0 Gardados para despois

O vicepresidente da Deputación de Lugo ve na eliminación de médicos "unha estratexia premeditada"

Redacción | @prazapublica

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga (BNG), denunciou este venres que a eliminación de médicos nunha ducia de concellos da provincia responde a unha “estratexia premeditada” do Partido Popular en toda España e en Galicia para “privatizar a sanidade pública”. “Son moitos os concellos que están sufrindo estes recortes neste momento e tamén son moitos os que xa os sufriron nestes últimos anos e de todas as cores políticas”, afirmou.

“Son moitos os concellos que están sufrindo estes recortes neste momento e tamén son moitos os que xa os sufriron nestes últimos anos e de todas as cores políticas”, afirmou

A situación afecta a Riotorto (só ten un médico, despois de que o Sergas veña de eliminar unha praza), Mondoñedo (só tén dous dos catro médicos asignados e non conta con pediatra), A Pobra do Brollón (este verán tivo un só médico e listas de espera de máis dunha semana, despois de que no 2011 lle eliminaran un médico dos tres que tiña e non cubriran a baixa doutro dos facultativos), Escairón (elimináronlle un médico no 2011), Cervo (xubilouse un médico e non se reemprazou), Xove (xubilouse un médico e non se reemprazou), Castroverde (eliminouse un médico do PAC), Navia de Suarna (ten un médico só, despois de que non se cubrira unha praza), A Fonsagrada (un médico menos), Pedrafita (xubilouse un médico e non se cubríu a súa praza), Sarria (tamén se produciron reduccións no número de facultativos), Vilalba (ten só un médico no PAC pola tarde, o outro médico está de baixa desde hai meses e non se cubriu).

“É unha situación que se dá a diario por toda a provincia, porque o Sergas, ademais de pretender agora eliminar premeditadamente médicos nos concellos de menos de 2.000 habitantes, hai tempo que non cubre as baixas e as vacacións dos facultativos dos centros de saúde da provincia. A isto engádese a reducción de especialistas, como por exemplo pediatras, polo que a calidade asistencial non é a axeitada”, aseguroi Veiga.

O vicepresidente da Deputación salientoi que “a sanidade é un servizo básico e fundamental en calquera sociedade, e máis nunha provincia como a de Lugo, cun alto índice de avellentamento e de dispersión xeográfica”. “Os números non valen cando estamos a falar de persoas, de enfermos e de vidas humanas, porque se nun centro de saúde coma o de Riotorto hai un só médico que ten ao seu cargo 1.200 veciños e este médico enferma ou ten que sair a cubrir unha urxencia, como aconteceu hai poucos días, o centro de saúde queda sen médico para atender á poboación e os pacientes teñen que facer quilómetros até o PAC ou hospital máis próximo”, explicou Veiga, que defendeu que “a atención primaria nos centros de saúde é básica para desconxestionar as urxencias dos hospitais e para poder implantar unha medicina preventiva con seguemento persoalizado dos pacientes que reduza a factura sanitaria e mellore a atención da poboación”. 

A estratexia pasaría, segundo o vicepresidente da Deputación de Lugo, por “desmantelar a rede de centros de saúde para derivar aos usuarios aos hospitais, facéndoos así rendibles e apetecibles para a súa privatización"

Todo isto responde, a xuízo de Antonio Veiga, a unha "estratexia premeditada" do Goberno da Xunta para "desmantelar a sanidade pública". A estratexia pasaría, segundo o vicepresidente da Deputación de Lugo, por “desmantelar a rede de centros de saúde para derivar aos usuarios aos hospitais, facéndoos así rendibles e apetecibles para a súa privatización”. Veiga dixo que os recortes sanitarios están a darse de maneira xeralizada na provincia de Lugo, en concellos de todas as cores políticas, “pero os alcaldes do Partido Popular calan a boca”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.