A audiencia das touradas na televisión continúa o seu devalo

Cámara de TVE nunha praza de touros © RTVE

As touradas regresaron este domingo á televisión pública e en horario infantil. TVE emitiu entre as 17.55 e as 20.30 unha corrida protagonizada en Cáceres por El Juli. En resposta, Galicia mellor sen touradas presentou ante o Valedor do Pobo unha queixa pola emisión deste espectáculo de tortura animal en horario de protección infantil, subliñando que vulnera a Lei Xeral da Comunicación Audiovisual e a directiva Televisión sen Fronteiras, "ao permitir que aparezan imaxes de violencia explícita e crueldade cara aos animais" mentres poden estar nenos e nenas mirando a canle.

A entidade lembra, así mesmo, que o propio Parlamento galego se pronunciou por unanimidade en 2010 contra estas emisións. E subliña, igualmente, que este tipo de emisións teñen cada vez menos audiencia, unha mostra do crecente rexeitamento -sobre todo entre as novas xeracións- cara a este espectáculo: "nin sequera os espectadores apoian co seu tempo unha actividade de crueldade", din.

A corrida emitida este domingo tivo un 9,5% de audiencia (1.112.000 espectadores en toda España), diminuíndo o share obtido polas últimas retransmisións taurinas en TVE, en 2013 (10,8%), 2012 (12,7%) e 2006 (14,6%)

En efecto, a corrida emitida este domingo tivo un 9,5% de audiencia (1.112.000 espectadores en toda España), diminuíndo o share obtido polas últimas retransmisións taurinas en TVE, en setembro de 2013 (10,8%), setembro de 2012 (12,7%) e outubro de 2006 (14,6%). Despois desa emisión de 2006, TVE tomou a decisión de non emitir máis touradas, unha política que cambiou en 2012 tralo regreso do PP ao poder. Porén, as audiencias neste retorno foron inferiores ás rexistradas en anos precedentes. E moito máis en Galicia, onde en 2013 esta retransmisión interesou unicamente ao 4,8% dos espectadores e espectadoras, moi por debaixo da media (10,8%) e superando unicamente os resultados obtidos en Catalunya e Canarias.

 

"Violencia gratuíta"

Entre as 6 e as 22 horas TVE non pode emitir programas, escenas ou mensaxes que poidan prexudicar o desenvolvemento físico, mental ou moral dos menores e, en particular, programas que inclúan escenas de pornografía ou violencia gratuíta

O horario infantil na televisión esténdese desde as 6 ata as 22 horas. Durante ese tempo e por imperativo legal TVE non pode emitir programas, escenas ou mensaxes que poidan prexudicar o desenvolvemento físico, mental ou moral dos menores e, en particular, programas que inclúan escenas de pornografía ou violencia gratuíta. A propia lei e as normas internas da canle pública son moi claras ao respecto, pero mesmo no caso de que TVE decida seguir apostando por este tipo de programación, Galicia mellor sen touradas demanda que as emisións de Televisión Española sexan desconectadas en Galicia neses momentos. De feito, o propio Parlamento galego aprobou en 2010, mesmo cos votos do PP, unha proposición na que se instaba á Xunta a vetar a presenza de menores neste tipo de festexos, o que tamén debería aplicarse á súa emisión por televisión en horario infantil. 

"É paradoxal que os nenos e nenas non poidan ver contidos de ficción violentos pero si un evento real de tortura e crueldade", lembraba en 2013 Rubén Pérez Sueiras, voceiro da plataforma. Ante as críticas que espertou o regreso das touradas ao horario infantil da televisión pública, en 2012 o daquela director de TVE xustificábase afirmando que a tauromaquia forma parte do "acervo cultural" de España e defendendo que espertan interese na sociedade, algo que as propias cifras de audiencia, sobre todo en comunidades como Galicia, parecen refutar. 

Cámara de TVE nunha praza de touros © RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.