Ferrol protesta, na rúa e pola vía administrativa, contra a taxa de saneamento

As protestas contra a taxa de saneamento levan incrementándose na comarca dende hai meses Dominio Público @santalha

As forzas políticas da oposición en Ferrol, así coma numerosas entidades sociais e asociacións veciñais, redobran a súa protesta contra a taxa de saneamento aprobada hai oito meses, en solitario, polo goberno municipal popular. O imposto obriga ao pagamento duns setenta euros anuais a todas as vivendas da zona urbana, para pagar un proxecto moi criticado polo seu elevado custe, e cualificado de obsoleto e ineficaz. Así mesmo, denúnciase que non debe ser a veciñanza ou o Concello quen se faga cargo do pagamento, que debería corresponder ao Estado central. Lémbrase, ademais, que unha boa parte dos fogares que xa están recibindo os primeiros recibos (correspondentes ao segundo semestre de 2014) aínda non están conectados á rede e que, polo tanto, deben pagar por un servizo que non reciben.

Alexandre Carrodeguas, en nome de todos os colectivos presentes, anunciou a presentación dun recurso administrativo contra a taxa, cualificándoa de "chapuza xurídica", de "ilegal" e de "inxusta"

Este martes representantes de PSOE, BNG, Esquerda Unida, Marea Ártabra e Podemos, da Federación Veciñal Roi Xordo, a Comisión para o Saneamento da Ría de Ferrol e doutras entidades sociais e sindicatos escenificaron o seu rexeitamento ao imposto nunha rolda de prensa celebrada no exterior da Casa do Concello. No acto Alexandre Carrodeguas, en nome de todos os colectivos presentes, anunciou a presentación dun recurso administrativo contra a taxa, cualificándoa de "chapuza xurídica", de "ilegal" e de "inxusta". Así mesmo, lembrou a convocatoria, para o vindeiro xoves ás 19 horas dunha concentración na mesma Praza de Armas.

O día anterior estes mesmos colectivos celebraran unha asemblea na sede da galería Sargadelos, na que participaron outras entidades e cidadáns a título individual. Nesa xuntanza instaron tamén os veciños e veciñas a recorrer individualmente os recibos, unha acción para a que se facilitará un modelo de recurso. A presentanción deste recurso é importante para que, no caso de que unha vivenda deixe de pagar o recibo, isto non implique unha sanción.

O xoves ás 19 horas terá lugar unha concentración de protesta

Pola súa banda, o alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, cualificou as críticas recibidas de "demagoxia" e prometeu que toda a zona urbana de Ferrol estará conectada á rede de saneamento en 2015. Rey Varela recoñeceu que ao redor de vinte mil vivendas ás que xa se lles está cobrando polo novo servizo aínda non forman parte da rede, pero apelou á súa "solidariedade" pois -dixo- "non van pagar o custe total do servizo soamente os veciños de tres barrios".

Nun artigo publicado este martes en Praza, Alexandre Carrodeguas denunciaba que "mercede á complicidade do actual goberno municipal co xestor privado de Emafesa (Urbaser), en busca do maior negocio deste último, as costas da sufrida veciñanza ferrolá van ter que pagar dúas veces polo mesmo concepto: o canon de saneamento de Augas de Galiza e a taxa de depuración de Emafesa. Gravadas cunha nova taxa para financiar a explotación do sistema de saneamento e depuración, para maior beneficio desta empresa privada". Carrodeguas avogaba pola "remunicipalización do servizo de augas" porque -dicía- "só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo e evitar este tipo de abusos onde se poñen os intereses empresariais por riba dos intereses de todos e todas"

Ademais do elevado custe das obras, os colectivos críticos co proxecto critican a opción escollida: unha rede unitaria onde se mesturan as augas fecais coas pluviais

Ademais do elevado custe das obras, cun desembolso inicial de 38 millóns de euros aos que haberá que sumar outros 23 millóns en obras complementarias, os colectivos críticos co proxecto critican a opción escollida: unha rede unitaria onde se mesturan as augas fecais coas pluviais, contravindo a opinión de expertos, coma o enxeñeiro e profesor da Universidade da Coruña, Juan Joaquín Suárez, que propuña a xestión separada de augas, ou a propia Comisión Europea, que admite a rede unitaria só cando os posibles alivios de aguas contaminadas á ría, provocados por episodios de fortes chuvias, sexan excepcionais. Porén, Alexandre Carrodeguas e Miguel Reimúndez advertían nun artigo de que os chamados tanques de tormentas construídos "non son capaces de reter a máis común das precipitacións da zona e xa non digamos as máis tormentosas". Carrodeguas e Reimúndez concluían que o proxecto "non elimina totalmente os verquidos de augas residuais á ría e ten e vai ter uns enormes costes constructivos, de mantemento e enerxéticos a asumir por todos os cidadáns nas próximas décadas, vía endebedamento público e suba da tarifa do servizo".

As protestas contra a taxa de saneamento levan incrementándose na comarca dende hai meses Dominio Público @santalha
Os primeiros recibos comezaron a chegar hai un par de semanas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.