Denuncian que o Concello de Paderne obstaculiza a realización de asembleas veciñais

Imaxe da primeira asemblea © Asemblea de Paderne

Hai unhas semanas comezou a funcionar en Paderne, un pequeno concello da comarca de Betanzos, unha asemblea cidadá que, como sinala un dos seus integrantes, non busca ser unha iniciativa electoral municipalista senón que naceu "co ánimo de facer que as cousas cambien tamén no rural e democratizar dalgún xeito, que falta fai, a política clientelista do noso alcalde". Paderne está gobernado dende 1999 por César Longo Queijo, do PSdeG-PSOE.

Asrguran que a Asemblea non busca ser unha iniciativa electoral municipalista, senón que naceu "co ánimo de facer que as cousas cambien tamén no rural e democratizar dalgún xeito, que falta fai, a política clientelista do noso alcalde"

A Asemblea Cidadá Aberta do Concello de Paderne convocou unha primeira asemblea para o pasado 12 de setembro cun único punto na orde do día: “Ideas para democratizar o Concello”. O lugar elixido foi o Local Social de Quintas, de uso público e titularidade municipal. Porén, dende o Concello prohibiuse a utilización do espazo, alegando que se trataba dun "encontro político" e que os únicos usos permitidos eran os sociais ou deportivos. Nesa primeira xuntanza, que finalmente se tivo que realizar ao aire libre, tratáronse distintos temas de interese para a veciñanza de Paderne: "atención á terceira idade, saneamentos e auga, participación cidadá, democracia directa e temas medioambientais relacionados coa ausencia de depuradoras que provocan a contaminación da ría de Betanzos".

Convocouse unha segunda asemblea para o 17 de outubro noutro dos locais sociais do Concello. E, de novo, a súa cesión foi denegada, co mesmo argumento de que se trataba dun acto "electoral". A Asemblea Aberta de Paderne iniciou en consecuencia unha campaña pública de recollida de sinaturas (que inclúe unha petición online) denunciando que "o Concello de Paderne hai anos que se ven denegando o uso dos locais sociais, recursos pagados cos impostos de veciños e veciñas, a certas persoas ou colectivos, poñendo en evidencia o carácter antidemocrático dos nosos gobernantes municipais".

Os integrantes da Asemblea sinalan que "esta actitude do alcalde constitúe unha clara discriminación cara uns veciños e veciñas por supostas razóns ideolóxicas" e que "coa súa actuación demostra unha vez máis que goberna o Concello a modo de cacique clásico". Afirman que o rexedor "probablemente non queira que se xunte a veciñanza para falar dos problemas habituais (mal estado dos camiños, deficiencias no subministro de auga e nos saneamentos, contaminación da ría de Betanzos, atención deficiente aos maiores, falta de dereitos civís...) e poñer en evidencia a súa xestión".

"Coa súa actuación demostra unha vez máis que goberna o Concello a modo de cacique clásico"

Aseguran, ademais, que "a Asemblea non deixará de solicitar permiso para reunirse nos locais do concello, nos locais dos veciños e veciñas, porque os locais son nosos, porque nós somos o Concello, e porque entendemos que os que nos gobernan, aos que tamén lles pagamos, están para traballar para nós e non para poñernos as cousas difíciles".

A asemblea veciñal demanda o uso dos espazos públicos para manter xuntanzas Dominio Público Asemblea de Paderne
Imaxe da primeira asemblea © Asemblea de Paderne

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.