Tres de cada dez dependentes galegos con dereito a prestación non a reciben

Servizo de fisioterapia para persoas dependentes © Concilia2

CC.OO. publicou este mércores unha Análise do sistema de atención á dependencia en Galicia no bienio 2013-14. O sindicato critica a "excesiva" espera na nosa comunidade autónoma: un 29,55% das persoas dependentes con dereitos recoñecidos a unha prestación non a reciben. Esta porcentaxe está once puntos por riba da media española (18,71%); ademais, só tres comunidades autónomas (Canarias, Murcia e Aragón) presentan peores datos que a galega. Aínda que a lista de espera baixou dun 36,43% en 2009 a un 29,55% en 2014, CC.OO. sinala que "non debería haber lista de espera salvo naqueles casos que poidan ser totalmente casuísticos".

Por esta razón, o sindicato ve "con moita preocupación" o desenvolvemento no noso país da Lei de autonomía persoal e atención á dependencia (LAPAD), xa denunciado en estudos anteriores "pero que segue sen solución". A secretaria de Política Social do sindicato, Adela Poisa, considera que a situación "irá a peor no próximo ano", xa que o orzamento na materia para 2015 é un millón de euros inferior ao de 2012. "Isto demóstranos a falta de interese do PP" en potenciar a lei, "fundamental para o estado do benestar".

O sistema foi aumentando paulatinamente o número de usuarias e usuarios con dereito a prestación ata o ano 2011, pero de aí en diante ocorreu o contrario. Así, o 30 de novembro de 2014 eran 54.434 as persoas beneficiarias con dereito a prestación, 7.970 menos que o 1 de decembro de 2011, un 13 % de descenso. De igual xeito, o número de persoas beneficiarias con prestacións aumentou de xeito continuado ata o ano 2012, pero de aí en diante comezou a descender. En concreto, o 30 de novembro de 2014 había 791 persoas beneficiarias menos que o 1 de decembro de 2012, unha caída do 2%.

O número de persoas beneficiarias con prestacións aumentou de xeito continuado ata o ano 2012, pero de aí en diante comezou a descender

A dotación orzamentaria destinada ao programa dos servizos sociais de atención ás persoas dependentes aumentou decontino desde a implantación da lei ata o ano 2012. No 2013 sufriu un forte recorte con respecto ao exercicio 2012, e o peor é que a asignación para 2015 segue estando por debaixo da de 2012: 298,4 millóns de euros no 2015 fronte aos 299,1 millóns de euros no 2012.

Reducíronse os convenios especiais de persoas coidadoras (hai 1.393 convenios fronte a 2.316 en decembro de 2012), debido a que o Goberno central publicou unha norma pola que a Administración deixa de cotizar por este convenio, co que a responsabilidade se transifere á persoa coidadora. Aproximadamente o 92 % de persoas coidadoras non profesionais son mulleres. Poisa lembrou que moitas mulleres deixaron o seu traballo para se converteren en coidadoras, polo que a cotización era un xeito de completar os anos mínimos para chegar a unha xubilación con pensión. Tendo en conta que tamén se reduciu a cantidade da prestación económica, xa que deben asumir elas o pagamento da súa seguridade social, Poisa lamenta que se teñan que dar de baixa "nun momento en que é importantísimo ter cotizantes na caixa da Seguridade Social".

A asignación para 2015 segue estando por debaixo da de 2012: 298,4 millóns de euros no 2015 fronte aos 299,1 millóns de euros no 2012

A secretaria de Política Social de CCOO denuncia tamén os incumprimentos no relativo á Lei de inclusión, unha norma concibida para que moitas persoas "brutalmente atacadas pola crise" lle puidesen facer fronte á situación económica. Poisa considera que a Xunta "tivo moi pouco interese en levala adiante", xa que atrasou todo o posible" o seu inicio e, agora "nin sequera nos informa sobre a súa evolución, négase a darnos datos".

Servizo de fisioterapia para persoas dependentes © Concilia2
Atención a unha persoa dependente CC-BY-SA Asociación Sarela
% de persoas beneficiarias pendentes de prestación Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.