Tres traballadores de Povisa, en folga de fame polos despedimentos

Concentración ante a sede da Xunta en Vigo, o pasado venres Dominio Público CIG

A presidenta do Comité de Persoal de Povisa, María Xesús Neira, e dous membros máis deste órgano iniciarán este martes unha folga de fame en protesta polos 13 despedimentos aprobados pola dirección do hospital privado. Estes despedimentos únense, ademais, aos realizados pola empresa nos últimos anos, nos que o número total de traballadores e traballadoras pasou de 1.457 en 2006, co 100% deste cadro de persoal a xornada completa, ata os 1.390 de 2014, co 45% con xornada reducida.

María Xesús Neira denuncia que os traballadores e traballadoras de Povisa desenvolven o seu labor "cunha precariedade cada vez maior" e lembra que a Lei da Sanidade Pública e o concerto co Sergas establecen que Povisa debe ter "os mesmos estándares de calidade e iguais ratios de persoal, en definitiva, que os pacientes e usuarios deben de ter as mesmas condicións e atención que no Sergas, algo que non se dá porque están a reducir o persoal de xeito considerábel”. Puxo como exemplo que “no hospital Xeral, con case o mesmo número de camas, na quenda de noite traballan 16 celadores/as, mentres que tras os despidos en Povisa haberá só tres”.

María Xosé Abuín (CIG) denuncia "a hipocrisía de Feijóo” por “financiar” unha empresa como Povisa coa escusa da prestación sanitaria, para que esta “se lucre con cartos públicos e despida os traballadores e traballadoras”

CIG-Saúde responsabilizou da situación ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. A secretaria nacional do sindicato, María Xosé Abuín, denunciou a pasada semana "a hipocrisía de Feijóo” por “financiar” unha empresa como Povisa coa escusa da prestación sanitaria, para que esta “se lucre con cartos públicos e despida os traballadores e traballadoras”. Abuín demandou así mesmo que se faga público o destino deses cartos, uns 75 millóns de euros anuais, segundo o máis recente convenio, e esixoulle á Consellaría de Sanidade "que obriguen a Povisa á inmediata readmisión de todo o persoal despedido". CIG-Saúde considera que a administración sanitaria está a facer un “abandono das súas funcións” e denunciou a súa “complicidade” pola “lamentábel situación” que se esta a vivir no centro sanitario.

"O que está a facer co beneplácito do PP é incrementar a súa cota de beneficios a custo de despedir traballadores/as e diminuír en consecuencia, a calidade da prestación sanitaria”, engadiu. Abuín tamén cre que Povisa desistiu de presentar o ERE que anunciara "porque se non, tería que presentar as súas contas e iso poría de manifesto o seus suculentos beneficios”.

Concentración ante a sede da Xunta en Vigo, o pasado venres Dominio Público CIG
Asemblea dos e das traballadoras de Povisa Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.