A Eurocámara admite a trámite a denuncia contra a política de residuos da Xunta

Manifestación da Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe © Adega

O Parlamento Europeo vén de admitir a denuncia contra a política de residuos da Xunta. A presidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara, Cecilia Wikström, comunicóullelo xa aos grupos da Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe, que foron informados desta admisión a trámite da denuncia contra o Goberno galego e Sogama por incumprir a lexislación comunitaria de residuos.

Logo de que en maio de 2013 o PP en solitario rexeitara debater a ILP pola reciclaxe e contra a incineración, a práctica totalidade do ecoloxismo galego acudiu a Europa para "denunciar a política de residuos da Xunta-Sogama" e solicitando ademáis á Comisión Europea que "abra unha investigación pola situación do tratamento de residuos en Galiza".

A denuncia solicita que se abra unha investigación en Europa polo tratamento dos residuos en Galicia

"Trátase dun importante chanzo na loita por termos unha saúde e un ambiente máis limpos", di a plataforma, que lembra que "a incineración e o vertido que practica Sogama, coa beizón da Xunta e o seu Plano de Residuos, alén de incumprir tres Directivas europeas (de Vertido, de Envases e Marco de residuos), coloca a Galiza á cola da reciclaxe en Europa e está a supoñer unha enorme lousa económica para moitos concellos.

As organizacións integradas na plataforma solicitan na denuncia ao Parlamento Europeo que avalíe negativamente o vixente Plano de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia "por non ser conforme á xerarquía de residuos. ao principio do poluidor-pagador e á promoción de medidas de prevención e preparación para reutilización e a reciclaxe". Ademais, reclama tamén que cualifique as instalacións de Sogama "como instalacións de eliminación e non de valorización", tendo en conta que a eficiencia enerxética está no rango de 0,25 a 0,32, polo tanto moi inferior ao valor mínimo de 0,6 establecido pola Directiva 2008/98/CE.

O ecoloxismo galego reclama que se cualifique Sogama como instalación "de eliminación e non de valorización"

Ao tempo, solicita á Eurocámara que "rexeite unha nova planta incineradora e a notificación de que no ámbito de Galiza o cumprimento dos obxectivos de xestión da normativa europea requiren incrementar a prevención, a reutilización e a reciclaxe e reducir a incineración e o vertido" e que "rexeite calquera financiamento de medidas, actuacións ou instalacións relativas á xestión de residuos que non se correspondan estritamente aos obxectivos de prevención e preparación para a reutilización e a reciclaxe".

A plataforma pide "medidas sancionadoras" para a Xunta polas actuacións en materia de residuos nos últimos anos

Por último, solicita que adopte "medidas sancionadoras" para a Xunta polas actuacións en materia de residuos nos últimos anos e que serían "contrarias aos obxectivos establecidos" en catro directivas europeas, así como polo uso de fondos comunitarios para financiar a eliminación de residuos. Do mesmo xeito, pide que se lle esixa ao Goberno galego "revisar o modelo centralizado de xestión dos residuos" en Galicia, habida conta da "ineficiencia dos programas de recollida selectiva no ámbito Sogama", en particular do programa de recollida de residuos de envases, que presenta unha moi baixa eficiencia (7,4% de recuperación en 2011) e un moi elevado custo económico e consumo enerxético (de máis de 132 kg de gasóleo por t de residuos de envase recuperados, só na recollida e transporte). 

A Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe está integrada por: Adega; Amigos da Terra; Federación Ecoloxista Galega (cos grupos Adega, Adeno, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, Verdegaia e Xevale); Sociedade Galega de Historia Natural; Verdegaia; Organización Galega de Comunidades de Montes veciñais en Man Común; Partido da Terra; Esquerda Unida; Sindicato Labrego Galego; EQUO Galicia; Colectivo Cidadán Anacos da Cidade; Acción Verde Galicia

Representantes da plataforma e europarlamentarios © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.