Os equipos de normalización renegan do "suposto consenso" co galego ao non contar co ámbito educativo

Manifestación de Queremos Galego © @tereixapaz

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Cgendl) censura o "suposto consenso" ao que alude a Xunta arredor do galego e lembra que o devandito consenso é algo "ao que non se pode chegar sen que estean todas as partes, xa non de acordo, senón presentes no debate". O colectivo que agrupa máis de 500 equipos de normalización de centros educativos galegos, nun duro comunicado, critica que o Executivo "apañe a palabra de moda e lle mude o significado, como fixo con outras", xusto cando partidos ou institucións como a Real Academia Galega ou o Conselo da Cultura teñan chamado nas últimas semanas a ese pacto que nin é tal nin parece que chegue axiña

A Coordinadora censura que a Xunta queira "consensuar" medidas para o galego "sen tocar o ámbito educativo e sen contar con el"

A Cgendl advirte que a Xunta quere "consensuar" medidas para o galego, "pero sen tocar o ámbito educativo e, por suposto, sen consultar con ninguén que estea directamente implicado nel". Así, rexeita a mensaxe que se está a lanzar desde a Administración de que o ámbito educativo vivía "na normalidade" e que non hai "problema ningún desde que se puxo en marcha o Decreto 79/2010)". "Unha necesaria avaliación dos resultados desta medida lexislativa nin está nin a espera ninguén. Tanto na Consellería, coma nas delegacións provinciais, coma na inspección e tamén nos centros", lembra o colectivo, que cre que o Goberno "sabe que este é o camiño correcto para ir eliminando o galego como lingua habitual das seguintes xeracións, naqueles lugares onde aínda se transmite no ámbito familiar". Ademais, "onde xa se perdeu isto, tampouco se trazou o camiño para ver de o recuperar a través da escola", din. "O camiño está marcado", insisten. 

Os equipos de normalización denuncian o "camiño marcado" pola Xunta para "ir eliminando o galego como lingua habitual das novas xeracións"

Ante este panorama, os docentes que desde hai anos traballan no ensino aclaran que este suposto consenso "ten moi pouco senso". E explican tamén as razóns. Así, aclaran que é "imposible" normalizar unha lingua "se non se abordan todos os ámbitos ao mesmo tempo" e lembran que impulsar o galego en ámbitos nos que se moven os estudantes fóra das clases (deportivos, lecer, extraescolares) sen unha planificación para os espazos nos que o alumnado pasa máis tempo ao día -a escola- "é saber pouco de procesos de aprendizaxe de linguas". 

"Os nenos e as nenas que non oen falar en galego mais ca na clase de lingua galega (3 horas á semana) e nunca o falan, é dicir, non adquiren competencia activa, non van empregar a lingua no adestramento de fútbol, de patinaxe ou na clase de música, no caso de que conseguiran monitorado que se mantivese falando galego todo o tempo con eles", recordan, tras advertir que "dinamizar a lingua en grupos require dun traballo feito de xeito coordinado nos diferentes espazos nos que se move a rapazada no seu día a día".

Os docentes censuran que a Xunta "bote a pelota da responsabilidade do fomento da lingua só nas familias"

A Cgendl censura tamén que a Xunta "bote a pelota da responsabilidade do fomento da lingua unicamente para o teito das familias" que é "o mesmo ca botarlle a culpa de que o monte arda aos paisanos que habitan o rural e que teñen máis de 75 anos por non limparen o toxo". "Crear cidadáns e cidadás conscientes da súa responsabilidade á hora de transmitir a lingua na familia require dunha sensibilización que debería estar coordinada coa que se transmitise nas escolas de cara ao alumnado", insisten, para aclarar que "nada disto é posible porque o ámbito escolar está blindado por un decreto que non permite nin que os nenos e as nenas se escolaricen en galego, nin que calquera materia se poida explicar na lingua propia de Galicia".

"Isto pode ser legal, pero non busca o fomento, nin a promoción, e moito menos a normalización da lingua propia de Galicia", remata a Coordinadora, que aseguran que "mentres isto non se mude" pouco se poderá facer "sen unha colaboración do ensino con todos os outros ámbitos, que veña dunha planificación seria derivada dunha crenza real en que o galego é merecente de ser lingua normal no seu territorio". De feito, o Supremo vén de recoñecer a legalidade do decreto -sen os dous puntos claves xa eliminados polo TSXG- pero recoñece tamén a "desigualdade" do galego respecto do castelán

A Cgendl lembra que a política lingüística educativa "pode ser legal, pero non busca o fomento, nin a promoción nin a normalización do galego"

"Pouco, ou nada se gañará para a normalización do galego. Só será unha máscara aparente para afondar no seu deterioro constante como lingua propia de Galicia que continuará co devalo de falantes", finalizan, para pedirlle "senso" ás persoas que "planifican e dirixen a Política Lingüística do País".

O conselleiro de Educación, na visita a un colexio © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.