0 Gardados para despois

"Temos que pensar non só como se reparte a torta, senón que cantidade de torta nos queda"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Dende o ecoloxismo e os activistas e investigadores que apostan polo decrecentismo e por unha mudanza radical da nosa forma de consumir e de relacionarnos co medio adoita sinalarse que estamos a vivir unha crise da civilización industrial. Algo que vai moito máis aló dunha crise medioambiental puntual ou dunha crise económica cíclica. Esgótanse os recursos -os combustibles fósiles- que alimentaron o progreso dende o século XVIII, e a súa fin -alertan- chegará nas videiras décadas, obrigando a un cambio sistémico. En la espiral de la energíaeditado en dous volumes por Libros en Acción e Baladre, fai un repaso histórico á relación da humanidade cos recursos dispoñibles e á conformación da actual civilización industrial.

Está escrito por Ramón Fernández Durán, que faleceu en 2011 antes de poder rematalo, e polo economista Luis González Reyes (Ecoloxistas en Acción), a quen o primeiro lle encomendou completar a obra. Luis González Reyes estivo este luns en Compostela, nun acto organizado por Verdegaia; e estará este martes en Vigo (Local da cooperativa Árbore, 19.30 horas), nunha presentación organzada por Árbore, Lapsus, GAS, ODS-Coia e Verdegaia. Falamos co autor.

"As nosas sociedades van ter que vivir nun escenario no que a enerxía está moito menos dispoñible e todo isto está provocando xa unha ruptura no marco de xogo, que se vai reducindo"

Para entendermos a crise da civilización industrial e a relación que establecemos cos recursos dispoñibles e a fontes xeradoras de enerxía cómpre saber de onde vimos, a historia desa relación?

No libro tentamos poñer de relevo o papel que tivo historicamente a enerxía e os cambios enerxéticos e como isto influíu nas sociedades humanas. A nosa análise é que estes elementos están sendo absolutamente determinantes na actual crise, que é unha crise económica, unha crise social con grandes desigualdades, unha crise ambiental e unha crise dos recursos dispoñibles. As nosas sociedades van ter que vivir nun escenario no que a enerxía está moito menos dispoñible e todo isto está provocando xa unha ruptura no marco de xogo, que se vai reducindo.

Se vemos a historia da humanidade, a grandes riscos, vemos como pasamos de sociedades baseadas na caza e na recolección a un metabolismo baseado na agricultura, con máis enerxía dispoñible; e despois a un metabolismo industrial, que permitiu dispoñer de moitísima máis enerxía, ampliando o campo do posible na organización social. No futuro inmediato, con combustibles fósiles cada vez menos dispoñibles, pode que vexamos un regreso a un metabolismo de corte agrícola, non igual que o que xa vivimos, porque a historia non se repite igual.

Nos vindeiros anos xogámonos a posibilidade poder organizar esta transición ao novo sistema dunha maneira organizada, menos traumática?

O cambio non é algo que vaiamos vivir no futuro, senón que é algo que xa nos está afectando. O proceso vai ser moi rápido dende un punto de vista histórico, pero dende o punto de vista da vida dunha persoa vai ser lento. As cousas non van mudar dun ano para outro, tardará lustros ou décadas, pero o cambio chegará. Estamos vivindo as primeiras etapas, e o que debemos tentar é que o colapso da civilización industrial sexa o menos doloroso posible, efectivamente. Temos que tomar grandes decisións como sociedade.

"Para levar a cabo unha transición máis ou menos dolorosa, ou máis ou menos ordenada, o que deberíamos estar facendo agora é ir adoptando políticas de urxencia que nos preparen para os desafíos que temos por diante"

Que tipo de decisións? Que se pode facer?

Para levar a cabo unha transición máis ou menos dolorosa, ou máis ou menos ordenada, o que deberíamos estar facendo agora é ir adoptando políticas de urxencia que nos preparen para os desafíos que temos por diante. Cambios con respecto ao noso consumo enerxético, cambios nos mecanismos consistentes en traer os nosos alimentos dende miles de quilómetros de distancia, cambios en xeral que afectan ao transporte de mercadorías en longuísimas distancias empregando combustibles fósiles, á globalización. Non estamos falando de cambios menores, falamos de cambios fundamentais no noso sistema que requiren políticas de emerxencia. Políticas que xa se aplicaron nalgúns momentos da historia da humanidade, por exemplo na Segunda Guerra Mundial no Reino Unido ou nos Estados Unidos.

Porén, hoxe en día isto aínda non está realmente no debate; fálase algo da política enerxética ou do cambio climático, pero de maneira moi secundaria. Nós non dicimos que estes sexan os únicos temas que temos que abordar, hai cuestións sociais e económicas moi importantes, pero pensamos que sen tratar estes temas coa urxencia e relevancia que merecen, o resto tampouco se poderá afrontar porque estariamos ignorando aspectos fundamentais do que está supoñendo a crise.

"Un dos grandes debates que deberemos ter na esquerda ten que ver coa relación que establecemos coa natureza; ao igual que falamos de como debe ser a relación entre as persoas, teremos que falar da relación das persoas co medio"

As forzas de esquerda, que poderían ser as máis sensibles a estas propostas, en realidade proceden na súa meirande parte de tradicións que tamén fiaban o benestar ao progreso e ao crecemento. Está mudando a súa visión?

A súa visión xa está cambiando, si. As esquerdas estiveron baseadas na confianza no progreso, unha idea que ten que ver moito co crecemento e con maximizar os beneficios sociais do crecemento económico. O que temos que pensar agora é non só como se reparte a torta, senón que cantidade de torta nos queda. Un dos grandes debates que deberemos ter na esquerda ten que ver coa relación que establecemos coa natureza; ao igual que falamos de como debe ser a relación entre as persoas, teremos que falar da relación das persoas co medio. A comezos do século XX podiamos pensar que os recursos eran infinitos, e agora vai quedar moi patente que non o son e que non o foron nunca.

"Son as persoas as que deben poñer estes cambios en marcha, pero as administracións poden actuar como facilitadoras"

Acabamos de ter eleccións municipais e autonómicas. No outono teremos eleccións xerais. Que se pode facer dende as administracións -os concellos ou os Estados-?

Todos os cambios sociais importantes, os que afectan á vida das persoas, teñen que ver sobre todo coa creación de alternativas por parte da sociedade. Que papel xogan entón as administracións? Non son os protagonistas deses cambios, pero poden ser os seus catalizadores. Son as persoas as que deben poñer estes cambios en marcha, pero as administracións poden actuar como facilitadoras. Isto ten que ver co ámbito lexislativo, que debe facilitar e incentivar esas novas formas de vida, de consumo, de produción. No ámbito municipal, por exemplo, pode ser importante favorecer entidades e empresas sen ánimo de lucro sobre as empresas capitalistas, ou favorecer as empresas locais, ou aquelas que prioricen unha relación máis respectuosa do entorno.

Hai tamén políticas importantes que teñen que ver cos recursos; non é o mesmo canalizar miles de millóns para salvar bancos que empregalos para fomentar as enerxías renovables. As institucións, polo tanto, teñen moito que dicir. Un terceiro bloque de medidas teñen que ver co fomento da democracia: os cambios van requirir dunha implicación intensa da poboación. Aí os concellos tamén teñen un papel importante: todo o relativo con orzamentos participativos e a todas as ferramentas que teñen que ver cunha participación real por parte da cidadanía.

"Non é o mesmo canalizar miles de millóns para salvar bancos que empregalos para fomentar as enerxías renovables. As institucións, polo tanto, teñen moito que dicir"

Supoño que queres facer mención á figura de Ramón Fernández Durán, que iniciou este libro...

Este libro está escrito por dúas persoas que nunca traballamos xuntos nel. Ramón concibiu esta obra coma o cumio do seu pensamento e do seu traballo político, pero non o puido rematar. O cancro foi máis rápido que a súa capacidade de escritura e na última fase pediume que eu rematase o texto, o que me pareceu unha petición abrumadora, porque Ramón non só era un referente intelectual para min, senón que era tamén un xigante como persoa. E ao final converteuse nun agasallo, que me permitiu recibir un cariño que en realidade ía para el, que me permitiu aprender unha chea de cousas e que me permitiu tamén mantelo vivo, no propio traballo sobre o texto, mediante discusións imaxinarias á hora de redactar ou corrixir cada parágrafo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.