“Comunicando Comunidades”: os institutos galegos coñecen o traballo do voluntariado

Un momento do documental Dominio Público Agareso

O documental Comunicando comunidades, gravado en El Salvador por un equipo de voluntariado de Agareso integrado por Juan de Sola, presidente da organización; Alba Sotelo, cámara e fotógrafa, e Gabriela Sánchez, xornalista, comezou esta semana a súa “ruta de sensibilización” por 10 concellos galegos, que continuará ao longo deste mes. Este venres celebrouse, ademais, o Día do Voluntariado, un dos aspectos no que se centra este traballo, que tamén afonda na importancia das cooperativas ou as organizacións comunitariasn en América Central.

A través do testemuño directo das e dos seus protagonistas, o audiovisual pon de relevo como as cooperativas, os movementos de base e as organizacións comunitarias permiten afrontar cuestións como a contaminación, a violencia ou a carencia de traballo

A actividade de sensibilización compleméntase cunha charla previa para contextualizalo e un debate posterior no que se anima á mocidade a implicarse na resolución das problemáticas sociais que afectan a súa contorna. A través do testemuño directo das e dos seus protagonistas, o audiovisual pon de relevo como as cooperativas, os movementos de base e as organizacións comunitarias permiten afrontar cuestións como a contaminación, a violencia, a falta de información ou a carencia de traballo no país centroamericano, que viviu doce anos de guerra.

As charlas acude o equipo técnico da organización, acompañado por algún dos voluntarios que participou na gravación do audiovisual en terreo, e por unha representante da coparte salvadoreña de Agareseo, Radio Tehuacán. Deste xeito o alumnado pode coñecer tamén de forma directa a experiencia do voluntariado nos proxectos de cooperación.

O pasado 1 e 3 de decembro tiveron lugar as charlas no IES da Pobra do Caramiñal, o día 2 foi no IES de Fene e o documental tamén se puido ver en Boiro e Bergondo. O día 11 será a quenda de Teis (Vigo), o 15 en Cabanas, o 16 en Poio, o 17 en A Estrada e rematará o seu periplo o 18 en Pontecesures. Máis de 500 alumnos e alumnas da ESO asistirán a estas charlas.

 

Cooperación internacional

Máis de 500 alumnos e alumnas da ESO asistirán a estas charlas

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade financiou no último ano o proxecto impulsado por Agareso para previr e reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións en comunidades e centros escolares dos municipios de Tecoluca e Zacatecoluca  a través da mitigación, sensibilización e educación ambiental. Os resultados desta formación e a capacidade de reacción da poboación fronte unha emerxencia amplificáronse mediante a emisora comunitaria Radio Tehuacán. Ademais das capacitacións impartidas pola ONGD local Cordes, entregáronse materiais de prevención aos comités de protección civil e aos centros educativos, entre outras tarefas que culminaron coa gravación do documental sobre a participación comunitaria.

Un momento do documental Dominio Público Agareso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.