O Valedor sinala a ilegalidade do trazado da liña de alta tensión que ameaza Catasós

Os dous trazados propostos para a liña de alta tensión © ADEGA

O Valedor do Pobo vén de facer pública unha resolución na que responde aos máis de 11 mil escritos de denuncia remitidos polas asociacións Cova Crea e Petón do Lobo que alertaban do dano que a liña de alta tensión entre O Irixo e Lalín podería provocar na Fraga de Catasós, próxima á capital do Deza. O Valedor sinala que a proposta de Unión Fenosa Distribución, refrendada pola Xunta, incumpre a Lei da Paisaxe de Galicia (7/2002), a do Catálogo da Paisaxe do Deza (Decreto 171/2012) e a Lei de Montes (7/2012), ao impedir o proxecto "a función social do monte". E insta a Xunta e ao Concello de Lalín a "revisar o trazado previsto" co fin de que "se preserve o interese ambiental e paisaxístico da Fraga de Casas Vellas e en xeral da contorna da Fraga de Catasós".

A resolución recomenda que "se eviten os prexuízos ambientais e paisaxísticos dese trazado mediante o soterramento da liña ao carón da estrada de entrada a Lalín"

O texto vai máis aló e, en particular, recomenda que "se eviten os prexuízos ambientais e paisaxísticos dese trazado mediante o soterramento da liña ao carón da estrada de entrada a Lalín", a alternativa defendida polos grupos ecoloxistas e pola maior parte da veciñanza do lugar. Unha alternativa que Unión Fenosa rexeitaba alegando que a lei a non lle permitía soterrar o trazado fóra de chan urbano, o que non é certo.

O escrito sinala tamén a responsabilidade da administración neste caso, ao dar por bo a Xunta na Declaración de Impacto Ambiental o estudo paisaxístico presentado pola empresa sen esixirlle a aplicación de medidas correctoras para preservar a singularidade destas fragas. Tamén subliña que os proxectos con avaliación de impacto ambiental "deben contar cun estudo de integración paisaxística"; porén, "non se tivo en conta ese impacto sobre fragas" e "habería que reexaminar a incorporaron ao proxecto dos obxectivos de calidade paisaxística e as determinacións das directrices da paisaxe establecidas para a unidade da paisaxe do conxunto das fragas", recomenda o Valedor.

A resolución lembra que o Catálogo da Paisaxe do Deza "recoñece expresamente o espazo tan valioso da Fraga de Catasós" e obriga "a evitar a degradación de aqueles espazos con especiais valores naturais e recuperalos no caso de que así o precisen". O Valedor sinala que "aínda que o citado lugar protexido non se vería afectado de forma estrita pola liña no seu actual proxecto, é necesario entendelo no seu conxunto para manter a conectividade ecolóxica para a preservación da biodiversidade e do ecosistema". Os espazos protexidos non son illas naturais sen conexión con outros hábitats; polo contrario, a contorna é tan relevante como o espazo protexido en si", engade.

"A utilidade pública e o interese social da súa preservación debe considerarse prevalente respecto da utilidade pública da execución dunha liña eléctrica", di

"A execución da liña eléctrica nos seus actuais termos é incompatible coa protección das fragas, en particular Casas Vellas, dada a súa notoria singularidade e beleza, que debe ser obxecto de protección especial, e polo seu valor cultural, paisaxístico e ambiental. A utilidade pública e o interese social da súa preservación debe considerarse prevalente respecto da utilidade pública da execución dunha liña eléctrica", conclúe o Valedor.

A resolución, particularmente clara e dura coa empresa, coa Xunta e co Concello de Lalín, destaca que "Gas Natural Fenosa non está a cumprir co seu compromiso de responsabilidade corporativa en relación ao medio ambiente". E engade que "unha empresa que inviste tantos recursos económicos en campañas publicitarias a favor do medio ambiente demostra pouca sensibilidade á hora de presentar este proxecto". "Debera esixírselle que en cumprimento do mesmo afaste a liña da área de Casas Vellas e vele pola protección da zona e das árbores no reduto da fraga autóctona galega por excelencia", conclúe.

"Unha empresa que inviste tantos recursos económicos en campañas publicitarias a favor do medio ambiente demostra pouca sensibilidade á hora de presentar este proxecto", sinala o Valedor

O Valedor tamén responde a algunhas das modificacións propostas pola empresa, coma por exemplo a oferta de elevar os apoios da liña ao seu paso por Casas Vellas. A resolución apunta que esta solución "non garante a protección da fraga, senón que polo contrario conleva a necesidade de facer prevalecer o carácter de servidume de paso de liña eléctrica de alta tensión, co que nalgún momento se verán afectadas algunhas e mesmo todas as árbores e os demais elementos da paisaxe e o ecosistema".

Os dous trazados propostos para a liña de alta tensión © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.