Presentan tres propostas para conectar o parque de Belvís sen derrubar a Casa da Xuventude

Proposta de Ricardo Varela Dominio Público Praza Pública

Hai unhas semanas a plataforma Defender o Público-Salvemos a Casa da Xuventude lanzou -en colaboración coa Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia- unha convocatoria de ideas para ofrecerlle ao Concello de Santiago alternativas ao derrubo deste centro sociocultural. Dado que o principal argumento empregado polo Goberno municipal para defender o seu proxecto é a necesidade de abrir unha nova entrada ao anexo parque de Belvís a través da praza do Matadoiro (facendo máis doado o acceso dende a Cidade Vella, a convocatoria facía fincapé neste punto, ademais de no mantemento do actual edificio para o seu uso pola cidadanía.

As propostas coinciden en defender a comunicación a traves da parcela colindante e propoñen actuacións sobre a imaxe das fachadas para mellorar a integración na praza

Este xoves a plataforma fixo públicos e detallou os tres proxectos presentados, que coinciden en defender a comunicación a traves da parcela colindante, "tal e como contempla o Plan Especial e o PXOM vixentes, que fixan para a mesma o uso de Zona Libre para pemitir precisamente esta conexión", lembran. As propostas, igualmente, propoñen actuacións sobre a imaxe das fachadas para mellorar a integración na praza e coinciden en salientar a importancia de manter a traza histórica da Praza do Matadoiro, anterior ao século XVIII, "que sempre foi un espazo pechado urbanisticamente e co derrubo da casa perdería ese carácter de praza". 

Tamén salientaron que outros parques da cidade, coma o de Bonaval, tamén careceron historicamente, e carecen, de accesos directos. O arquitecto Ricardo Varela, autor dunha das propostas, sinalou que eliminar un dos flancos da praza para acceder frontalmente á cabeceira do parque de Belvís é un “erro urbanístico e cultural”, pois supón “variar o tecido histórico da cidade e alterar a fixonomía das vellas hortas”. A Plataforma cre necesario, así mesmo, que o edificio se abra ao parque, "porque agora está de costas a el", mellorando a súa integración e para facelo máis aberto.

Na presentación, a Plataforma instou unha vez máis ao Concello a "dar marcha atrás" na súa decisión de derrubar o edficio, subliñando que “non se considera xustificable o gasto de diñeiro público para destruír un edificio en condicións de uso”, en lugar de acondicionalo e poñelo a disposición dos cidadáns para o seu aproveitamento. Lembraron que o custe da intervención representaría un enorme gasto para as arcas municipais: ademais dos 165.000 euros da demolición e dos 575.000 euros de custe da obra de acondicionamento posterior da zona, habería que ter en conta a perda patrimonial do edificio en si, valorado en máis dun millón de euros. "Non se entende ese afán do concello de reducir o patrimonio económico de todos os cidadáns de Santiago de Compostela en cerca de dous millóns de euros para reducir os servizos socio culturais ao servizo dos cidadáns", denunciaron. Tamén criticaron que o Concello lle encargase directamente o proxecto de remodelación a un arquitecto e apostaron pola realización de concursos públicos e abertos para conceder este tipo de traballos, nos que ademais se lles dea voz aos veciños e veciñas.

"Non se entende ese afán do concello de reducir o patrimonio económico de todos os cidadáns de Santiago de Compostela en cerca de dous millóns de euros para reducir os servizos socio culturais ao servizo dos cidadáns", denunciaron

Na presentación estiveron presentes representantes da Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos, representantes de distintas asociacións veciñais e culturais e tamén de partidos políticos. Representantes da plataforma afirmaron que "seguirán exercendo todas as accións legais e xurídicas necesarias para parar o derrubo", destacando a denuncia presentada ante a Fiscalía na que se solicita que se adopten medidas cautelares de paralización da actuación, por incumprir o Plan Especial e a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

 

As propostas

Representantes da plataforma afirmaron que "seguirán exercendo todas as accións legais e xurídicas necesarias para parar o derrubo", destacando a denuncia presentada ante a Fiscalía na que se solicita que se adopten medidas cautelares de paralización da actuación

Na presentación, os seus autores detallaron as características das propostas e foron críticos coa intención do Goberno municipal compostelán de derrubar a Casa da Xuventude. O proxecto de Ricardo Varela utiliza como punto de partida o antigo portalón de acceso do sanatorio Puente Castro: elimínase a porta física actual, e constrúese un lintel simbólico de acceso "que visibiliza o parque dende a praza, co pano de fondo do arbolado traseiro". De igual xeito, propón unha actuación puntual na propia Casa da Xuventude, "eliminando o remate triangular dos hastiais metálicos dos corpos de galería, e retrasando o da cuberta para suavizala presenza dos seus volumes".

Na proposta de Laura López e Jorge Duarte o acceso ao parque tamén se realiza a través da parcela colindante, pero a conexión neste caso tamén se fai a través do espazo que ocupa actualmente o propio edificio,"mellorando a mobilidade e creando unha conexión do edificio coa praza e co parque". Tamén se propón a remodelación do edificio, atrasando a cuberta e minimizando a súa presenza, modificando as galerías e o acristalamento da planta baixa para crear a rampa de conexión co parque.

Finalmente, a proposta do arquitecto Pablo Tomé aposta pola comunicación co parque a través da parcela contigua e abre a planta baixa do edificio a praza "nun xesto que pretende ser unha invitación a entrar e ser usado por todos os cidadáns", destacan dende a Plataforma

Proposta de Pablo Tomé Dominio Público Praza Pública
Proposta de Ricardo Varela Dominio Público Praza Pública
Proposta de Laura López e Jorge Duarte Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.