"Debemos ser conscientes de que uns usos marchan e outros veñen, pero os edificios quedan"

Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade en Medelo (Silleda), destacado como exemplo de rehabilitación Dominio Público Praza Pública

"Vanse perdendo en vilas e cidades os valores característicos dos tempos pasados, o aspecto típico que lle fora propio. A monotonía e o gris esténdense por todas partes (…). Un dos procedementos máis acertados, co que se obteñen resultados satisfactorios, é a adaptación daqueles edificios que perderon a súa utilidade primitiva a outro tipo de vida interna. O viño novo fermenta mellor entre madeiras vellas. A vida moderna entre paredes antigas semella distinguirse, mellorarse …". O Proxecto Arga (Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia) fai bandeira do escrito polo arquitecto catalán Jeroni Martorell i Terrats en 1935 con esta cita que encabeza a súa web. 

Trátase dunha plataforma cultural, impulsada pola arquitecta Alberta Lorenzo Aspres, que busca inventariar, divulgar, poñer en valor e dar a coñecer a todas aquelas iniciativas de rehabilitación de edificios abandonados en Galicia, proxectos que lles outorgan unha nova fasquía e novas funcións a inmobles e arquitecturas do pasado, no canto de derrubalos e substituílas, e que deste xeito manteñen -anovada- a súa estrutura e esencia.

O Proxecto Arga, que foi unha das iniciativas presentadas no OffCulturgal deste ano, nace "dunha necesidade, da necesidade de coñecer e explicar un proceso de transformación", aquel que converte "unha arquitectura abandonada e obsoleta nunha arquitectura rehabilitada, nunha arquitectura que a través dun novo uso recibe unha segunda oportunidade para formar parte da sociedade do momento". Na súa web podemos percorrer as análises realizadas sobre tres ducias de proxectos exitosos e valiosos de recuperación de inmobles, dende grandes edificios, coma o que acolle o Reitorado da Universidade de A Coruña ou a sede da Fundación Barrié de la Maza en Vigo até outros de máis pequena dimensión, coma unha vivenda en Quilmas, hoteis en Lestrove ou Aldán, ou albergues de peregrinos en Samos, Arzúa ou Triacastela. Falamos con Alberta Lorenzo Aspres

Como nace Proxecto ARGA?

A idea de Proxecto ARGA naceu, case por casualidade, cando estaba a rematar a miña tese doutoral, Intervencións no Patrimonio galego para a industria hostaleira. Dende o comezo da miña investigación puiden comprobar como resultaba relativamente doado atopar información sobre unha arquitectura antiga; e de igual maneira tamén resultaba relativamente fácil obter datos sobre unha arquitectura moderna ou máis actual. A dificultade aparecía ao querer coñecer o proceso que levaba a unha arquitectura deteriorada e obsoleta a converterse nunha arquitectura rehabilitada e en funcionamento. Pero hai máis ou menos un ano, reflexionando sobre este feito e sobre a ampla casuística existente en Galicia comenteille a Óscar Paz Cervantes –enxeñeiro informático– as miñas inquietudes. Pedinlle consello sobre as posibilidades e opcións existentes para crear un blog onde dar a coñecer todos eses casos. El entón recomendoume a realización dunha páxina web, e inmediatamente puxo mans á obra.

Cal é a posición máis habitual en Galicia ante unha edificación abandonada susceptible de rehabilitar ou recuperar para outros usos? Valórase suficientemente? Ou a escolla maioritaria vai ser a dunha construción nova?

O camiño percorrido pola teoría e a praxe da rehabilitación e de restauración do Patrimonio Arquitectónico en Galicia nas últimas décadas foi moi positivo. Pasouse dunha teoría case inexistente e unha práctica anticuada e enclaustrada en pequenos círculos a unha actividade normalizada e á existencia dun certo debate. Porén, o reto que ten por diante a intervención sobre o entorno construído é neste momento especialmente complexo. 

A situación de crise económica que experimenta a nosa sociedade puxo de manifesto que toda a profesión arquitectónica se vai orientar nas próximas décadas máis á recuperación e rehabilitación da arquitectura existente que ás obras de nova construción; e á vez eliminou as grandes partidas orzamentarias dedicadas á intervención no Patrimonio.

Por outra banda, o factor identidade é un factor clave. Se nos sentimos identificados con esa arquitectura –sexa histórica ou non– en perigo de desaparición, faremos todo o posible para recuperala e volverlle dar unha nova vida, para que volva formar parte da nosa vida. Neste aspecto, os movementos sociais e as asociacións culturais xogan un papel importante.

"Na actualidade somos conscientes de que o abandono dun monumento –ou edificio, histórico ou non– significa a súa ruína, polo que a súa posta en valor permite a súa reintrodución na vida activa da sociedade"

Durante moitas décadas non se valorou suficientemente a arquitectura preexistente? Esta posición foi variando nos últimos anos?

Despois da Segunda Guerra Mundial produciuse un intenso debate en toda Europa sobre a necesidade de reutilizar os edificios históricos para garantir a súa supervivencia. E aínda que moitas veces estas intervencións comportaran graves perdas, prevalecía o discurso funcional que trataba de garantir un uso aos edificios obsoletos. Pero dende finais do século XX a restauración integral recomendaba utilizar eses edificios abandonados única e exclusivamente cando existise compatibilidade entre a súa función orixinal e a función demandada no presente. Debíase evitar neles a toda costa calquera distorsión que puxera en perigo a herdanza arquitectónica, intentando recuperar a conexión perdida trala intervención entre o novo uso e o orixinal, é dicir, entre a nova función e a forma existente. Ben é sabido que unhas tipoloxías se adaptan mellor ca outras aos novos usos, sendo estas adaptacións máis ou menos difíciles de afrontar segundo a compatibilidade do novo uso co orixinal.

"Debemos ser conscientes de que uns usos marchan e outros veñen, pero os edificios quedan"

Na actualidade somos conscientes de que o abandono dun monumento –ou edificio, histórico ou non– significa a súa ruína, polo que a súa posta en valor permite a súa reintrodución na vida activa da sociedade. Entendemos que o novo uso se presenta como a mellor garantía para a súa supervivencia –sempre que sexa compatible–, entendendo este acto dende a capacidade da edificación de estar viva e de participar na sociedade do momento. Debemos ser conscientes de que uns usos marchan e outros veñen, pero os edificios quedan. Grazas a eles, somos capaces non só de satisfacer novas necesidades, senón tamén de convivir co noso pasado dun xeito razoable. Por iso, o exercicio da continuidade na arquitectura ten unha dobre vantaxe: a económica e a cultural.

"A autenticidade depende do deseño, dos materiais, das técnicas construtivas, da contorna… e a súa conservación vai ligada ás solucións adoptadas durante a intervención no monumento e á reversibilidade das mesmas"

Que é máis importante á hora de recuperar unha arquitectura abandonada mantendo a súa esencia: A súa estrutura, os materiais empregados...?

A recuperación dunha arquitectura obsoleta, dende o punto de vista da súa rehabilitación, preséntase sempre como unha operación difícil e complexa de realizar, posto que a reconversión de usos abrangue unha serie de características esenciais que se deben respectar para que o Patrimonio –ou a arquitectura– perdure no tempo.

Así, entendemos a autenticidade como a pedra angular de todas as intervencións realizadas no patrimonio, como parte fundamental portadora da súa memoria. Pero a pesar de haber un acordo universal respecto a esta idea, non existe unanimidade en canto á definición do concepto en si. E consideramos un obxecto como auténtico en canto porta sobre si mesmo tanto os signos físicos da súa propia orixe –e ata aquí coincidiría co orixinario–, como aqueles do proceso, máis ou menos intenso pero inevitable, que sufriu co paso tempo. A autenticidade depende do deseño, dos materiais, das técnicas construtivas, da contorna… e a súa conservación vai ligada ás solucións adoptadas durante a intervención no monumento e á reversibilidade das mesmas.

Vexámolo cun exemplo. A solución do muro cortina realizada para substituír o desaparecido lenzo do Claustro Grande de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín, Ourense) foi unha idea que non gozou dunha grande acollida nun primeiro momento; no entanto, tratábase dunha actuación que seguía fielmente uns criterios de reversibilidade ademais de non supoñer dano algún para o monumento. A solución final devolveulle ao conxunto a harmonía das súas proporcións e permitiu unha correcta lectura espacial, evidenciando a distinción eficaz entre o novo e o preexistente. A actuación realizada en ningún momento mentiu sobre a autenticidade da intervención nin sobre a conservación da preexistencia, a cal é identificada perfectamente.

E así vemos como a identidade do monumento, é dicir, eses lazos emocionais que nos conectan coa memoria, coa capacidade de recoñecer o noso pasado e a nosa historia a través do edificio, xogan un papel crucial nunha intervención. A través da súa conservación insístese no carácter social do monumento para estar en contacto con parte do noso tempo e da nosa cultura.

"A través da súa conservación insístese no carácter social do monumento para estar en contacto con parte do noso tempo e da nosa cultura"

Que proxectos de rehabilitación destacarias polo seu bo facer ou pola súa orixinalidade á hora de darlle novos usos a un edificio?

Debemos ser conscientes de que cada edificio é único, polo que as súas condicionantes de partida á hora de rehabilitalo tamén son únicas. E seguindo ao fío da anterior pregunta, destacariamos por exemplo a Pousada Torre Lombarda en Allariz. No 1995 o arquitecto pontevedrés César Portela redactou o proxecto de rehabilitación incluíndo en parte da planta baixa un pequeno museo etnográfico. A intervención proposta, rexida polo mantemento dos valores arquitectónicos herdados, supuxo o absoluto respecto dos muros preexistentes, así como dos elementos estruturais do inmoble, conservando a riqueza espacial interior. Pero este pensamento acadaría a súa máxima concreción na solución adoptada na planta alta para albergar as habitacións. Para a distribución das mesmas o arquitecto seguiu a pauta que no seu día fora empregada na propia fábrica para dar intimidade ás oficinas e outras dependencias en relación ao espazo máis xeral: a través dunha serie de cerramentos de madeira que se comportarían como caixas ou contedores autónomos.

Durante a rehabilitación do inmoble seguiuse o criterio de respectar escrupulosamente –así está definido na memoria do proxecto– os elementos existentes no edificio. No referente ao emprego de materiais e técnicas actuais, a elección dos mesmos fíxose tendo en conta a reversibilidade das solucións adoptadas. Esta actitude á hora de intervir permitiu conservar a autenticidade da arquitectura herdada, tanto material como construtivamente. Asemade, provocou o nacemento dunha identidade recoñecible que funciona tamén como reclamo dentro do itinerario do coiro no que se insire o conxunto.

Outro exemplo que destacariamos sería o Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade en Medelo (Silleda). No 2008 o estudio compostelán Arrokabe –formado polos irmáns Andrés Quintela– recibía o encargo de intervir sobre un conxunto edificatorio preexistente constituído por varias edificacións tradicionais que formaban unha unidade de produción agrícola e gandeira, un exemplo de arquitectura popular de indubidable calidade, tanto polas súas características construtivas como pola súa implantación. O estudio decidiu partir da necesidade de manter integramente a volumetría e as características tipolóxicas herdadas. Non obstante, o programa esixía ampliar a superficie construída e que as diferentes pezas funcionaran como un único edificio accesible. A nova ampliación conectou as diferentes pezas servíndose dunha xeometría máis orgánica e adaptando os diferentes niveis de piso e os planos de cuberta ás soleiras, forxados e cornixas das edificacións existentes e á altura mínima esixida para o oco do ascensor. Con esta solución conseguiuse certa expresividade formal que resulta eficaz como estratexia de intervención e que responde a suxestións tales como a topografía e a forma na que a vexetación colonizaría o exterior das edificacións.

"Independentemente do obxectivo final de ter unha nova función, a posta en valor dunha arquitectura obsoleta depende precisamente da intención de permitir darlle continuidade e en ofrecerlle a oportunidade de que siga formando parte da sociedade do momento"

Pola contra, que actuacións nos últimos anos poderiades destacar como máis negativas, por non ter conservado unha arquitectura existente ou mantela en ruínas?

Basta con ler a prensa acotío para coñecer numerosos casos que se atopan nesta lamentable situación. Na Coruña o pasado mes de novembro fixo catro anos Proxecto Cárcere, un grupo de activación que se fundou co obxectivo de recuperar o antigo cárcere da cidade. Levan todo este tempo intentando crear un gran centro sociocultural nas antigas dependencias da prisión. En Castro Caldelas (Ourense) atopamos a asociación O sorriso de Daniel, que fai todo o posible por manter en pé o mosteiro de San Paio de Abeleda e reivindicar o seu mal estado a través de diversas actividades. Recentemente participaron na estrea do documental A Memoria de Abeleda. Hai uns días denunciábase nun xornal vigués que a recuperación da Panificadora da cidade seguía a ser unha materia pendente a pesar das promesas políticas dos últimos vinte anos, non pasando a situación do inmoble dos concursos de ideas. 

"Non se trata, como parece agora que está de moda, en converter antigos monumentos en hoteis, pois chegará un momento en que en lugar de ter monumentos baleiros teremos hoteis baleiros"

E esta preocupante lista continúa. Pero independentemente do obxectivo final de ter unha nova función, a posta en valor dunha arquitectura obsoleta depende precisamente da intención de permitir darlle continuidade e en ofrecerlle a oportunidade de que siga formando parte da sociedade do momento. Non se trata, como parece agora que está de moda, en converter antigos monumentos en hoteis, pois chegará un momento en que en lugar de ter monumentos baleiros teremos hoteis baleiros.

Captura de pantalla da web Dominio Público http://proxectoarga.com/
Pousada Torre Lombarda, en Allariz Dominio Público Praza Pública
Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade en Medelo (Silleda), destacado como exemplo de rehabilitación Dominio Público Praza Pública
Mosteiro de San Paio de Abeleda Dominio Público Praza Pública
A Panificadora, en Vigo © Ecoar
O antigo cárcere provincial da Coruña, nunha foto tirada o pasado verán Dominio Público Proxecto Cárcere
Claustro Grande de Santo Estevo de Ribas de Sil Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.