"Un xornalista dócil é un mal xornalista ou un xornalista desaproveitado"

Pereiro, con Cabaleiro, Adán e o decano de Xornalismo da USC, antes do acto © Merixo

"O mal que está todo". Nunha xuntanza de dous ou máis xornalistas o máis probable é que remate por saír esta frase, con aire de lamento ou case de epitafio, segundo o contexto. En 2008 Xosé Manuel Pereiro poñíase á fronte do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e falaba do "mal síntoma que era que o xornalismo fose noticia" e "da necesidade de apoio da sociedade". Catro anos máis tarde Pereiro vén de se reelecto como decano e, "se daquela estabamos ao bordo do abismo, agora, como di o chiste, demos un paso adiante", ironizaba este sábado na constitución formal da nova Xunta de Goberno da institución. "A única fartura que hai é a de todo tipo de datos e estudos para ser pesimistas", di. Pero malia todo, bota man das verbas do "colexiado Manuel Rivas" para advertir de que, "precisamente como está todo moi mal, podémonos permitir o vicio do optimismo".

"A esencia deste oficio é a discusión, a reflexión colectiva sobre que é noticia e que non o é, sobre que ten interese e para quen"

En presenza do secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, da secretaria de comunicación do BNG, Carme Adán, e de diversos representantes do oficio da información Pereiro fiou un discurso que quixo fuxir do laio omnipresente e, non sen retranca, combinalo co "exame de conciencia". "Antes de laiarnos pola incomprensión da cidadanía" os xornalistas "temos que ver se lle demos razóns para que confíe en nós e se lle estamos vendendo viño ou auga da traída, proporcionándolle argumentos para o debate ou munición para o combate". Que non é o mesmo. "Está todo moi mal" e proba disto son estudos como o do portal norteamericano de emprego CareerCast, que situaba a de xornalista entre as peores profesións posibles, no posto 196 dunha clasificación de 200. Contar noticias só era, segundo este rexistro, máis cómodo, mellor remunerado ou cunhas condicións máis favorables que traballar nunha plataforma petrolífera, alistarse no Exército dos EUA, producir leite ou ser leñador.

Neste contexto Pereiro aposta por deixar de aplicar o "entusiasmo, digno de mellor causa", as "análises de supervivencia de soportes", á "vixencia dos paradigmas" ou aos "cambios de modelo de negocio". Mesmo antes de "facer proclamas á necesaria dignidade da profesión", propón a asunción preiva de "algunhas verdades modestas", pero "igual de necesarias": "os xornalistas temos moita máis capacidade de adaptación que a maioría das profesións", tamén "moita máis capacidade de influír no seu rumbo" e "facemos máis parte das empresas que os traballadores doutros sectores". "Outra cousa é que o asumamos e que saibamos facelo".

Con eses deberes sobre a mesa Xosé Manuel Pereiro reinicia andaina no decanato cunha das evidencias menos reiteradas en tempos de crise xeral, económica e xornalística: "Un xornalista dócil é un mal xornalista ou un xornalista desaproveitado". Por que? "Porque a esencia deste oficio é a discusión, a reflexión colectiva sobre que é noticia e que non o é, sobre que ten interese e para quen". "E os periodistas somos o que somos e debemos seguilo sendo". "Queda inaugurado este decanato", sentenciou en Twitter minutos despois.

Xunta de Goberno do CPXG 2012-2016
Decano Xosé Manuel Pereiro
Vicedecana Rosa Aneiros
Secretario Marcos Sanluis
Tesoureiro Darío Janeiro
Vogais Marcos Mosquera
  Rita Alonso
  Pilar Piñeiro
  Francisco López Iglesias
  Belén Regueira
  Mónica Ares
  Xosé Manuel Rodríguez 
  Francisco González Sarria

 

Pereiro, con Cabaleiro, Adán e o decano de Xornalismo da USC, antes do acto © Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.