Veciños de Valga e Pontecesures piden a liberalización da AP9 entre Caldas e Padrón

Imaxe da campaña © Plataforma Veciñal Variante Non

O pasado 30 de decembro coñecíase o trazado proposto polo Ministerio de Fomento para a construción dunha vía que axude a evitar o colapso de tráfico que en moitas ocasións sofre a N-550 entre Pontecesures e Valga. Dende hai anos víñase reclamando unha solución, pero a alternativa proposta dende Fomento foi rexeitada de inmediato en ambos os dous concellos gobernados por PP (Valga) e BNG (Pontecesures). A variante, unha vía de dous carrís que mesmo se poderían ampliar a cuatro, é criticada por pasar por riba dunha ducia de vivendas, naves industriais, redes de saneamento e estradas que veñen de ser arranxadas. Mesmo atravesa por riba do Camiño portugués a Compostela.

Dende o Concello de Valga sinálase que a proposta de Fomento é "a peor das posibles" e o seu pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción rexeitando o plan do Executivo. O mesmo fixo o Concello de Pontecesures, tamén co consenso de todos os grupos políticos. Dende Valga denúnciase que a vía "parte en dous" o territorio de ambos os dous concellos, e ínstase á veciñanza a informarse sobre o trazado, propoñendo un trazado alternativo, menos custoso e menos agresivo para vivendas e outras estruturas.

"Rexeitamos calquera das variantes propostas. Por todo o dano que fan, porque son innecesarias, e máis nos tempos de recortes que vivimos. A única opción que apoiamos é a liberación da AP-9, no tramo Padrón - Caldas"

Tamén está en marcha unha recollida de sinaturas, que sumou case 700 apoios nunha semana. Este sábado presentarase, ademais, a Plataforma Variante Non, un colectivo cidadán formado por veciños e veciñas de Valga e Pontecesures, impulsada pola Asociación Cultural Os Penoucos. A Plataforma rexeita non só o trazado proposto por Fomento, senón tamén calquera das alternativas que nos últimos anos se viñeron barallando para construír unha terceira vía paralela á N-550 e á AP-9. "Rexeitamos calquera das variantes propostas. Por todo o dano que fan, porque son innecesarias, e máis nos tempos de recortes que vivimos. A única opción que apoiamos é a liberación da AP-9, no tramo Padrón - Caldas", destacan.

O proxecto de Fomento tería un custe duns 5.832.460 euros por quilómetro, e calquera das outras alternativas suporían un gasto semellante. Dende a Plataforma cualifícase de "innecesario" o proxecto, e máis en tempos de crise e recortes, e sinálase que liberalizando o tráfico neste treito da autoestrada se solucionaría o problema de exceso de tráfico na zona, e cun custe menor.

Imaxe da campaña © Plataforma Veciñal Variante Non
Proposta de trazado do Ministerio de Fomento Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.