0 Gardados para despois

Galicia, cada vez menos devota

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Galicia bocexa ante a cruz. A relixión perde progresivamente influencia na sociedade, sobre todo nos hábitos e actos dos galegos e galegas, nun proceso que se acelerou especialmente na última década. Esta nova realidade pode comprobarse a través de moitos indicadores, dende a porcentaxe de católicos que asiste con frecuencia a actos relixiosos ata o número de vodas oficiadas nas igrexas, pasando pola escolla da materia de Relixión ou a elección do cadro da Igrexa católica na declaración da renda. Este cambio de hábitos segue contrastando coas crenzas ou valores declarados, pois aínda que a cifra de persoas que se declaran "crentes" tamén comeza a experimentar unha clara redución, sobre todo nas novas xeracións, os galegos e galegas que se definen como católicos seguen sendo unha clara maioría.

De feito, ao redor de 8 de cada 10 persoas en Galicia se declaran crentes, segundo os datos que reflicten os estudos do CIS, que se forma periódica introduce unha pregunta sobre a relixiosidade da poboación. No conxunto de España, os crentes (principalmente católicos) fican no 72%, cun 26% de agnósticos ou ateos. En Galicia, a porcentaxe de non-crentes é menor (ao redor do 17%), pero creceu moito na última década: en 2001 era tan só do 10%. 

En 1994, o 40% dos católicos e católicas galegas afirmaba asistir á misa cando menos unha vez por semana, segundo os estudos do CIS. Hoxe esa porcentaxe caeu ata o 15%

Porén, se nos fixamos unicamente nas xeracións máis novas, o número de "non crentes" é moi superior, e ademais crece con rapidez. En 2012 o 28% daqueles que teñen entre 18 e 24 anos declárase "non crente" ou "ateo", o mesmo que o 31% dos que se sitúan entre 25 e 34 anos e o 23% dos que están entre 25 e 34 anos. En 2001, o 21% dos mozos e mozas de 18 a 24 anos definíase como "non crente" ou ateo, o mesmo que o 16% dos que tiñan entre 25 e 34 anos e o 12% dos que estaban entre 35 e 44 anos.

 

Asistencia a actos relixiosos

Esta Galicia crente e confesional mantivo os seus hábitos e tradicións, cunha dose maior ou menor de entusiasmo ou, pola contra, de ritualismo, ata os anos noventa. En 1994, o 40% dos católicos e católicas galegas afirmaba asistir á misa cando menos unha vez por semana, segundo os estudos do CIS. Outro 29% afirmaba facelo varias veces ao ano e un 29% recoñecía non facelo "nunca" ou "case nunca", podendo ser catalogados como "non practicantes".

Os tempos foron cambiando moi rapidamente: en 2001 os crentes galegos de misa semanal eran xa só o 25%. E no estudo máis recente do CIS que preguntaba por esta cuestión, publicado este mesmo ano 2015, a porcentaxe caeu ata o 12%. Pola contra, un 58% dos católicos galegos defínese como "non practicante" e outro 30% afirma acudir a actos relixiosos algunha ou varias veces ao ano. As cifras achéganse moito ás do conxunto do Estado, cun 62% de "non practicantes" e un 12% de crentes con asistencia diaria ou semanal.

Entre menores de 35 anos que se declararan "crentes", máis do 70% defínese como "non practicante"

Por suposto, se observamos unicamente os datos referidos ás xeracións máis novas de católicos, podemos combrobar como a porcentaxe de "non practicantes" é aínda maior: 80% entre os 18 e os 24 anos, 71% entre os 25 e os 34 anos, e 66% entre os 35 e 44 anos. É tamén nestes grupos de idade onde se observa un maior descenso na fidelidade ás cerimonias relixiosas. En 2001, entre aqueles mozos de menos de 25 anos que se definían como "crentes" o 48% declarábase "non practicante"; entre os 25 e os 34 eran o 44%; e entre os 35 e os 44 eran o 32%.

 

Matrimonios

En 1996 oito de cada dez vodas (79,8%) aínda pasaban polas igrexas. Hoxe faino o 26,5%

Outra estatística que amosa claramente a perda de influencia da relixión nas prácticas sociais é a referida aos matrimonios. Segundo os últimos datos publicados polo INE, tres de cada catro vodas celebradas en Galicia nos seis primeiros meses do 2014 (73,5%) foron exclusivamente civís, e non realizaron polo tanto unha segunda cerimonia relixiosa para consagrar a unión. O resto, un 26,5%, apenas 869, si que mantiveron este rito, ben a través da relixión católica (a maioría), ben por outras confesións. En Galicia o peso da relixión é aínda menor que no conxunto de España, onde representan o 27,1%. 

Analizando os datos dende 1996 observamos un proceso moi acelerado de desaparición das vodas relixiosas, sobre todo a partir do ano 2000. Así, en 1996, hai 19 anos, oito de cada dez vodas (79,8%) aínda pasaban polas igrexas. Daquela, a proporción de matrimonios católicos e doutras crenzas era maior en Galicia que no conxunto do Estado, onde representaban o 76,9%. Catro anos máis tarde, no 2000, as porcentaxes apenas mudaran, e as vodas exclusivamente civís eran só o 22,3% do total. O cambio comeza a producirse a partir dese ano, e de forma acelerada. Un lustro máis tarde as vodas non relixiosas eran xa o 36,9% do total, e en 2010 chegaban xa ao 54,5%. A tendencia mantívose nos últimos anos, reducíndose polo tanto as vodas relixiosas, que pasaron do 45,5% do 2010, ao 33,3% do 2013 e ao 26,5% en 2014. No ano 2000 celebráronse 9.305 vodas nas igrexas galegas. No 2014 o número final roldará as dúas mil.

 

Materia de relixión

O ensino é sen dúbida o sector no que a Igrexa segue mantendo unha maior presenza social, ben a través dos centros xestionados directamente por ela, ben a través da teima en manter nas programacións educativas a materia de relixión, que lle outorga non só unha fiestra a través da que difundir a súa ideoloxía, senón unha importante fonte de ingresos e poder, a través da contratación do profesorado, financiado polas arcas públicas pero elixido directamente pola Igrexa sen proceso de oposición ningún.

Son aínda maioría os alumnos e alumnas dos centros de ensino galegos que cursan a materia de Relixión, fronte ás sucesivas alternativas que se foron propoñendo. Porén, as cifras amosan con claridade dúas cousas: a medida que os rapaces e rapaces crecen e -suponse- a súa opinión é máis tida en conta á hora de realizar a escolla, a proporción que elixe Relixión diminúe rapidamente. Así mesmo, se comparamos as cifras actuais coas rexistradas hai cinco ou quince anos, o descenso do número de alumnos e alumnas das materias confesionais é evidente.

Mentres que no curso 2001-2002, o 90% dos matriculados e matriculadas en Primaria cursaba Relixión, dez anos máis tarde xa só o facía o 75%, e segundo as últimas cifras que manexa a Consellaría, neste curso a porcentaxe xa baixa do 70%

Mentres que no curso 2001-2002, o 90% dos matriculados e matriculadas en Primaria cursaba Relixión, dez anos máis tarde xa só o facía o 75%, e segundo as últimas cifras que manexa a Consellaría, neste curso a porcentaxe xa baixa do 70%. No que respecta á ESO, en 2001 escollían Relixión o 63% dos alumnos e alumnas, una proporción que en 2011 era só do 43%, e que se mantén na actualidade. Finalmente, no Bacharelato xa no curso 2001-2002 a número de persoas que rexeitaban o estudo da Relixión era semellante ao de quen optaban por esa vía; na actualidade, menos do 30% destes alumnos e alumnas estudan esta materia.

 

Declaración da renda

En Galicia o pasado ano apenas o 27,57% das persoas que completaron a declaración marcou o cadro da Igrexa católica

Noutros indicadores, máis privados, hai tempo que a relixión ocupa un lugar máis minoritario nas escollas dos cidadáns. Por exemplo, na declaración da renda, que ofrece a posibilidade, a quen o quixer, de entregar un 0,7% dos impostos de cada persoa á Igrexa católica. En Galicia o pasado ano apenas o 27,57% das persoas que completaron a declaración marcou este cadro, unha proporción inferior á media española, próxima ao 35%, e que nos últimos anos se mantén estable, aínda que cun leve descenso (27,94% en 2012, 27,69% en 2013). Pola contra, a proporción de quen quixeron entregar o 0,7% a proxectos sociais xestionados por ONG si creceu en Galicia nos últimos anos, pasando do 49% de 2011 ao 53,6% do pasado ano.

% de matrimonios exclusivamente civís en Galicia (1996-2014)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.