Stop Desafiuzamentos únese en toda Galicia "contra a criminalización" da loita social

Protesta de Stop Desafiuzamentos en Santiago CC-BY-SA Merixo

A coordinadora galega de Stop Desafiuzamentos e das PAH volve mobilizarse en Galicia este xoves. O movemento anti despexos manifestarase de novo conxuntamente, tras as protestas ante as delegacións de Vivenda de hai unhas semanas- pretende "denunciar a criminalización da protesta e a lexitimidade do pobo a defender o dereito humano a unha vivenda diga e axeitada". Farano o día 18 ás 11 da mañá diante das Subdelegacións do Goberno na Coruña, Lugo e Ourense, e tamén en Vigo ante a sede do PP.

Stop Desafiuzamentos e plataformas PAH de Galicia concentraranse este xoves ante as subdelegacións do Goberno

Serán tamén concentracións contra a nova lei de Seguridade Cidadá e contra unhas subdelegacións do Goberno que, segundo din os colectivos antidesafiuzamentos, "perseguen o movemento opositor aos desaloxos e lanzamentos, sen alternativa habitacional, e aos que defenden o dereito a unha vivenda digna". Aseguran que o Executivo emprega a policía para "defender os intereses do máis forte" e para "intenar desfacer o movemento de solidariedade", enchéndoos "de multas e sancións".

Nun comunicado conxunto, e a través da coordinadora galega, os movementos antidesafiuzamentos aseguran que non teñen medo. "Mirádenos de frente. Estes son os nosos rostros.  Velaquí vedes e sentides a nosa felicidade. Esta é a nosa felicidade a pesares de. A pesares da vosa desvergoña, a pesares de que nos roubedes unha e outra vez, a pesares de quen nos malledes, a pesares de que nos silenciedes. Esta é a nosa felicidade, a felicidade da xente que construímos a unha coa outra, cpste o que nos coste, un mundo mellor", din.

"Poderedes arrincar as flores pero non poderedes deter a primavera", reivindica a coordinadora galega

"Nos nosos pasos non hai terror. Somos quen. Confiamos nas nosas propias forzas. Poderedes arrincar as flores pero non poderedes deter a primavera. Esta é a nosa decisión e o noso camiño e non hai cancela ou valo que o vaia parar", aseguran na súa denuncia duns poderes públicos que "non se preocupan de procurar unha alternativa habitacional, senón de reprimir ou criminalizar os movementos de solidariedade".

"Golpéannos e empúrrannos pero sempre hai unha man coa que se levantar. Expúlsannos das nosas vivendas pero sabemos defendernos cos nosos propios corpos e a cada vez somos máis persoas as que permanecemos en pé. Recórtannos e anúlannos pero é tan forte a nosa voz que nin o seu ruído mediático a consegue apagar", di o comunicado, que insiste en que "é tan firme" a súa convicción no "lexítimo dereito a resistir" que volven "camiñar".

Stop Desafiuzamentos da Coruña xuntou xa máis de 5.000 euros para pagar as multas impostos tras deter o desaloxo de Aurelia Rey

Precisamente, e tras as numerosas multas impostas a varios membros de Stop Desafiuzamentos na Coruña pola súa achega á hora de deter desaloxos, o colectivo superou xa os 5.000 euros a través da súa campaña popular para recoller fondos que axuden a sufragar estas sancións, tamén a do bombeiro Roberto Rivas, que se converteu en símbolo da resistencia contra os despexos.

A data de 14 de decembro, as achegas superaban xa os 5.100 euros, polo que só quedarían menos de 2.000 euros para acadar o obxectivo dos 7.000 euros que se marcara Stop Desafiuzamentos para axudar a pagar o importe que supoñen as multas impostos a todas aquelas persoas sancionadas por intentar deter o desaloxo da anciá Aurelia Rey. "Se entre todos acadamos a cantidade necesaria para pagar as multas deste caso, verán que non se pode vencer á veciñanza unida, consciente e combativa", din.

Dominio Público Praza Pública
Cartel pola recollida de fondos para pagar as multas © StopDesafiuzamentosACoruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.