0 Gardados para despois

"Os mariñeiros de Gaza son algunhas das vítimas preferidas por Israel"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O pasado 10 de maio partiu do porto sueco de Gotemburgo o pesqueiro Marianne de Gothenburg, que percorrerá 5.000 millas náuticas en dirección a Palestina, formando -xunto con outras embarcacións que se unirán polo camiño- a terceira Frota da Liberdade, unha acción que busca rachar o ilegal e inhumano bloqueo da Franxa de Gaza. O barco recalou en Helsingborg, Malmö, Copenhague e Brest, entre outros portos, lugares nos que distintas actividades serviron para denunciar a situación que viven os e as habitantes de Gaza.

Este sábado o Marianne de Gothenburg chegará a Bueu, onde a súa tripulación (formada por cinco persoas) será recibida de forma oficial no Concello. Haberá tamén visitas ao barco e proxectarase o documental Todos a bordo. Testemuños do ataque ao Mavi Marmara. O domingo, ademais, celebrarase unha gala artística de apoio á Flotilla. O luns o barco continuará o seu percorrido, en dirección a Lisboa, Motril (Granada) e, despois, cara a outros portos do Mediterráneo. Ademais dos seus cinco tripulantes, en cada etapa o pesqueiro leva oito delegados e delegadas, que se van relevando. En Bueu subirán a bordo Ana Miranda (eurodeputada do BNG no período 2016-2017), Ana da Palma (activista do Grupo de Ação Palestina do Porto) e Edu Muriel (xornalista de La Marea).

A gala artística coincide co quinto aniversario do ataque da armada de Israel ao Mavi Mármara

A gala artística que se celebrará o domingo a partir das 20 horas na Praza Massó de Bueu coincide co quinto aniversario do ataque da armada de Israel ao Mavi Mármara cando o buque navegaba en aguas internacionais. O ataque acabou coa vida de nove activistas e provocou feridas en máis de trinta. Na gala, organizada por Pallasos en Rebeldía, BDS-Galiza, Cultura Activa e Rumbo a Gaza, xunto co Concello de Bueu, actuarán Uxía + Narf, a Banda de Gaitas Manxadoira, Isabel Risco (Nabiza Girl), Najla Shami, Pandeiromus, Lucía Novas e Circo Chosco. Antes, ás 19 horas, na mesma praza, actuará o pallaso Peter Punk e haberá pasarúas da Treboada Ameaça do Bombo e da charanga solidaria chegada de Xixón.

 

"Os mariñeiros en Gaza, vítimas preferidas do exército sionista"

O obxectivo é "pór outra vez na axenda o problema de Palestina. Moita xente tende a esquecer o que alí sucede, unha vez que pasan os ataques máis graves. Pero no día a día a xente segue sufrindo agresións"

Elvira Souto (BDS-Galiza) salienta que o obxectivo é "pór outra vez na axenda o problema de Palestina. Moita xente tende a esquecer o que alí sucede, unha vez que pasan os ataques máis graves. Pero no día a día segue habendo ataques pequenos e a xente segue sufrindo agresións". Explica, ademais, a escolla de Bueu para que o pesqueiro fixese a súa escala galega: "buscabamos un lugar pequeno, que tivese unha administración receptiva á iniciativa e que, ademais, fose un porto pesqueiro".

A referencia á pesca e ao carácter mariñeiro de Bueu e de Gaza non é casual: a campaña iniciada este ano por Rumbo a Gaza chámase Gaza, Porto Aberto, e busca poñer o foco nas agresións que sofren habitualmente os mariñeiros gazatís cando tentan levar a cabo unha actividade -a pesca- que durante séculos foi unha das bases da súa economía. "Os mariñeiros en Gaza son algunhas das vítimas preferidas do exército sionista. Israel deixoulles un espazo de só 6 millas para pescaren, que son ademais augas moi esgotadas e moi contaminadas, porque é aí onde van parar todos os vertidos de Gaza e dos seus case dous millóns de habitantes", explica Elvira Souto, que denuncia que "os mariñeiros de Gaza con vítimas de ataques constantes por parte da Armada israelí, cunha media dun morto e 52 feridos por ano. Mátanos pescando, é o nunca visto". "Antes da ocupación, os mariñeiros gazatís pescaban anualmente 6.500 toneladas, que desembarcaban nos catro peiraos da cidade, xerando uns ingresos totais de máis de 10 millóns de dólares. Hoxe, o 97% dos mariñeiros dependen da axuda humanitaria para sobrevivir", engade.

"Antes da ocupación, os mariñeiros gazatís pescaban anualmente 6.500 toneladas, que desembarcaban nos catro peiraos da cidade, xerando uns ingresos totais de máis de 10 millóns de dólares"

O Marianne non é un buque de carga, pero transporta paneis solares e equipamento médico para a poboación palestina. Na Franxa de Gaza, "onde as infraestruturas foron demolidas, os paneis solares poderán servir para ofrecer unha oportunidade de produción local independente de enerxía limpa", destacan os organidores da Flotilla da Liberdade. "O sol non pode ser bloqueado", engaden. As peticións do colectivo Rumbo a Gaza, creada no 2009, inclúen: a fin do bloqueo ilegal imposto á Franxa de Gaza desde o 2006, a fin da ocupación do Territorio Palestino, que se prolonga xa desde o 1967, unha solución para a poboación actualmente refuxiada e que foi expulsada en 1948, que a potencia ocupante sexa a responsable xurídica e economicamente dos ataques infrinxidos á poboación ocupada que está ao seu cargo, e o respecto aos principios democráticos e aos dereitos humanos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.