A cruz franquista do Castro chega ao Tribunal Constitucional

Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro, en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A anulación da retirada da cruz franquista do Castro en Vigo chega ao Constitucional. A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 vén de presentar un recurso ante o alto tribunal á anulación, por parte do TSXG, do ditame que obrigaba ao Concello de Vigo a retirar o monumento falanxista do monte da cidade. Malia que nun principio o colectivo rexeitara continuar na liorta xudicial pola "dificultade e o custo económico" que supoñía, as "posibilidades reais" de que o TC anule a sentenza do Superior galego decidiunos a seguir.

A Asociación pola Memoria Histórica do 36 vén de recorrer ante o Constitucional a anulación da retirada da cruz franquista

E confirmárono presentando o recurso o pasado 5 de xuño logo de reunir os 3.000 euros grazas á venda de bonos de axuda de 2, 5 ou 10 euros entre a veciñanza desde o pasado mes de marzo. Conseguiron o apoi de máis de 500 persoas, xunto ao de numerosos colectivos. "Decidimos chegar até o final e presentar este recurso porque sabiamos que, desde o minuto un, iamos contar co alento e apoio económico e solidario de moitos vigueses e viguessas, demócratas e antifascistas", di a asociación nun comunicado. 

Foi o pasado 9 de febreiro cando o TSXG revogou a sentenza do xulgado de Vigo do mes de setembro anterior que ordenaba a retirada deste símbolo e logo de que o Concello, liderado polo alcalde Abel Caballero, acudise á xustiza para deter o que parecía unha derruba inmediata. Con todo, nun primeiro momento, a asociación decidiu non solicitar o recurso de amparo ante o Constitucional, pero cambiou de opinión ante o apoio social e as posibilidades dunha sentenza favorable. 

O colectivo conseguiu os cartos necesarios a través das achegas voluntarias da cidadanía e de varios colectivos da cidade

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Vigo dáballe a razón á asociación e ordenaba a retirada da Cruz do Castro por considerala un elemento de "exaltación propagandística da sublevación golpista dos vencedores da guerra civil e da represión franquista posterior". A sentenza rexeitaba que o monumento tivera significado unicamente relixioso, tal e como alegaba e defendeu o Concello, que recorreu a sentenza ao TSXG, que lle deu a razón co voto en contra da maxistrada Cristina María Paz Eiroa. 

Unha loita que vén de lonxe

A Cruz do Castro foi unha iniciativa da Falange, que escolleu o lugar onde se situaría o monumento, aprobado logo polo Concello franquista. Foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 coa presenza do ditador e serviu para numerosos actos de exaltación fascista.

A retirada deste símbolo é unha petición que leva anos amosándose na rúa a través de diferentes mobilizacións. Ademais, xa en 2008 se fixo a súa primeira solicitude formal, á que seguirían varios escritos da Asociación pola Memoria Histórica. Recolléronse máis de 4.000 sinaturas e contouse co apoio de moreas de asociacións, forzas políticas e diferentes colectivos, pero o goberno municipal nunca respondeu.

Ante o silencio oficial, o 19 de xullo de 2011 o colectivo insistía no reclamo ao abeiro legal do dereito de petición (recollido no artigo 29 da Constitución e regulado na Lei 4/2001) amparándose na Lei 52/2007 de memoria histórica. Malia que a administración municipal tiña obriga legal de respostar, non o fixo, e a asociación presentou unha demanda para a protección dos dereitos fundamentais diante do xulgado número 1 de Vigo, que o 19 de decembro de 2011 obrigaba ao Concello a se pronunciar expresamente sobre a solicitude, inadmitíndoa "motivadamente" ou tramitando o procedemento oportuno.

A retirada deste símbolo é unha reclamación de hai anos, apoiada por milleiros de sinaturas e colectivos

A resposta non chegaría até o 1 de marzo de 2013, case cinco anos despois da presentación da primeira petición formal. A Xunta de Goberno Local resolvía nesa data denegar a petición de retirar o monumento fascista. Ante esa negativa, a asociación promoveu o recurso contencioso-administrativo, diante do xulgado número 2 da cidade, do que naceu o proceso xudicial que concluíu coa sentenza que mandatou o Concello a retirar a Cruz da ladeira do monte do Castro.

O pasado mes de setembro, PP e PSOE volvéronse para rexeitar a demolición da cruz franquista. No pleno da corporación local do 29 de setembro, os votos de populares e socialistas rexeitaron unha moción do BNG na que se solicitaba que non se recorrese a sentenza xudicial que obriga a derrubala por considerala un símbolo franquista que atenta contra a dignidade das vítimas.

Ducias de colectivos reclaman a derruba da Cruz do Castro, en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.