Feijoo responde ás críticas: "Non son os deputados os que receitan"

Intervención de afectadas pola hepatite no pleno do Concello de Vigo Dominio Público Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C

"En relación con todo tipo de tratamentos médicos non son os deputados os que receitan. Os criterios non son do PP, son de todos os responsables da sanidade e das comunidades autónomas que conformamos a sanidade pública. Sorpréndeme que haxa deputados da oposción que teñen criterios médicos, técnicos e facultativos. O que están é manipulando a dor e as expectativas de curación de moitas persoas". O presidente da Xunta respondeu este xoves ás críticas recibidas por parte das forzas da oposición e da Plataforma de Afectados pola Hepatite C rexeitando que se estea deixando sen os novos tratamentos ás persoas que os necesitan e repetindo, coma onte fixera a Consellaría de Sanidade, que "todos os pacientes que por criterio médico teñan que recibir ese tratamento ou o recibiron ou o recibirán".

Núñez Feijoo: "Sorpréndeme que haxa deputados da oposción que teñen criterios médicos, técnicos e facultativos. O que están é manipulando a dor e as expectativas de curación de moitas persoas"

A propia Consellaría ofrecía na tarde deste mércores datos oficiais sobre o número de persoas ás que en Galicia lles foi concedida dende o verán a administración dos novos tratamentos contra a hepatite C (Sofosbuvir, Simeprevir e Daclatasvir). A cifra exacta é de 259, dun total de 279 solicitudes cursadas, segundo a Xunta. Porén, dende a Plataforma de afectados cualifícanse estas cifras de "ridículas" e sinálase a xestión da Consellaría como "cruel" e "inhumana". Este xoves unha das voceiras da entidade, Xulia Alonso, lembrou que en Galicia hai 35.000 enfermos e enfermas de hepatite, das que 3.000 están en fase cirrótica.

Núñez Feijoo afirmou na súa intervención que o Goberno galego seguirá "todos os criterios médicos e todos os criterios médicos se están a seguir". Algo semellante ao que o mércores sinalaron no Parlamento os deputados populares e que, máis tarde, foi subliñado por Rocío Mosquera, que defendeu os criterios seguidos pola subcomisión da hepatite C que decide sobre a concesión ou non do tratamento para os e as pacientes a quen lles foi prescrito polos seus médicos. Para Mosquera, a comisión "actúa con absoluta transparencia e de forma absolutamente independente de condicionantes externos, aplicando os criterios establecidos e explícitos, e resolve por escrito todas as solicitudes recibidas. Os membros da subcomisión son profesionais do Servizo Galego de Saúde con experiencia e dedicación clínica á hepatite C".

Dende o verán aprobáronse en Galicia 259 tratamentos cos novos fármaco. A plataforma de afectados cualifica esta cifra de "ridícula"

A Plataforma de Afectados leva semanas esixindo que se faga pública a identidade dos integrantes desta subcomisión, en beneficio da transparencia, e advertiron de que se antes do venres o Goberno galego non o fai, será a propia Plataforma quen revele publicamente os seus nomes. Rocio Mosquera explicou na cámara que "dadas as características do labor que efectúan, e coa finalidade de garantir a obxectividade e eliminar os conflitos de interese na aplicación dos criterios técnicos vixentes é imprescindible manter os seus nomes no anonimato e evitar por tanto calquera tipo de presión externa que poida condicionar as súas decisións".

Este xoves varios integrantes da Plataforma reuníronse en Vigo co alcalde da cidade, Abel Caballero, que os convidou a intervir no pleno municipal o vindeiro 23 de febreiro e que apoiou publicamente as súas demandas. "A vida non ten prezo, non se valora en diñeiro. Non vale o argumento orzamentario. Pódense pospor millóns de cousas, pero a vida, non", afirmou Caballero.

Intervención de afectadas pola hepatite no pleno do Concello de Vigo Dominio Público Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C
Núñez Feijoo na rolda de prensa posterior ao Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.