0 Gardados para despois

Os axentes forestais denuncian a "improvisación" da Xunta na loita contra o lume

Redacción | @prazapublica

O colectivo de axentes forestais e medioambientais de Galicia vén de denunciar, xusto cando estamos entrando na época de maior risco de incendios, que a Xunta segue a "improvisar" na loita contra o lume. CIG, CC.OO., UGT e CSIF afirman que o dispositivo contraincendios está "mermado", non se cubren as xubilacións, nin as baixas nin as vacantes, e que o Goberno galego segue "sen facer os deberes".

CIG, CC.OO., UGT e CSIF afirman que o dispositivo contraincendios está "mermado", non se cubren as xubilacións, nin as baixas nin as vacantes

Critican, en concreto, que a Xunta propón amortizar dez postos de Axentes Medioambientais e Forestais, dos cales 5 corresponden a Ourense, "a provincia onde se concentra o maior número de incendios de toda a península". Subliñan que "os Axentes Forestais e Medioambientais, son os únicos profesionais con formación específica en materias forestal e medioambiental, con competencias en control, xestión e vixiancia medioambientais e son os que dirixen a extinción do 99% dos lumes de Galicia". E sinalan que a día de hoxe este colectivo "xa ten esgotados os períodos de gardas extraordinarias fora da época estival".

Os Axentes aforman que a Secretaría Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar, "en lugar de basearse en criterios técnicos para establecer a quenda de gardas destes profesionais, usa uns criterios claramente políticos, posto que unha semana antes das eleccións municipais unha semana con temperaturas baixas e incluso con días de precipitacións, se lle impón un período de gardas innecesarias, dende o punto de vista técnico". Os representantes dos traballadores advirten "que non permitirán que se poña en risco a seguridade e saúde dos traballadores, prolongando a súa quenda ordinaria" e no caso que se prolongue de forma excesiva e reiterada a xornada horaria, veranse obrigados a "denunciar estes feitos ante a fiscalía".

Os Axentes denuncian ademais a "política errática" do Goberno autonómico na contratación dos medios aéreos de loita contra incendios

Os Axentes denuncian ademais a "política errática" do Goberno autonómico na contratación dos medios aéreos de loita contra incendios: "mentres as bases con medios propios da Xunta de Galicia permanecen pechadas, outras bases xestionadas por empresas privadas si que están abertas, gastando desta forma diñeiro público innecesariamente, cun fin claramente beneficioso  para estas empresas privadas".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.