0 Gardados para despois

A falta de persoal, camas e previsión desborda os hospitais galegos nas últimas semanas

Redacción | @prazapublica

A ausencia de persoal -agravada polas vacacións de Nadal-, o peche de camas e a falta de previsión está a provocar o colapso nos hospitais galegos nas últimas semanas. Especialmente nas urxencias, pero tamén en áreas como a oncolóxica, os centros sanitarios do país estanse a ver desbordados nestes días, polo que xorden fortes críticas tanto dos usuarios como dos propios profesionais. As últimas chegaron desde o Meixoeiro de Vigo, o HULA de Lugo ou o CHUS en Compostela, pero tamén antes do CHUAC na Coruña.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu o colapso dalgúns centros asegura que o Gobeno galego ten que "seguir traballando" para arranxar os problemas tras chegar a pedir "desculpas" por "non poder dar unha resposta axeitada a todos os pacientes" e atribuír esta "dificultade" ao repunte da gripe.

A ausencia de persoal, o peche de camas e a falta de previsión provoca o caos nas Urxencias e noutras áreas dos hospitais galegos

Foron noventa pacientes por atender no inicio da súa quenda o que se atoparon os tres facultativos ao comezar a súa xornada en Urxencias no hospital Meixoeiro de Vigo, segundo denuncia o sindicato Omega, que alerta dunha espera media para os pacientes de seis horas para ser atendidos. A primeira hora da mañá deste xoves, permanecían nesta unidade 62 persoas, 14 ingresadas en camas de observación e 18 nos corredores.

Desde a federación de Saúde do sindicato CIG, ademais, aseguran que o persoal do hospital vigués non dispoñía de padiolas para atender os doentes, polo que moitos deles tiveron que agardar de pé a que fosen chamados. Ao tempo, denuncian tamén a escaseza de roupa de cama suficiente por problemas coas máquinas da lavandería. A todo isto únese a folga que desde hai un mes manteñen médicos de Urxencias do centro, aínda que a central asegura que "está a ter pouca incidencia" ao establecérense uns servizos mínimos "do 100%". Non obstante, Omega critica que o Sergas se negue a convocar o comité da folga para iniciar así negociacións.

Doentes agardando nos corredores e falta de padiolas son constantes que os profesionais denuncian no Meixoeiro

Mentres isto ocorría en Vigo, no HULA de Lugo a situación non era moito mellor. Un "caos", segundo varios profesionais, que se vive mentres se manteñen boa parte das camas do hospital pechadas. Como exemplo, a situación do pasado mércores cando houbo sete doentes ingresados nos boxes de Urxencias ante o cheo que se rexistraba en Observación. Ao tempo, e segundo a CIG, as poucas camas libres que quedan no centro atópanse en unidades cirúrxicas -ao haber poucas intervencións programadas- mentres noutras unidades “están xa con máis doentes que camas permanecían abertas”. Deste xeito, os pacientes vense obrigados a agardar nos corredores e algúns deles, segundo o sindicato, piden a alta voluntaria ao non ser atendidos.

Traballadores do HULA denuncian o "caos" das Urxencias mentres hai camas pechadas e no CHUAC recoñécese estar "ao total da capacidade" varias xornadas

O repunte nos casos de gripe nestas datas, os recortes, a falta de espazo e camas suficientes e a ausencia de persoal -agravado polas vacacións que moitos traballadores teñen nestes días- está a provocar un colapso continuo desde hai días. Xa hai dúas semanas, as Urxencias do Meixoeiro víronse desbordadas, ao igual que as do CHUAC da Coruña, onde a xunta de persoal e a propia xerencia admitiron estar "ao total da súa capacidade".

En Ourense, a portavoz de Sanidade do grupo do PSdeG, Carmen Acuña, alerta das “altas temerarias” dos pacientes de Urxencias do Hospital para “tratar de  desconxestionar a saturación de doentes na planta de Medicina Interna”. A parlamentaria censurou que dende a xerencia e a coordinación do servizo de Urxencias, “intimamente relacionados”, contradigan sistematicamente os ingresos ordenados polos especialistas.

Segundo un informe de SOS Sanidade Pública, entre 2009 e 2014 destinouse un 12,3% menos de orzamento para o sistema sanitario público e perdéronse máis de 2.000 postos de traballo e levouse a cabo o peche de 275 camas hospitalarias.

Saturación no servizo de oncoloxía

Esta situación de caos non afecta, non obstante, só ás Urxencias. No CHUS de Santiago de Compostela, onde esta zona tamén sufriu saturacións nestes días, viviuse este mércores tamén un total colapso no servizo de oncoloxía. Malia que o hospital de día abre sobre as oito da mañá, ás catro da tarde quedaban aínda 16 persoas sen recibir a quimioterapia e a maioría delas levaba alí agardando desde primeiras horas do día, tal e como denuncia a asociación de usuarios desta area do centro compostelán. Ata sete horas de espera.

Doentes do servizo de oncoloxía do CHUS agardaron ata sete horas para recibir a quimioterapia nunha área desbordada

"Unha señora contaba como se erguera ás seis da mañá e ás catro da tarde seguía agardando. Sobre as seis aínda estaban chamando aos últimos e algún deles tiña que recibir quimioterapia durante cinco horas, polo que ata as once da noite non ía poder saír de alí", asegura o colectivo, que denuncia que esta situación repítese "cada vez que hai un festivo polo medio".

Os motivos desta saturación son claros para os usuarios: falta de persoal e de previsión. "Limítanse a esperar que as enfermeiras da tarde chamen pedindo reforzos porque non dan feito". Segundo denuncias dos propios pacientes, só dúas enfermeiras atendían onte tras o xantar os 35 postos de quimioterapia, mentres que polas mañás adoita haber nove. E ás seis da tarde aínda había 28 pacientes presentes, polo que houbo que chamar persoal que non chegou ata pasadas as cinco. Xa antes, o problema era a falta de espazo suficiente e de postos para todos os doentes.

As enfermeiras vense obrigadas a solicitar reforzos á tarde ante a saturación do servizo de oncoloxía

"A idea parece clara: se precisan reforzos, que os chamen; e senón, pois son cartos que aforran", denuncia a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía, que lembra que a xerencia do hospital sabe de sobra que, ao haber un festivo polo medio e non atenderse na área, o día seguinte sempre vai haber máis pacientes.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.