Fajardo: "Se isto llo fixeran a un parlamentario do PP, estarían falando de terrorismo"

Juan Fajardo, deputado de AGE © AGE

Nin unha, nin dúas, nin tres. As agresións contra Juan Fajardo -deputado no Parlamento galego e concelleiro en Vilagarcía de Arousa- e os seus familiares continúan. O acoso comezou durante na campaña electoral, con varios episodios nos que persoas sen identificar realizaron pintadas intimidantes no vehículo de familiares e na porta da súa vivenda, onde alguén escribiu "mierda comunista". Repetíronse en varias ocasións, deténdose uns días antes dos comicios, e agora semella que volven comezar.

Este domingo, de novo a vivenda da súa irmá foi obxecto de pintadas e outros desperfectos, unhas accións nas que Fajardo ve a man "da ultradereita". "Isto non é algo casual nin illado, e vai máis aló dun delito de danos, isto é un delito de odio político e así queremos que se investigue e se xulgue", sinala.

Ao igual que hai unhas semanas, o que máis molesta a Fajardo é a "deixadez" das forzas de seguridade e a sensación de "impunidade". "Sentímonos totalmente esquecidos. E o peor foi onte á noite, que a miña irmá escoitou os agresores na porta da súa casa, chamou á policía e a policía nin sequera foi por alí”, explica. "É unha situación brutal, inaceptable" -di- "esperemos que isto non vaia a máis e que as agresións non aumenten en intensidade".

"Se isto llo fixeran a un parlamentario do PP estarían falando xa de terrorismo", engade. O deputado e concelleiro, que xa presentou varias denuncias polos feitos, criticaba xa hai unhas semanas entrevistado por Praza a dobre vara de medir esta situación e outras, moito máis perseguidas: "Neste país métese a xente na cadea por facer comentarios políticos en twitter, ou hai decenas de sindicalistas no cárcere por defender o dereito á folga, pero cando a ultradereita fai estas cousas resulta que che poñen todas as dificultades posibles á hora de facer a denuncia".

Pintada na porta da vivenda do familiar de Juan Fajardo Dominio Público Praza Pública
Pintada no coche dun familiar de Juan Fajardo, en Vilagarcía Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.