A CRMH entregará en Galicia unha carta ao rei para que borre o franquismo das rúas

Os reis de España, durante o Apóstolo en Compostela © Xunta

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) aproveitará a visita dos reis de España, Felipe VI e Letizia, á Coruña o vindeiro mércores para lle entregar unha carta na que lles reclaman, entre outras medidas, que exixan ao alcalde que cumpra a Lei da Memoria Histórica e suprima toda a simboloxía franquisa que aínda se mantén na cidade

Na misiva, que será entregada o próximo martes na Delegación do Goberno, a CRMH solicitará a Felipe VI -aproveitando a súa inauguración da exposición que se dedica a Picasso na cidade- que reciba en audiencia oficial ás asociacións de vítimas do franquismo de todo o Estado, iniciativa para que "se ofrece" a colaborar "na organización". 

A CRMH pedirá ao rei que axude a acabar co enxalzamento "daqueles que se levantaron violentamente contra a democracia"

Ademais, o colectivo reclama ao xefe do Estado que "tome" unha serie de "iniciativas" que axuden a rematar coa anormalidade democrática que supón enxalzar "aquelas persoas que se levantaron violentamente contra a democracia, asasinando milleiros de persoas". Así, pide a retirada de títulos nobiliarios concedidos por Franco e polo seu pai, o rei Juan Carlos, a golpistas e persoas que cometeron crimes contra a humanidade "porque un país democrático non pode facer un recoñecemento público e institucional, nin conceder títulos nobiliarios" a estas personaxes

Tamén lle pide que, "como xefe de Estado pida perdón polo silencio mantido até agora pola monarquía respecto á ditadura franquista e condene todos os crimes contra a humanidade cometidos por ese réxime, que non prescriben, como xa fixeron a ONU e outros organismos internacionais".

A Comisión solicitará o perdón de Felipe VI "polo silencio mantido pola monarquía respecto á ditadura franquista"

Ao tempo, solicítanlle que, aproveitando a súa visita oficial aos reis, visite o memorial ás vítimas do franquismo, onde figuran os nomes das 600 persoas asasinadas pola ditadura na comarca, e tamén o monumento en Aranga, que lembra as persoas que aínda están en numerosas fosas nese concello. "Comprobe na entrada principal do palacio municipal a existencia dun escudo franquista, ilegal desde 1981 e esixa ao alcalde a retirada de toda a simboloxía franquista, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica e do acordo plenario de 7 de setembro de 2009", insístenlle. 

A CRMH non queda aí, xa que tamén lle reclama na carta que "faga xestións diante do Goberno para que facilite o traballo da xuíza arxentina María Servini, que investiga os crimes do franquismo, dentro da chamada querela arxentina", permitindo así as extradicións das persoas solicitadas pola xuíza. E tamén para que o Executivo derrogue a Lei de Amnistía de 1977, "como reiteradamente solicitaron nos últimos anos delegacións de Nacións Unidas que visitaron España", para que poidan xulgarse os crimes do franquismo.

A carta reclama xestións para facilitar a querela arxentina e a derrogación da Lei de Amnistía de 1977

Nunhas peticións que non parece que poidan ser tido moi en conta, vistos os antecedentes da familia real, a Comisión tamén lle pide a Felipe VI que "exixa ao Goberno que poña os medios axeitados para a recuperación dos restos en fosas comúns de máis de 150.000 persoas", asasinadas polo franquismo, "así como os nenos roubados polo réxime franquista". A CRMH lémbralle ao rei, ademais, que poderá ampicar calquera información ou mesmo colaborar na execucións das propostas presentadas. 

Non será a primeira vez que os reis de España reciban unha carta reivindicatia na súa visita a Galicia. O pasado mes de setembro, e mentres inauguraban o curso escolar en Pereiro de Aguiar entre protestas, dúas nais aproveitaron a ocasión para entregarlle a Letizia un sobre con varios documentos nos que se incluían demandas ante os recores no ensino, como un cambio de horario no centro -pola imposibilidade de conciliación familiar ante o reducido do transporte escolar- ou a ampliación do comedor e doutras instalacións.

Os reis de España, durante o Apóstolo en Compostela © Xunta
Placa da rúa División Azul na Coruña CC-BY Drow male

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.