A Marea Atlántica reúne os emigrantes polo Nadal

Rolda de prensa da Marea Atlántica CC-BY-SA M. Pereira

A Marea de Fóra, unha das quince asembleas activas da Marea Atlántica, formada neste caso por cidadáns e cidadás da Coruña que viven lonxe da cidade, aproveita as datas do Nadal para abandonar por un intre as redes sociais, o seu medio natural de traballo nos últimos meses, e convocar un encontro presencial que sirva para compartir experiencias e afondar no debate sobre o papel da cidadanía expulsada na rebelión democrática en curso.

Haberá unha xuntanza pola tarde e unha festa á noite aberta a todo simpatizante da Marea Atlántica

Así, este sábado, día 27 de decembro, de 16.30 a 20 horas, na Casa da Fariña (praza de Azcárraga, 6). A partir das 20.30 horas, a actividade trasladarase á Cova Céltica (Orzán, 82), no que será unha festa organizada pola propia Marea de Fóra pero aberta, neste caso, ao conxunto da Marea Atlántica "e a calquera persoa que simpatice con esta iniciativa, que pretende organizar o desexo común de cambio e poñer as institucións ao servizo da xente nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio", tal e como lembran nun comunicado.

Na festa haberá música ao vivo de Espantallo Beat, compartirase a comida que cada quen traia da casa e cobrarase unha entrada simbólica de 4 euros para cubrir todos os gastos da organización.

Xuntanza da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.