A ONU advírtelle a España de que ten a "obriga" de extraditar os cargos franquistas

Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

España debe "extraditar os responsables de violacións graves dos Dereitos Humanos" durante o franquismo "mentres non se tomen medidas para garantir o acceso á xustiza" española das vítimas. Así de contundete se mostrou un grupo de expertos da ONU en Xenebra o pasado venres e en resposta a unha nova negativa -o 13 de marzo- do Executivo á extradición de 17 ex cargos franquistas acusados pola xustiza arxentina de violacións graves dos dereitos humanos durante a ditadura.

A ONU esíxelle a España que estradite os cargos franquistas reclamados por Arxentina mentres non se repare as vítimas

"O Estado español está obrigado a extraditar os responsables de violacións graves dos dereitos humanos, mentres non se tomen medidas para garantir o acceso á xustiza e o dereito á verdade das vítimas ante as instancias legais españolas", reitera o comunicado dos expertos, que lembran que "a denegación da extradición deixa en profundo desamparo as vítimas e os seus familiares, negando o seu dereito á xustiza e á verdade".

Os expertos mantivéronse en contacto co Goberno central en relación coas extradicións ordenadas en outubro de 2014, ao abeiro da chamada querela arxentina, impulsada polo galego Darío Rivas -cuxo pai foi asasinado polos franquismos- e na que se investigan fusilamentos, torturas, roubos de bebés e outros delitos cometidos polo réxime fascista que dirixiu España durante 40 anos. 

Os expertos da ONU aclaran que España pode negarse a extraditar sempre que "garanta o acceso á xustiza para as vítimas" do franquismo

"Recoñecemos que cabe entre as competencias do Estado español a posibilidade de denegar esta solicitude de extradición", aclararon os expertos. "Pero de non extraditar, o Estado ten a obriga de garantir, ante as xurisdicións nacionais, o acceso á xustiza para as vítimas de violacións graves dos dereitos humanos e o dereito á verdade", agregaron. Pero nada diso ocorre en España, que se nega nin tan sequera a colaborar na busca dos arredor de 150.000 desaparecidos que aínda se manteñen nas cunetas ou en fosas comúns. 

Este grupo de expertos está integrado por Ariel Dulitzky (Grupo de Traballo sobre as desaparicións forzadas ou involuntarias), Christof Heyns (Relator Especial sobre as execucións extraxudiciais), Juan E. Méndez (Relator Especial sobre a tortura) e Pablo de Greiff (Relator Especial sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición). Este último, visitara Galicia, onde criticara a nula colaboración do Estado coas vítimas do franquismo, así como o peche de proxectos como Nomes e Voces. 

Darío Rivas, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polo franquismo © FSGA
Homenaxe realizada en Ames ás vítimas do franquismo © Concello de Ames

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.