As Marchas da Dignidade preparan en Cangas un ano de mobilización

Asemblea de coordinación estatal das Marchas da Dignidade, este sábado en Cangas © Xabi Castro

Representantes de sindicatos e movementos sociais de todas as nacións do Estado participaron este sábado en Cangas na asemblea de coordinación das Marchas da Dignidade, que confirmaron as tres grandes citas de mobilización para este 2015 que xa foran anticipadas nas últimas semanas: unha gran manifestación en Madrid o 21 de marzo, a celebración conxunta do 1º de maio e unha folga xeral o 22 de outubro.

Nas xuntanzas participaron homes e mulleres de IAC de Catalunya, SAT de Andalucía, ESK de Euskal Herria, Confederación Intersindical, CGT, CNT, Intersindical Valenciana, COBAS, CUT, ATTAC, Campamento de la Dignidad de Extremadura, Frente Cívico- Somos Mayoría ou Corriente Roja, representando as columnas nas Marchas da Dignidade de Asturias, Catalunya, Euskal Herria, Madrid, País Valencía, Andalucía e Murcia.

As Marchas confirmaron tres grandes citas de mobilización para este 2015: unha gran manifestación en Madrid o 21 de marzo, a celebración conxunta do 1º de maio e unha folga xeral o 22 de outubro

A asemblea estendeuse ao longo de todo o día, superando amplamente o horario previsto inicialmente, como destaca Manolo Caamaño (CUT): “Foi unha xuntanza moi participada, o que é normal cando hai tanta xente e ademais con perfís distintos, procedentes de realidades nacionais diversas, todo iso fai que haxa que unificar criterios". As xuntanzas confirmaron o que xa estaba deseñado como folla de ruta e veu encher de contido os tres obxectivos que xa estaban enriba da mesa. A máis inmediata, a gran manifestación do vindeiro 21 de marzo en Madrid, que quere repetir o éxito acadado o pasado ano. A segunda, a convocatoria de marchas polo Primeiro de Maio, unhas mobilizacións que "non significan invisibilizar o papel dos sindicatos clasistas e alternativos", senón "a necesidade de compartir o protagonismo cos movementos sociais, na liña estratéxica da unidade obreira e popular". E a terceira, a folga xeral que o vindeiro 22 de outubro teñen previsto convocar as Marchas da Dignidade e todas as organizacións que as apoian.

Manolo Caamaño destacou o "entusiasmo" que se puido percibir este venres e sábado en Cangas: "Vimos de mobilizarnos hai pouco máis dun mes e estamos nun momento no que se percibe que a xente comeza a quentar motores". Engadiu que agora a columna galega das Marchas da Dignidade e as organizacións que as apoian teñen a tarefa de "realizar o deseño concreto a nivel galego do que imos facer nos vindeiros meses".

"Vimos de mobilizarnos hai pouco máis dun mes e estamos nun momento no que se percibe que a xente comeza a quentar motores"

2015 será un ano de mobilizacións e pode ser tamén un ano de cambios políticos e de mudanzas electorais, dende Grecia á Moncloa pasando polos concellos e moitos parlamentos autonómicos. Manolo Caamaño destaca que "as Marchas da Dignidade somos un movemento de unidade obreira e popular, non somos unha fronte política e non somos un partido, pero as Marchas non nos abstraemos da realidade e dun contexto político  electoral que neste 2015 vai ter moita importancia". Engade que "temos unhas citas fundamentais, comezando pola máis inmediata: a de Grecia. E nos comicios conta moito a mobilización popular, como de feito cremos que xa sucedeu nas eleccións europeas, cando a manifestación do 22 de marzo tivo un impacto grande no debilitamento do bipartidismo".

"Ese é o noso papel, e cada un debe estar no seu papel. As marchas da dignidade queren tumbar este Goberno, pero queren fundamentalmente tumbar o réxime. Partimos de que este sistema non nos serve, e polo tanto non nos vale un cambio de cromos. Un discurso honesto de cambio no Goberno non valería de nada se non se cambia a base", conclúe, facendo fincapé na negativa a pagar a débeda ilexítima: "Unha das nosas consignas fundamentais, xunto coa de 'pan, traballo e teito' é a do non-pago da débeda ilexítima. Porque se seguimos pagando a débeda ilexítima, non teremos cartos para pagar o pan, non teremos traballo e non teremos teito".

 

Acto de apoio, o venres

"Ese é o noso papel, e cada un debe estar no seu papel. As marchas da dignidade queren tumbar este Goberno, pero queren fundamentalmente tumbar o réxime"

Previamente á celebración da asemblea tivo lugar o venres en Cangas un acto público de apoio á Marchas da Dignidade, organizado pola CUT. Presentado pola actriz Mónica Camaño, nel interviron Pepe Cáccamo, Lluís Blanco (IAC), Nines Maestro (Red Roja), Gines Fernandez (Frente Cívica), J.M. Muñoz Poliz (CGT), Rafa. G. Escudero (S.F.-CI.), Javier Garcia (SAT) e Manolo Camaño (CUT)

Asemblea de coordinación estatal das Marchas da Dignidade © Xabi Castro
Intervención de Manolo Caamaño no acto do venres © Xabi Castro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.