0 Gardados para despois

A Xunta só ten operativo un helicóptero de extinción de incendios, denuncian os sindicatos

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Que é unha brigada helitransportada sen helicóptero? Pois simplemento un equipo de extinción que se despraza en vehículos todo terreo para loitar contra un incendio. Esta absurda situación é a que sucedeu a pasada semana no lume declarado en Lousame e que queimou 28 hectáreas. A brigada helitransportada que Medio Rural ten no Campiño, en Pontevedra, chegou ao lugar do incendio en todo terreo, segundo os sindicatos, despois de percorrer ao redor de setenta quilómetros, máis dunha hora de viaxe.

A razón é que esta brigada carece de helicóptero, denuncian os sindicatos, que subliñan que na actualidade hai tan só unha aeronave deste tipo operativa en toda Galicia. Trátase da que ten como base Toén (Ourense), pertencente á empresa Naturtecnia, e que dende alí ten que desprazarse a calquera foco contra o que haxa que loitar no país, como de feito fixo ata Lousame. CIG, CC.OO., UGT e CSIF fixeron pública esta denuncia a pasada semana, o que foi negado pola Xunta, que se limitou a dicir que todas as brigadas helitransportadas que se desprazaron a Lousame o fixeron en helicóptero.

Isto é negado polas centrais sindicais, que acusan o Goberno galego de "mentir" e salientan que "se a base da Xunta estivese operativa o día do lume a catástrofe sería menor, posto que o tempo de chegada do helicóptero sería moito máis curto". Os sindicatos lembran que o Plan de Incendios de Galicia (PLADIGA) de 2015, elaborado pola Xunta, establece que nesta época de perigo de incendios debería haber dispoñibles 8 helicópteros, dos cales só está activo un, que ademais depende dunha empresa privada. O Ministerio de Medio Ambiente só dispón dunha base en Galicia, en Laza, que neste momento tamén carce de helicópteros.

O PLADIGA establece que nesta época de perigo de incendios debería haber dispoñibles 8 helicópteros, dos cales só está activo un, que ademais depende dunha empresa privada

Alertan de que as actuais condicións (moi escasa chuvia dende hai meses e forte vento de nordés) elevan o perigo de incendios importantes. Aínda que -en principio- a partir do 1 de xullo poderían pasar a estar operativas máis aeronaves, o risco nestas dúas últimas semanas de xuño será alto. Os sindicatos denuncian que "se están desmantelando os servizos públicos, para favorecer as empresas privadas, posto que mentres as brigadas propias da Xunta carecen de medios aéreos, outras pertencentes a empresas privadas dispoñen de helicóptero".

 

Privatización en 2012

En decembro de 2012 o Goberno galego decidiu a privatización até 2015 "do servizo integrado de helicópteros e brigadas helitransportadas con destino á prevención e defensa contra incendios forestais". A medida incluía polo tanto a externalización do mantemento e posta á disposición das aeronaves e tamén dos equipos de brigadistas que viaxarían nelas. A privatización, cun custe para as arcas públicas de máis de 12 millóns de euros en dous anos, deu lugar de inmediato a denuncias sindicais, que mesmo chegaron até a Fiscalía, e que sinalaban que con esta decisión a Xunta buscaba "beneficiar certas empresas". Inaer e Natutecnia fixéronse coas adxudicacións, nun proceso sen concurso público.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.