Galicia recibe a 'flotilla' da liberdade na súa travesía ata Gaza

Chegada do 'Marianne' ao porto de Bueu © Pallasos en Rebeldía

Medio cento de persoas recibiu este sábado ao mediodía o barco Marianne de Gothengurg en Bueu, a primeira embarcación da Terceira Flotilla da Liberdade que empezou a navegar rumbo a Gaza. Bandeiras palestinas, galegas e pancartas de solidariedade e en contra da impunidade de Israel recibiron a tripulación no peirao da vila ao berro de "Palestina vencerá".

O 'Marianne' foi recibido por medio cento de persoas en Bueu, cuxo Concello recibiu a tripulación

Unha vez atracado o barco, os tripulantes da frota foron recibidos no Concello de Bueu polo seu alcalde, do BNG, e un membro da comunidade palestina, no primeiro dos actos que se celebran con motivo da presenza do Marianne e que culminarán coa gran gala artística deste domingo organizada por Pallasos en Rebeldía.

Logo da recepción, o capitán do barco, Joel Opperdoes, e os activistas ofreceron unha rolda de prensa xunto co rexedor de Bueu, Félix Juncal. Opperdoes destacou que “Gaza non espera que levemos axuda humanitaria. A Flotilla da Liberdade é unha acción de solidariedade entre pobos ademais dunha medida de presión política aos gobernos occidentais para que poñan fin á súa colaboración co bloqueo israelí".

A 'Flotilla da Liberdade' parte coa "clara intención" de acabar co bloque israelí á Franxa de Gaa

O capitán do Marianne asegurou que despois de oito anos de bloqueo  son "os únicos" que actúan e que por iso volven partir "coa clara intención de acabar” con el. Ademais, respecto da carga sinalou que “o barco leva paneis solares e equipamento médico como carga simbólica, pero máis aló diso o barco en si mesmo é a verdadeira carga, ao tratarse dun buque de  pesca, xunto á solidariedade”. Juncal, pola súa banda, expresou o seu apoio á causa palestina e obsequiou os tripulantes con obxectos representativos da cultura galega que viaxarán ata Gaza.

Os actos con motivo da presenza do Marianne continuarán durante a fin de semana, ata culminar coa gran gala artística do domingo organizada por Pallasos en Rebeldía en colaboración con Rumbo a Gaza, BDS Galiza, o Concello de Bueu e Culturactiva SCG. A festa será na Praza Massó e comezará ás 13 horas do domingo coa actuación do clown Peter Punk. A partir das 20 horas o espectáculo continuará coas actuacións musicais de Uxía e Narf, a Banda de Gaitas Manxadoira, Najla Shami e Pandeiromus; a intervención da escritora bueueira Lucía Novas; e o humor de Nabiza Girl e Circo Chosco. Haberá pasarrúas dende as 19:00 horas co grupo Ameaça de Bombo.

Os actos pola presenza do 'Marianne' continuarán toda a fin de semana e culminará coa gala do domingo

Durante a tarde do sábado fixéronse visitas guiadas ao barco e levouse a cabo un faladoiro con activistas da Flotilla da Liberdade e BDS Galiza para coñecer un pouco máis de perto a situación de bloqueo imposta por Israel ao pobo palestino. O Marianne continuará coa súa ruta cara Gaza e seguirán realizándose actividades de apoio á iniciativa ao longo das próximas semanas. Os días 11 e 12 de xuño terán lugar en Madrid e Barcelona, respectivamente, dúas galas de apoio á III Flotilla da Liberdade, organizadas polo colectivo Pallasos en Rebeldía e nas que participarán Juan Diego Botto, Leo Bassi, Pepe Viyuela ou Mr. Kilombo, entre outros. Deste xeito, Rumbo a Gaza segue apostando pola cultura como canle de denuncia das atrocidades que Israel comete sobre a poboación palestina así como de recadación de fondos económicos. A organización xa recadou máis de 12 mil euros que foron achegados a través dunha campaña de micromecenazgo.

Ana Miranda (BNG) acompañará como pasaxeira a tripulación do barco ata Lisboa

Como xesto simbólico de apoio, a secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, acompañará como pasaxeira á tripulación do Marianne ata o porto de Lisboa na súa travesía ata Gaza, a parada anterior á que seguirá en Andalucía, para logo continuar polo Mediterráneo. 

O obxectivo do BNG é "espertar a conciencia da sociedade en todos os lugares do planeta, en particular nos países con capacidade para plantar cara a Israel nos organismo internacionais, e obrigarlle a poñer fin a un bloqueo que está a converter gran parte dos territorios palestinos nun campo de concentración con ocupación militar, ao que se suma a política de apartheid que practica o goberno de Tel-Aviv coa estratexia sistemática dos asentamentos ilegais".

Chegada do 'Marianne' ao porto de Bueu © Pallasos en Rebeldía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.