As Marchas da Dignidade saen á rúa o mércores nas sete cidades galegas

Rolda de prensa das Marchas da Dignidade galegas © Marchas da Dignidade - Galicia

A carreira de cara á manifestación das Marchas da Dignidade do vindeiro 21 de marzo en Madrid arranca esta semana en Galicia. A Columna Galega do 22M convocou manifestacións nas sete cidades galegas en apoio a esta mobilización, que prevé alcanzar a relevancia do ano pasado, cando encheu as rúas da capital do Estado con centos de milleiros de cidadáns chegados de todos os territorios. 

As Marchas da Dignidade de Galicia maniféstanse nas sete cidades este vindeiro mércores

Ademais, e tal e como explicaron varios representantes das Marchas en Galicia en rolda de prensa, a mobilización ten tamén como obxectivo "xuntar forzas" para a convocatoria dunha folga xeral de consumo e traballo que terá lugar o 22 de outubro e que será a primeira que a nivel estatal non está conocada polos dous sindicatos maioritarios, UGT e CCOO. 

En Galicia, ademais das manifestacións do próximo mércores 24, tamén haberá numerosos actos de promoción, como o faladoiro-debate no que participarán Diego Cañamero, voceiro do SAT, e o actor Willy Toledo, na Coruña o 9 de marzo (no Círculo de Artesáns ás 19.30 horas) e en Vigo, o día 10 (no Centro Cívico de Teis, ás 20 horas).

O 22M convocará unha folga xeral de traballo e consumo en todo o Estado o 22 de outubro

Ademais, a Columna Galega aclarou que en principio serán dous trens os que sairán do país -desde A Coruña e Vigo- para participar na marcha de Madrid, aínda que se negocia aínda con Renfe, así como con empresas de autobuses para poder dispor de medios de transporte desde diferentes comarcas.

A manifestación en Madrid, tal e como aclaran as Marchas galegas no seu manifesto, repítese porque "as condicións de vida do pobo" non só non variaron senón que "segue medrando a dor e o desastre por todos lados tras anos de políticas contrarias á cidadanía, co incremento da pobreza e da represión".

No texto, o 22M galego denuncia "a complicidade entre o FMI, o BCE e a UE cos poderes políticos e empresariais" para "nos levar a unha situación terrible". Logo de facer un repaso da precaria situación da cidadanía e dos dereitos laborais e sociais, a Columna Galega asegura que volverá a Madrid para "dicirlles aos poderosos" que "xa abonda de nos roubar vivendas, empregos, salarios, pensións, saúde, educación e os dereitos imprescindibles para levar unha vida minimamente digna". 

Será unha nova proba de forza para unha Columna Galega que logrou encher o Obradoiro o pasado 29 de novembro e que colleu músculo tras ser impulsada por varios sindicatos como a CUT, CGT, Sindicato Ferroviario ou Sindicato da Elevación e á que se foron sumando organizacións como SLG, STEG, Anova, FPG, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, así como de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas, entre outros.

Lugar e horarios das manifestacións do mércores

  • Ferrol, desde Praza de Armas, ás 19,30 horas
  • A Coruña, desde Praza de Portugal, ás 20 horas
  • Lugo,desde Explanada do Edificio Multiusos da Xunta ás 20 horas
  • Compostela, desde Porta do Camiño, ás 20 horas
  • Ourense, desde Parque San Lázaro, ás 20 horas
  • Pontevedra, desde A Pasarela (Rúa 12 de Novembro), ás 20 horas
  • Vigo, desde  Praza de Fernando o Católico, ás 20 horas
Vista xeral da praza do Obradoiro polo 29N CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.