O Consello Escolar rexeita a versión galega da Lomce

Concentración convocada ante a xuntanza do Consello Escolar de Galicia © CIG

O Consello Escolar de Galicia aprobou este xoves, por 20 votos contra 17, pedir a retirada do anteproxecto de decreto de ESO e Bacharelato, e a súa devolución ao Goberno galego. O rexeitamento á versión galega da LOMCE partiu das emendas presentadas por CIG, UGT, CC.OO., Confapa-Galicia, USC e a Coordinadora Galegas de Movementos de Renovación Pedagóxica. Trátase, unicamente, dun acto simbólico, pois o Consello Escolar é un órgano meramente consultivo, pero amosa o rexeitamento que a reforma educativa impulsada polo Ministerio e a Xunta ten na comunidade escolar galega.

Representantes da Consellaría de Educación, visiblemente molestos co sucedido, afirmaron "lamentar" a "actitude" do Consello Escolar, que cualificaron de "contraria ao diálogo"

Dado que as decisións deste organismo, o texto continuará a súa tramitación a través do Consello Consultivo e o Consello Galego de FP, antes de chegar ao Consello da Xunta. Representantes da Consellaría de Educación, visiblemente molestos co sucedido, afirmaron "lamentar" a "actitude" do Consello Escolar, que cualificaron de "contraria ao diálogo". "A Consellaría lamenta esta actitude contraria ao diálogo, que non fai máis que ir en contra do sistema educativo galego, máis aínda cando o departamento de Educación da Xunta demostrou a súa vontade de incorporar achegas construtivas".

CC.OO. explicou a súa oposición en que a norma ten unha tramitación "tardía e precipitada" que vai "dificultar" que o profesorado poña en marcha "de forma adecuada" este decreto a principios do vindeiro curso. Segundo CC.OO., a norma xeneraliza "a segregación do alumnado", "confinándoo a itinerarios que teñen difícil retorno". Ademais, deseña un currículo "excluínte" que "sacraliza a aprendizaxe academicista" das matemáticas e as linguas en detrimento doutras materias e contidos igualmente importantes, como as relacionadas co pensamento e as artes, que reciben "tratamento residual". A emenda de devolución contou co apoio de todas as organizacións sindicais, agás a CSI-F, "que se aliñou coa Administración", denuncia CC.OO.

Trátase dun acto simbólico, pois o Consello Escolar é un órgano meramente consultivo, pero amosa o rexeitamento que a reforma educativa impulsada polo Ministerio e a Xunta ten na comunidade escolar galega

Os sindicatos tamén manifestaron a súa oposición ao anteproxecto no exterior da xuntanza, cunha concentración convocada por CIG-Ensino. A CIG centrou tamén as súas críticas na "improvisación", pois os centros terán como referencia para organizar o curso un decreto "que no estará aprobado ata agosto ou setembro". Ademais, o sindicato critica a imposición das reválidas e subliña que a norma está "impregnada de principios neoliberais" e "renuncia" ás competencias do Goberno galego para fixar contidos.

Marilar Aleixandre cualificou o sucedido como "unha vitoria que mostra o potencial da unidade da comunidade e asociacións, para mudar a situación"

Marilar Aleixandre, que participou na xuntanza do Consello Escolar en representación da USC, cualificou o sucedido como "unha vitoria que mostra o potencial da unidade da comunidade e asociacións, para mudar a situación". Aleixandre xustificou o seu voto contrario á versión galega da LOMCE en que "a lei contribuirá a afondar as desigualdades" e que a "segregación" do alumnado en itinerarios desde 3º da ESO xa se demostrou ineficiente en moitos países. Ademais, salienta que as reválidas atentan contra o modelo de avaliación continua e formativa e que "a súa finalidade parece ser etiquetar os centros por resultados e asignar máis recursos aos centros que os teñan mellores, creando un perverso bucle". Finalmente, tamén critica que "a lingua galega é tratada como se fose estranxeira" e que a desaparición da ESO dos contidos de Historia de Galicia "fainos sentir como se estivésemos de novo nos tempos do franquismo".

Concentración convocada ante a xuntanza do Consello Escolar de Galicia © CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.