O SERGAS manterá en 2015 a súa cativa oferta de emprego: 103 prazas para todas as categorías

Concentración convocada pola CIG en defensa do "emprego digno". Hospital da Costa © CIG

Este venres publícase no DOG a Oferta de Emprego do SERGAS correspondente a 2014, que -como xa anticiparan algúns sindicatos- inclúe unicamente 103 prazas a repartir entre dez categorías para toda Galicia. A maior parte (64) corresponden a auxiliares de enfermaría e técnico/a de laboratorio (11). 

A publicación desta Oferta Pública de Emprego (OPE) non conleva a publicación inmediata da convocatoria, que se podería adiar durante meses. De feito, a anterior OPE, publicada en decembro de 2013, completou a súa convocatoria de prazas esta mesma semana. Este concurso-oposición, que xa vén do pasado ano, permitirá a contratación de 125 persoas na categoría de Enfermaría e de 40 na categoría de Médico de Familia, un total de 165, para cubrir (aplicando a taxa máxima de reposición do 10%) as 1.649 vacantes xeradas por xubilacións e outros motivos.

En canto á nova OPE, das 103 prazas, a metade resolveranse por promoción interna, e as outras 52 repartiranse por concurso entre as máis de 10.235 persoas inscritas nas listas de contratación nesas categorías, con ratios que roldan as 200 aspirantes por praza, e que roldan os 300 e mesmo 400 por praza nas categorías de hixienista dental ou fisioterapeuta. 

A CIG sinala que se nos últimos tres anos non se aplicara a taxa de reposición do 10%, poderían terse creado catro mil prazas en todas as categorías, en lugar das 444 finalmente convocadas

Os sindicatos xa responderon a estes anuncios, que confirman o mantemento da política de contratación de SERGAS e a diminución de prazas e traballadores no sistema público de saúde. A CIG-Saúde rexeita "estas miserias que o SERGAS pretende vender como estabilidade no emprego". E esixe "unha vez máis a eliminación de toda taxa de reposición e a convocatoria de OPE e Traslados para todas as categorías e co 100% das prazas vacantes".

O sindicato denunciara hai unhas semanas que esta convocatoria é tan só unha "oferta de recadación económica" pois "o persoal está obrigado a participar se quer manter a puntuación de OPE nas listaxes de contratación". A CIG sinala que se nos últimos tres anos non se aplicara a taxa de reposición do 10%, poderían terse creado catro mil prazas en todas as categorías, en lugar das 444 finalmente convocadas.

Protesta contra os recortes no Sergas © SOS Sanidade Pública
Concentración convocada pola CIG en defensa do "emprego digno". Hospital da Costa © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.