"Na Coruña mandan os de sempre, que ademais nunca se presentaron ás eleccións"

Carlos Negreira e o seu equipo de goberno antes dun pleno © Concello da Coruña

O poder na Coruña. De Vázquez a Negreira (Laiovento) analiza a xestión realizada polo Goberno municipal nos últimos catro anos e completa a triloxía que Manuel Monge iniciou en 2003 con A Coruña de Francisco Vázquez e continuou en 2007 con Outra Coruña é Posíbel. Unha triloxía, di, para explicar "quen manda na cidade". E quen manda? "Na Coruña mandan os de sempre, os de sempre que nunca se presentaron ás eleccións: os promotores inmobiliarios, os construtores, o gran capital..., e outros intereses que están detrás da política levada a cabo nas últimas décadas, unha política baseada na especulación urbanística", destaca.

En 2011, despois de catro anos dun bipartito PSdeG-BNG liderado por Javier Losada, o PP chegou ao poder por vez primeira na cidade da man de Carlos Negreira. Porén, como destaca Monge, o cambio non era tal ou cando menos non o era con respecto aos tempos do vazquismo: "Os que mandan realmente na Coruña chegaron á conclusión de que había que aplicar a máxima lampedusiana de Que todo cambie para que todo siga igual”. "Consideraban que chegara o momento de que gobernase o PP para que todo seguise coma nos tempos do alcalde Vázquez. Este colaborou eficazmente na crucifixión do alcalde Losada e traballou arreo para que triunfase o candidato do PP. Por iso estaba tan contento na toma de posesión do alcalde Negreira", destaca.

O efusivo abrazo entre Francisco Vázquez e Carlos Negreira na investidura deste último explícase para Monge en que en 2011 "o candidato á alcaldía de Paco Vázquez era Negreira, non Losada"

Monge presentará o libro este xoves en Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22), acompañado de Xurxo Souto e de Francisco Pillado. "Esta triloxía pode servir para que a xente saiba o que pasou aquí nos últimos 40 anos, e para que as futuras xeracións poidan ter información sobre a vida municipal da cidade" -di- "Os libros teñen tamén unha vertente mobilizadora, para que a xente reaccione".

A propia capa do libro revela boa parte da súa tese. O efusivo abrazo entre Francisco Vázquez e Carlos Negreira na investidura deste último explícase para Monge en que en 2011 "o candidato á alcaldía de Paco Vázquez era Negreira, non Losada". Para o autor, Negreira non só era o candidato do ex alcalde socialista, senón dos grandes poderes económicos da cidade: "Paco Vázquez remataba sempre as súas campañas electorais na sede da Confederación de Empresarios da Coruña. E Negreira fixo o mesmo. Cando Antonio Fontenla o presentou na campaña de 2011 dixo del que 'es un amigo con el que puedes contar, con pocas personas me he entendido tan bien, casi sin hablar'”.

"Había xente dentro dos socialistas que era consciente desa situación, e que sabían que beneficiaba ao PP e que calaron vergonzosamente"

A obra relata "o via crucis e crucifixión do alcalde Losada", no que xogou un papel moi importante Paco Vázquez. "Por que non houbo unha reacción do PSdeG-PSOE na cidade?" -pregúntase Monge- "Había xente dentro dos socialistas que era consciente desa situación, e que sabían que beneficiaba ao PP e que calaron vergonzosamente". Monge lembra que a propia candidata actual á alcaldía, Mar Barcón, que formou parte dos gobernos de Vázquez, declarou que “estoy orgullosa de haber sido cómplice y parte de las decisiones de Vázquez. Desde la agrupación socialista coruñesa no saldrá jamás una palabra de polémica o desencuentro con quien ha sido un referente público y políticos de todos los socialistas y de todos los coruñeses”.

O libro valora tamén a xestión do goberno bipartito, do que destaca que naceu lastrado por un programa de goberno "curto e inconcreto", o que "foi aproveitado polos socialistas para incumprilo". Porén, Monge defende que "houbo un cambio significativo na actitude do Goberno, que foi moito máis dialogante. Acabáronse cos escándalos urbanísticos na etapa anterior, mudaron moitas cousas na política cultural ou de recuperación do patrimonio". "Tanto foi así" -engade- "que cando en 2011 gaña o PP, a nova concelleira de Cultura sinala que as festas van cambiar, porque eran 'demasiado galegas'. Imaxina que un concelleiro de Sevilla di que as festas da cidade son 'demasiado andaluzas'. Botaríano a patadas".

Sobre Carlos Negreira sinala que "gobernou sen un proxecto de cidade, con escurantismo e sen transparencia"

Sobre Carlos Negreira sinala que "gobernou sen un proxecto de cidade, con escurantismo e sen transparencia" e que na súa xestión destaca "a privatización dos servizos públicos e o despilfarro de cartos, por exemplo a través destas externalizacións, ou na organización das festas e da decoración de nadal". Tamén regresaron, destaca, as grandes obras en beneficio de empresas privadas amigas, coma as do Parrote, "en beneficio de Copasa, compañía que financiou o PP, como se desprende dos papeis de Bárcenas".

"Hai que democratizar a vida municipal, ten que haber máis información e máis transparencia para que a xente poida participar nos asuntos que lle interesan"

O libro péchase cun "programa básico" para unha A Coruña diferente, cunha serie de medidas éticas e políticas e de actuacións. "Hai que democratizar a vida municipal, ten que haber máis información e máis transparencia para que a xente poida participar nos asuntos que lle interesan. Hai que elaborar un regulamento de participación cidadá que lle dea voz á xente e o movemento asociativo e os barrios deben poder presentar as súas propostas para elaborar uns orzamentos realmente participativos", destaca. Ademais, reclama a necesidade de revisar o actual PXOM e o Plan Especial de Reforma Interior da Cidade Vella e aposta "por defender o noso patrimonio, evitando a toda costa que se poida construír nos arredores da Torre de Hércules". Así mesmo, defende a "reforma do transporte público, para que pase a ser xestionado polo Concello, camiñando cara unha compañía de carácter metropolitano que dea servizo a toda a comarca", e tamén o potenciamento do tren de proximidade ou a urxente recuperación da Ría do Burgo, entre outras propostas.

Manuel Monge © http://www.foroporlamemoria.info/
Carlos Negreira e o seu equipo de goberno antes dun pleno © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.