A veciñanza de Coia segue parando as máquinas da obra da rotonda

Veciños e veciñas de Coia, ante unha das máquinas da obra © Asemblea de Coia

Os veciños e veciñas de Coia continúan impedindo o inicio das obras na rotonda da Avenida Castelao, unha actuación baseada na instalación alí do barco Bernardo Alfageme, propiedade do Concello, e criticada polo seu elevado custe. A pesar de que o pleno municipal -cos votos de PP e BNG- votou en contra das obras o pasado luns (como xa fixera hai dous meses) e a pesar de que o convenio provincial da construción impide realizar estes traballos ata o vindeiro 7 de xaneiro, o Concello de Vigo semella empeñado en completar o seu proxecto. Por iso, grupos de veciños e veciñas do barrio manteñen unha garda no lugar, día e noite.

Este martes pola mañá un forte despregue da Policía Local tratou de mover o valado que rodea a rotonda, para facilitar a entrada das máquinas e o inicio das obras, un movemento impedido de inmediatos polos e polas alí concentradas. Pola tarde, de novo interveu a Policía Local, desta volta para tentar impedir o concerto que no lugar estaba convocado para apoiar a loita veciñal. A tenente de alcalde, Carmela Silva, advertira nas horas previas que o concerto era "ilegal". Finalmente, o concerto puido celebrarse, aínda que cun formato máis pequeno. A pesar da intensa presenza da policía dependente do Concello de Vigo, a Policía Nacional xa anunciou que non intervirá no lugar, mentres non o indique expresamente a Delegación do Goberno.

Outro dos momentos de tensión deste martes viviuse cando un dos responsables da empresa Civis Global, encargada das obras, se presentou no lugar para forzar o inicio das obras. Foi recibido con berros de "empresario explotador" por parte da veciñanza, que tamén cualificou de "esquirois" aos traballadores que manexaban as máquinas incumprindo o convenio provincial do sector. O xefe de obra desculpouse ante os veciños asegurando que eran "ordes de arriba", segundo destaca Vigodixital.com.

Os veciños e veciñas de Coia continúan no lugar, ao berro de "non pode ser, o barco na rotonda e a xente sen comer", denunciando o elevado custe da obra (de cando menos 100.000 euros, como recoñece o Concello), que se sumarían a outros gastos xerados por este barco, que dende que foi adquirido polo Concello acumula un desbaldimento de cartos públicos de case un millón de euros. Lembran en en todo o Concello de Vigo hai 32 mil persoas desempregadas. Propoñen tamén localizacións alternativas para a instalación deste barco, como por exemplo o Museo do Mar de Galicia, situado na cidade, unha proposta que foi aprobada pola maioría do pleno municipal, ou tamén na finca Zulueta, próxima ao museo.

Veciños e veciñas de Coia, ante unha das máquinas da obra © Asemblea de Coia
Concerto en apoio á veciñanza © Asemblea de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.