"O Galiñeiro é un patrimonio común e natural que non se pode comprar nin vender"

Marcha contra a construción do parque eólico na Serra do Galiñeiro Dominio Público Praza Pública

Os contos e lendas do Galiñeiro non teñen prezo. A gandería ecolóxica, os cabalos do monte e os curros de Vincios e de Morgadáns non teñen prezo. O lecer, os camiños, os subeiros, as pedras, as sombras, as augas, os estudos feitos e os que aínda se han facer, as illas ó lonxe, os poemas e os libros, o que perdemos e atopamos no Galiñeiro, nada de todo iso ten un valor calculable porque ese é un patrimonio común e natural que non se pode comprar nin vender, un patrimonio destas bisbarras, da Terra de Turonio, pero tamén de Galicia e mais da Humanidade.

É un extracto do Manifesto que Manuel Rivas lerá ao remate da III Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro, organizada pola Plataforma cidadá que dende hai anos busca protexer este espazo de distintas ameazas, a máis importante delas a instalación dun parque eólico nos cumes da serra. Desta volta o roteiro, titulado Rota da auga, percorrerá as zonas húmidas do Galiñeiro, remontando un dos principais cursos fluviais da Serra do Galiñeiro: o río Zamáns.

A marcha rematará no Parque Forestal de Vincios, onde Rivas lerá o manifesto da Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro e os asistentes poderán gozar dun xantar popular coa comida que traia cada quen. Tamén haberá música e animación e poderás adquirir a túa camiseta do Galiñeiro. Entre as actuacións artísticas asistiremos á lectura de poemas a cargo de Pepe Cáccamo, Iago Castro, Silvia Penas, Oriana Méndez e Anxo Angueira a ás actuacións Musicais de Tino Baz, Cantareiras do Alba e do Leo e Arremecághona.

A marcha rematará no Parque Forestal de Vincios, onde Rivas lerá o manifesto da Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro

A Plataforma leva máis de dous anos traballando en contra deo parque eólico de 39 Megawatios (MW) que Terra de Vento S.L. plantea construír na Serra do Galiñeiro. Colectivos veciñais, ecoloxistas, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ou a Federación Galega de Montañismo denuncian o impacto que podería ter na riqueza medioambiental, paisaxística, arqueolóxica ou mesmo para o goce da escalada ou o montañismo.

CC-BY-SA Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.