Susan George abre as xornadas 'Recuperar soberanía, desarmar o TTIP'

Susan George CC-BY Red Pepper

Susan George, activista, escritora, científica sociopolítica e presidenta da xunta de planificación do Transnational Institute (TNI) ofrecerá este xoves unha conferencia en Vigo, co obxectivo de analizar os efectos que sobre a economía, os servizos públicos ou os dereitos sociais en toda Europa pode ter a aprobación do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP). A charla, que se celebrará no Auditorio do Centro Municipal de Teis a partir das 19.30 abrirá o ciclo Recuperar Soberanía. Desarmar o TTIP, organizado por Ecoar. A entrada é libre ata completar o aforo.

Durante un mes Vigo, A Coruña e Compostela acollerán palestras de activistas que analizarán o tratado dende diferentes ámbitos

Durante un mes Vigo, A Coruña e Compostela acollerán palestras de activistas que analizarán o tratado dende diferentes ámbitos, que culminarán o día 18 de abril co Global Action Day contra o TTIP. Ao longo destas sesións, abertas a toda a cidadanía, analizaranse polo miúdo as características, orixe, alternativas e consecuencias dos distintos Tratados de Libre Comercio (TTIP, TISA, CETA,...). Segundo os seus responsables, Recuperar Soberanía, desarmar o TTIP busca "xerar un punto aberto onde, ademais de informarse, as persoas poidan participar e debater sobre os Tratados de Libre Comercio e todo o que os rodea, especialmente sobre o TTIP".

Ese 18 de abril convocaranse mobilizacións en todos os países da UE. Tamén as haberá en Galicia. A CIG, membro da plataforma europea Alter Summit, anunciou hai unhas semanas que prevé organizar actos en todas as localidades posibles, cun contido concreto que se irá definindo nas vindeiras semanas. BNG, Esquerda Unida, Anova, Podemos ou Equo opóñense con firmeza ao TTIP, o mesmo que CC.OO., UGT ou CGT, e entidades sociais coma ATTAC, Amigos da Terra, ADEGA, SLG ou Ecoar. 

O 18 de abril convocaranse mobilizacións en todos os países da UE. Tamén as haberá en Galicia


O traballo de Susan George vai encamiñado, nos últimos anos, cara a loita contra o modelo actual da globalización, organización do comercio mundial, as institucións financeiras internacionais e as relacións norte-sur. George é especialista, entre outros temas, en reforma da Unión Europea, política comercial europea, débeda e institucións financeiras internacionais, alternativas á globalización empresarial, taxa sobre as transacións especulativas; seguridade alimentaria e comercio internacional. Sobre estes temas escribiu máis dunha decena de libros que foron traducidos a diversos idiomas, ademais de numerosos artigos. Na actualidade é presidenta do comité de planificación do think tank progresista Transnational Institute de Ámsterdam. Entre as súas obras destaca O informe de Lugano; Fe e débeda: o imperio secular do Banco Mundial ou o recente O Informe Lugano II, subtitulado "esta vez imos liquidar a democracia".

Nunha entrevista publicada por El Diario, George destacaba que "Os banqueiros poden elixir quen é elixido e quen non" e sinalaba que lle gustaría ver "os indignados de toda Europa unidos cos sindicatos para faceren protestas a nivel internacional" pois "Non é suficiente loitar ante Rajoy ou ante Silvio Berlusconi. Porque no mellor dos casos poderían gañarlles a eles, pero iso agora no contexto europeo non significa nada. O poder está no BCE, no FMI. Nin Rajoy nin François Hollande poden facer fronte a eses poderes supranacionais. Tampouco as feministas, os ecoloxistas, os homosexuais por si sós teñen moito que facer".

Albano Dante Fachín, Ricardo García Zaldívar ou Arcadi Oliveres tamén pasarán por Galicia nas vindeiras semanas

As conferencias continuarán a vindeira semana (31 de marzo) cunha videoconferencia a a cargo de Florent Marcellesi (investigador, político e activista ecoloxista, europarlamentario por EQUO) e Tom Kucharz (xornalista, investigador social e activista) que se poderá seguir dende a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela. O 4 de abril haberá unha nova palestra na cidade olívica, a cargo de Albano Dante Fachín (activista e editor de Café amb Llet). O 9 de abril as xornadas trasladaranse de novo a Compostela, onde na Facultade de Económicas da USC falará Ricardo García Zaldívar (profesor de Economía na Universidad Carlos III e presidente de Attac España). Finalmente, o 13 de abril estará na Aula Magna da Facultade de Socioloxía da Coruña Arcadi Oliveres (Procés Constituent).

Susan George CC-BY Red Pepper

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.