Portas pechadas ás ensinanzas artísticas nas universidades: campo aberto para a privada

Rolda de prensa ofrecida este xoves no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Os e as estudantes galegas de ensinanzas artísticas, así coma o profesorado destas disciplinas (Música, Artes Plásticas, Deseño ou Conservación e Restauración), continúan na loita pola súa integración no sistema universitario. Unha demanda que vén de vello, despois de que en 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo anulase a súa consideración de estudos universitarios, devolvéndoos á súa condición previa de estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e posgraos, pero non integrados no sistema universitario. Unha simple equiparación que en moitos asuntos (bolsas, Erasmus, acceso a outros programas de estudo, dereitos do profesorado...) introduce diferenzas fundamentais.

A Plataforma reclama da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que "exerza as súas competencias"

Este xoves ofreceron unha rolda de prensa no Parlamento na que representantes do alumnado, das asociacións de nais e pais e dos sindicatos leron un manifesto en nome da Plataforma pola Adscrición e a Integración das Ensinanzas Artísticas na Universidade. A súa principal demanda é que se poña en marcha o establecido do artigo 58.7, da LOMCE, que determina que as administracións educativas poderán adscribir centros de ensinanzas artísticas superiores mediante convenio ás universidades.

Subliñan que en Galicia xa se deu o caso de que un centro privado autorizado pasase a impartir títulos superiores de música que non se tiñan implantado nos conservatorios superiores públicos. E salientan que "igualmente grave" é a situación dos estudos en Conservación e Restauración en Bens Culturais, que tamén ofrecen as universidades, públicas e privadas, "o que implica unha discriminación moi negativa para as tituladas e titulados superiores en tanto a suposta equivalencia acaba por non aplicarse en numerosos casos", sexa no acceso a bolsas para posgraduados, na continuidade de estudos, ou na incorporación ao mercado laboral, "pois sempre se prima a titulación universitaria".    

Subliñan que en Galicia xa se deu o caso de que un centro privado autorizado pasase a impartir títulos superiores de música que non se tiñan implantado nos conservatorios superiores públicos

A Plataforma reclama da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que "exerza as súas competencias" e publique de forma inmediata unha norma que estableza os criterios para a adscrición dos centros superiores de ensinanzas artísticas á universidade no curso 2015-2016, favorecendo que "nun período razoable de tempo" eses centros se poidan integrar plenamente no sistema universitario. A Plataforma afirma que a adscrición e a propia integración "a ninguén prexudica, beneficia de maneira sensible a todos os integrantes da comunidade educativa e pode ter efectos moi positivos na mellora permanente do sistema cultural galego, pois falamos dos centros onde se forman profesionais na creación e conservación do noso patrimonio cultural".

As entidades que conforman a Plataforma fan tamén "un chamamento público" aos reitores das tres universidades galegas para que apoien publicamente esta demanda "que non persegue outra cousa que mellorar a formación e a investigación en educación artística, facer máis e mellor universidade, e máis e mellor país".

Denuncian que se converteu "en problema político un problema ben sinxelo de ordenación académica", unha cuestión na que cren ver a presión de universidades e centros privados de ensino superior

Critican especialmente a actitude mantida polo Partido Popular que -lembran- no seu programa electoral para as eleccións xerais de 2008 anunciaba que posibilitarían “a incorporación das ensinanzas artísticas superiores á universidade, de acordo co marco do Espazo Europeo da Ensinanza Superior”. Denuncian que se converteu "en problema político un problema ben sinxelo de ordenación académica", unha cuestión na que cren ver a presión de universidades e centros privados de ensino superior: "numerosas universidades privadas e centros adscritos a universidades privadas están na actualidade aumentando de forma exponencial a oferta de títulos de grao en ensinanzas artísticas, e acaparando a oferta de títulos de posgrao, incluíndo títulos específicos de doutorado en ensinanzas artísticas".

Rolda de prensa ofrecida este xoves no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.