O Sergas recúa e non pechará camas de hospitalización psiquiátrica en Santiago

Acto do Movemento Galego da Saúde Mental © MGSM

Hai dúas semanas coñeceuse a intención da Área Sanitaria de Santiago de pechar 15 camas na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Medico - Cirúrxico de Conxo durante o verán, segundo se recollía no Plan de continxencias elaborado pola súa Xerencia. O anuncio fora moi criticado por profesionais e afectados a través do Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM). Porén, os responsables do SERGAS recuaron na súa intención e o pasado venres, a Xerencia comunicoulles directamente a unha representación de traballadoras que o peche anunciado non ía ter lugar.

O MGSM sinala que a rectificación constitúe "unha moi boa nova" e un "motivo de satisfacción e orgullo para os profesionais que se mobilizaron na defensa dos dereitos asistenciais sanitarios dos cidadáns, da sanidade pública"

O MGSM sinala que a rectificación constitúe "unha moi boa nova" e un "motivo de satisfacción e orgullo para os profesionais que se mobilizaron na defensa dos dereitos asistenciais sanitarios dos cidadáns, da sanidade pública, dos recursos de asistencia á saúde mental  e dos dereitos d@s traballador@s". Lembra que xa o pasado ano fora "a unidade, a actitude decidida, o esforzo e a conciencia de estar na razón e no dereito defendendo o que é de toda a poboación" o que conseguira frear o plan de peche da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Gil Casares. Este ano, unha vez máis -engaden- "fronte a este xeito da Consellería de Sanidade de respostar á crise, contrapuxemos a loita decidida, firme e unitaria d@s traballador@s para evitalo".

Porén, os representantes do Movemento denuncian que "durante os días nos que se mantiveron a incertidume pola ameaza de peche de camas e as accións do colectivo de profesionais para remedialo, ocorreron feitos extremadamente graves na Área de Saúde Mental do CHUS, por parte do Xefe de Servizo, que atentan contra a liberdade de expresión". Critican que o Xefe de Servizo "dedicouse" a "arrincar carteis e pancartas elaborados polos traballador@s con lemas de protesta contra os recortes e o peche de camas". O MGSM cualifica o sucedido de "conduta grave, daniña para a convivencia, lesiva para os dereitos fundamentais e laborais, e inaceptable nunha sociedade democrática".

Acto do Movemento Galego da Saúde Mental © MGSM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.