuacións musicais © Terractiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.